Consellería de Facenda
Actualidade
Xoves, 28 Outubro 2010 13:05
MEDIO RURAL CENTRA O SEU ORZAMENTO PARA 2011 EN INVESTIMENTOS PRODUTIVOS E NA MELLORA DA EFICIENCIA NAS PRESTACIÓNS PÚBLICAS
  • Juárez explicou no Parlamento que, fronte ao 20’6% de redución orzamentaria global da Consellería, a achega de fondos propios da Xunta minora só o 14’9
  • Medio Rural recorta en maior medida os gastos de funcionamento e os investimentos non produtivos
  • O conselleiro defendeu que a redución orzamentaria demostra a aposta da Xunta polas políticas sociais e que se mantén o esforzo en temas clave do seu departamento, caso da sanidade animal e a loita contra os incendios forestais

Santiago, 28 de outubro de 2010.- Os orzamentos da Consellería do Medio Rural para o 2011 concentran os seus esforzos, mediante unha racionalización exhaustiva do gasto, en investimentos produtivos e subvencións. Trátase, segundo explicou o titular deste Departamento, Samuel Juárez, esta tarde no Parlamento, de empregar os cartos públicos con criterios claros de prioridade. Así, explicou conselleiro, redúcense en maior medida os gastos de funcionamento e investimentos non produtivos.

Cómpre aquí salientar que, do orzamento que esta Consellería dispón cada ano, boa parte do mesmo deriva de fondos provenientes do Goberno Central e a Unión Europea, mediante programas cofinanciados. Pois ben, a redución da achega das outras dúas administracións é moito maior cá galega; de fondos propios, a Xunta reduce a aportación a Medio Rural só no 14’9 %, fronte a unha minoración global do orzamento do 20’6 %.

Puntos fortes

O orzamento de Medio Rural para 2011 contempla unha rebaixa apenas significativa nas partidas destinadas a sanidade animal e incendios, garantindo, en todo caso, a calidade e eficacia destes dous servizos fundamentais. Asemade, e segundo salientou Samuel Juárez, con estas contas garántese a continuidade do programa FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) 2007-2013, para evitar a perda de fondos europeos, aspecto fundamental nestes tempos de crise.

Ao tempo, dixo tamén o conselleiro que se manteñen as accións máis importantes en materia de conservación da Natureza e espazos protexidos, con investimentos no mantemento eficaz dos hábitats e menos cartos en “ladrillos” (centros de interpretación).

En relación co lácteo -unha das apostas estratéxicas da Xunta para a presente lexislatura- asegúrase que se segue executando o Plan Estratéxico deste Sector, especialmente no que atinxe á modernización das explotacións agrogandeiras e o pulo á logomarca do leite galego de calidade.

En materia forestal, o conselleiro do Medio Rural engadiu que os orzamentos permiten igualmente continuar coas accións encamiñadas ao agrupamento de propietarios de parcelas no monte, e especialmente o impulso ás SOFOR (Sociedades de Fomento Forestal).

Axúntase de seguido cadro resumo do orzamento 2011 da Consellería do Medio Rural:

ORZAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL (COMPARATIVA 2011/2010)

CAPÍTULO* I II IV VI VII TOTAL VARIACIÓN %
DOTACIÓN 2011    145.306    10.475    15.790    135.194    218.284    525.049    -136.377 -20,6%
DOTACIÓN 2010    154.163    11.370    20.671    206.381    268.841    661.426

Datos en miles de euros.
*CAPÍTULOS: I (Gastos de persoal); II (Gastos correntes en bens e servizos);
IV (Transferencias correntes); VI (Investimentos reais); VII (Transferencias de capital)

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a