Consellería de Facenda
Actualidade
Venres, 29 Outubro 2010 15:00
VÁZQUEZ ABAD DESTACA NO PARLAMENTO QUE A CRISE ECONÓMICA NON LASTRARÁ O CAMBIO CARA A UN NOVO SISTEMA EDUCATIVO GALEGO
  •  O conselleiro de Educación lembrou que 1 de cada 4 euros dos Orzamentos 2011 irán destinados ao departamento que dirixe
  • A Xunta fai unha aposta estratéxica polas universidades galegas, blindando o seu financiamento malia á crise que afecta aos presupostos
  • O Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras e a integración das TIC para un sistema educativo do futuro concentran o esforzo orzamentario da Consellería

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2010.- O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe no Parlamento a aposta dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2011 polo ensino público de calidade, “que posibilitan que un de cada catro euros sexan para Educación”, de tal forma que a crise económica non lastre o cambio cara a un novo sistema educativo galego.

Neste sentido, Vázquez Abad lembrou o compromiso do Goberno galego co Sistema Universitario de Galicia (SUG), especialmente a través do Plan de Financiamento 201-2015. Non en balde, só no exercicio 2011 a Xunta achegará aos SUG un total de máis de 390 millóns de euros de dotación de financiamento.

VÁZQUEZ ABAD DESTACA NO PARLAMENTO QUE A CRISE ECONÓMICA NON LASTRARÁ O CAMBIO CARA A UN NOVO SISTEMA EDUCATIVO GALEGO

Ademais, o conselleiro explicou que os presupostos para o próximo ano son “austeros e realistas, e ofrecen aos galegos e galegas cimentos para a recuperación da confianza e abren novas oportunidades para o futuro”. Así, a Consellería avanzará nos novos proxectos, tales como o Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras ou o Proxecto ABALAR – para a integración das TIC no sistema educativo galego-. “Quizais toque ir a menor velocidade no desenvolvemento de proxectos, pero non podemos renunciar a eles”, xa que o Goberno galego está decidido a “seguir ofrecendo á sociedade galega a transformación do noso sistema educativo”.

Máis peso para o ensino

Vázquez Abad salientou o peso que orzamentos de educación representan sobre os totais da Xunta, “un 24,2% sobre o total do orzamento non financeiro da Administración Xeral, un 0,9%, case un punto, máis que o ano pasado”.

Así, o conselleiro incidiu no firme e decidido compromiso da Xunta de Galicia pola educación, departamento ao que os Orzamentos 2011 destinan máis de 2.222 millóns de euros. Esta cifra supón só un 6,8% menos respecto do ano anterior, 161,4 millóns de euros, dos que case que 77 millóns se corresponden coa minoración imposta polo Real Decreto-lei do Goberno central para a adopción de medidas extraordinarias para a redución do déficit público. “Se collen a calculadora este descenso é do 3,5% respecto do orzamento do ano 2010, porcentaxe que aínda se podería rebaixar máis si lle engadimos o descenso dun 5% do módulo de sostemento dos centros concertados que aparece no proxecto de orzamentos xerais do Estado”, explicou.

Porén, engadiu, o presuposto Ministerio de Educación, segundo o indicado polo propio ministro, “redúcese un 8,1 %, sen ter en conta os gastos de persoal – dos que se fan cargo as Comunidades Autónomas-, é dicir, case 4 puntos porcentuais máis”. Isto afecta, asemade, a Galicia xa que, como lembrou Vázquez Abad, “a caída dos orzamentos do Estado dedicados a educación diminúe tamén os desta Consellería”.

Unha Universidade para saír da crise

Vázquez Abad lembrou que nas cifras incluídas no proxecto de presupostos queda clara a aposta estratéxica da Xunta pola Universidade, ao blindar o seu financiamento malia á crise económica que afecta ao conxunto dos Orzamentos 2011.

Así, o novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2011-2015 garantirá a estabilidade precisa para o avance e transformación das tres universidades galegas. “Deste xeito - explicou-  no primeiro ano de vixencia do plan terá unha dotación de máis de 390 millóns de euros para o financiamento do SUG”. Unha cifra, que como recordou, dista dos 353 millóns previstos iniciais, e cuxo incremento débese ao esforzo excepcional realizado pola Consellería nun ano de gravísima crise no que o recorte orzamentario xeral da Xunta é de preto do 11%.

Isto supón incrementar o financiamento universitario en máis dun 10%. Neste mesmo eido, o conselleiro explicou que a Consellería mantén as contías dos créditos destinados a bolsas para alumnos universitarios, ás que se destinarán 3 millóns de euros no exercicio 2011. “Este Goberno cumpre as súas palabras e as universidades galegas non serán as vítimas da crise, senón unha das ferramentas que poden ofrecer solucións para saír dela”, resumiu.

