Consellería de Facenda
Actualidade
Venres, 29 Outubro 2010 13:12
JAVIER GUERRA SALIENTA O INCREMENTO ORZAMENTARIO DO 12% NA APOSTA DA XUNTA POLA INTERNACIONALIZACIÓN DO TECIDO PRODUTIVO GALEGO
  • As contas de Economía e Industria para 2011 contemplan ambiciosos proxectos de atracción de investimentos para posicionar a marca Galicia no exterior, programas de cooperación con organismos multilaterais de desenvolvemento, a internacionalización dos clusters e os programas de creación de redes internacionais
  • O conselleiro avanzou que o seu departamento mantén o compromiso económico co impulso á electromobilidade, e cifrou nun 500% o crédito orzamentario para fomentar a política de clusters, en case un 70% os cartos destinados aos plans de gasificación e reiterou o seu apoio ao sector naval 
  • A dispoñibilidade orzamentaria permitirá tamén cumplir cos obxectivos fundamentais do Plan Ágora Agora re-Comercia de apoio ao pequeno comercio e aos concellos e prazas de abastos
  • A Xunta continuará co cambio de paradigma na xestión da I+D+i, “que pasa por extremar a eficacia dos investimentos, cunha xestión onde se extremen os mecanismos de control dos recurso públicos de cara a garantir o retorno dos investimentos e a súa capacidade para xerar riqueza”

Santiago, 29 de outubro de 2010.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, compareceu hoxe no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para 2011, e salientou que se trata dunhas contas marcadas por un escenario económico en recesión e que responden á decisión da Xunta de manter a austeridade e a blindaxe das políticas sociais e de benestar como prioridades da súa acción de Goberno.

JAVIER GUERRA SALIENTA O INCREMENTO ORZAMENTARIO DO 12% NA APOSTA DA XUNTA POLA INTERNACIONALIZACIÓN DO TECIDO PRODUTIVO GALEGO

Javier Guerra asegurou que o obxectivo da Consellería é o de facer rendible ao máximo a súa capacidade orzamentaria “dentro do escenario de inestabilidade imposto polo Goberno central, en contraposición a un Executivo galego que ten planificado un modelo de xestión que prioriza a estabilidade orzamentaria, por tratarse da única fórmula válida de cara asegurar a solvencia do noso sistema e blindar, ao mesmo tempo, os investimentos no eido social”.

O conselleiro de Economía e Industria cualificou os orzamentos do seu departamento como “os orzamentos da confianza nos emprendedores, da decidida aposta pola internacionalización, do impulso da innovación creadora de valor, do apoio aos comerciantes, do impulso á industria galega e os seus sectores e da confirmación definitiva do compromiso da Xunta coa creación dun modelo enerxético líder no eido enerxético convencional e das renovables”.

O conselleiro de Economía e Industria sinalou que a “xestión eficaz dos recursos, a austeridade no capítulo de gastos e máis o control dos retornos do investido, son directrices certeiras que non imos abandoar, pero  nós non nos imos levar a enganos, e este ano teremos que seguir facendo un esforzo, porque a clave para acelerar a reactivación económica radica en asegurar un horizonte de  estabilidade orzamentaria”.

Javier Guerra cifrou a capacidade orzamentaria da Consellería de Economía e Industria para o ano 2011 en 552 millóns de euros, destacando “que é posible recortar gastos no prescindible para atender as necesidades reais de Galicia, gastando menos en nós mesmos e máis nos cidadáns e nos sectores produtivos para acadar maior crecemento económico con máis austeridade e máis eficiencia”.

Deste xeito, os orzamentos da Consellería de Economía e Industria manteñen as liñas fundamentais de apoio na procura de recuperar o camiño da prosperidade na política económico-industrial e acadar a máxima competitividade das empresas, posto que “a pesares das restricións a aposta pola internacionalización non só non baixa, senón que se incrementa en case un 12%, consolidando o xa iniciado”.

Neste eido, Javier Guerra apuntou que as contas de Economía e Industria contemplan ambiciosos proxectos de atracción de investimentos para posicionar a marca Galicia no exterior, programas de cooperación con organismos multilaterais de desenvolvemento, a internacionalización dos clusters e os programas de creación de redes internacionais.

O fomento da competitividade empresarial e os plans de reequilibrio territorial “recibirán tamén concretos e importantes apoios focalizados en Ourense, Lugo e na Costa da Morte e Ferrol”. O conselleiro de Economía e Industria afirmou que se manterán os apoios aos grandes investimentos empresariais e a base das axudas a proxectos emprendedores con importantes facilidades para que calquera iniciativa viable poida ser obxecto de axuda.

Do mesmo xeito, os orzamentos do ano 2011 suporán a consolidación dos programas de financiamento do Igape para axudar a paliar as dificultades de acceso ao crédito, priorizando a súa implementación en relación co número de postos de traballo e tratando de salvagardar aqueles sectores estratéxicos e de maior potencial de futuro dentro do noso tecido produtivo.

Dentro do marco de austeridade no que se inscriben os orzamentos da Consellería, Javier Guerra avanzou que o seu departamento mantén o compromiso económico co impulso á electromobilidade, e cifrou nun 500% o aumento do crédito orzamentario para fomentar a política de clusters, nun 70% os cartos destinados aos plans de gasificación para achegar esta fonte de enerxía a todos os galegos e reiterou o seu apoio ao sector naval.

A dispoñibilidade orzamentaria permitirá tamén cumplir cos obxectivos fundamentais do Plan Ágora Agora re-Comercia para “por en marcha o Observatorio de Comercio e a Rede de Dinamización Comercial, apoiar ao pequeno comercio e aos mercados municipais e dotar aos concellos de mellores equipamentos, ademais de contemplar importantes achegas ao fomento do asociacionismo, seguir apoiando a internacionalización da man das cámaras de comercio e facilitar o aprovisionamento das zonas rurais”.

O conselleiro de Economía e Industria reiterou que o seu departamento continuará co cambio de paradigma na xestión da investigación o desenvolvemento e a innovación, “que pasa por extremar a eficacia dos investimentos, cunha xestión onde se extremen os mecanismos de control dos recurso públicos de cara a garantir o retorno dos investimentos e a súa capacidade para xerar riqueza”.

Unha filosofía, explicou, que “se verá reflectida, lonxe de mensaxes alarmistas, no novo plan galego de I+D+i, que permitirá enfrontar o novo exercicio baixo os parámetros de estabilidade e eficacia para acelerar a transición cara un modelo baseado no coñecemento que implica unha forte aposta pola innovación na empresa”, para o que se conta cunha importante partida económica de 20 millóns de euros co obxectivo de financiar empresas de base tecnolóxica.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a