A procura dunha educación do século XXI

O conselleiro de Educación explicou que as contas da Xunta para o vindeiro ano son austeras pero manteñen o compromiso cos programas chamados a dar un xiro ao sistema educativo galego. Así, incidiu na importancia dada ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que crece un 11,2%; e para o que se incrementan, entre outras, as partidas destinadas á formación do profesorado en linguas (un 13,8% máis). Neste mesmo marco, destínanse máis de 1,4 millóns de euros para a dotación de axudas aos auxiliares de conversa que acompañarán ao alumnado durante todo o curso escolar.

A integración das TIC no sistema educativo galego, fundamentalmente a través do Proxecto ABALAR, é outra das liñas estratéxicas que se manteñen malia á crise económica, cun incremento do 7,2% no programa dedicado ao fomento da sociedade da información.

Loita contra o abandono e o fracaso escolar

Doutra banda, a Consellería mantén as cifras do programa de prevención do abandono escolar, destinando recursos aos proxectos de fomento da lectura, cun aumento porcentual do 716%; e cun convenio que a Consellería asinará a finais do 2010 co Ministerio para o Plan PROA (Programas de Reforzo, Orientación e Apoio), e ao que a Consellería achegará case 8 millóns de euros, fronte aos 5,3 aportados polo Goberno central.

Ademais, a Consellería ten posto en marcha o PLAN LÍA  2010/2015 de Bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, para o que en 2011 haberá 2,35 millóns de euros, 1,25 millóns máis respecto do 2010. O obxectivo deste plan é favorecer a adquisición das competencias lingüísticas do alumnado galego, e constribuír ao éxito escolar, mellorando a lectura comprensiva, e a escritura; e estimulando a experiencia lectora entre os distintos sectores da comunidade educativa.

Mellora da xestión

O avance nestes eidos faise posible grazas á mellora da xestión que realiza a Consellería en apartados como o gasto corrente, mantendo ao mesmo tempo o concepto dedicado a gastos de funcionamento dos centros públicos, para que a crise non afecte á calidade do ensino público.

Ao incidir no mantemento da calidade no funcionamento e instalacións dos centros, o conselleiro de Educación lembrou o carácter social das partidas destinadas a comedores e transporte escolar. Destes servizos complementarios, destacou que “unha cifra importante para garantir o acceso á educación, sobre todo no medio rural, é a dedicada a comedores escolares”.

Así, explicou que “nun escenario de restrición nas contas públicas a partida non só non descende, senón que se incrementa con respecto presente ano, imos dispoñer de un millón de euros adicional ata elevar a contía presupostada a máis de 24,2 millóns. É dicir, un 4,3% mais, exactamente 10.000.000 mais que o destinado no 2007”.

Respecto do transporte escolar, a partida descende un 8% en 2011, “sen mingua do servizo, porque un 7% correspóndese coa rebaixa da facturación das empresas de transporte que este goberno conseguiu aprobando a Lei 5/2009 de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte publico”, engadiu o titular de Educación. O 1% restante vai a ser asumido mediante medidas que tendan a obter unha maior eficiencia e mellor xestión dos fondos públicos; coa harmonización do transporte adaptado mediante convenios coas asociación e entidades sen animo de lucro, e mellora da estrutura das liñas.

Ademais, Vázquez Abad anunciou o incremento do 2,71% do presuposto da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que soporta o 75,6% do gasto da Consellería. En concreto, incidiu no incremento do 27% nos orzamentos do capítulo VII desta Dirección Xeral, boa parte deles dedicados ao programa de gratuidade solidaria de libros de texto, “que constitúe unha das políticas sociais mais importantes en tempos de crise para as familias”.

Apoio á RAG

En relación coas partidas destinadas á Secretaría Xeral de Política Lingüística, o titular de Educación confirmou que a Consellería dá cumprida resposta á demanda das dotacións a Real Academia Galega, ao aumentar a súa dotación un 125,3%, ata chegar aos 135.390 euros. Entre as apostas máis fortes deste departamento salientou os 4 millóns de euros para actividades de dinamización e promoción social da lingua galega, que permiten despregar un importante abano de iniciativas nos sectores sociais estratéxicos; e os 1,2 millóns para a formación de adultos en lingua galega a través de fórmulas didácticas innovadoras como o primeiro curso Celga en liña, posto en marcha o pasado mes de setembro.

Asemade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística disporá en 2011 de 650.000 euros para as axudas para o fomento do galego nos centros educativos; 500.000 euros para colaborar coas entidades locais no fomento do galego a través da primeira Rede de Dinamización Lingüística -que tamén botou a andar en setembro-; e vai investir máis de medio millón de euros na  proxección exterior do galego en centros de estudos de galego e lectorados, a través de convenios con máis de 40 universidades de todo o mundo.

“Estas liñas de actuación previstas para o 2011 son boa mostra de que queremos darlle un novo pulo á lingua galega, tendo en conta os retos aos que se enfronta o idioma no século XXI e, ao mesmo tempo, axustándonos aos desafíos derivados da actual situación económica”, puntualizou Vázquez Abad.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a