Consellería de Facenda
Actualidade
Xoves, 28 Outubro 2010 09:52
RUEDA DESTACA O COMPROMISO DA XUNTA COA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA, CUXAS PARTIDAS SUBEN UN 7% NO ORZAMENTO DE 2011
  • Máis da metade do orzamento da Consellería para o vindeiro ano vai destinado ao desenvolvemento da xustiza en Galicia
  • Os tres grandes eixos en xustiza pasan polas infraestruturas xudiciais, os recursos humanos e as novas tecnoloxías e o investimento supera os 160 millóns de euros
  • O conselleiro de Presidencia presenta uns orzamentos austeros e responsables, onde a principal esixencia de axuste vai dirixida á maquinaria burocrática
  • Avanza novas liñas de aforro, coa dixitalización do DOG, a eficiencia enerxética e a racionalización dos teléfonos de información
  • Poranse en marcha cinco novos parques de bombeiros en Lugo e outro máis na provincia de Ourense

Santiago, 28 de outubro de 2010.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para expoñer os orzamentos do seu departamento e destacou a forte aposta da Xunta de Galicia pola Administración de Xustiza, cuxas partidas se incrementan case un 7 por cento nas Contas autonómicas para o vindeiro ano 2011 con respecto ao actual exercicio.

RUEDA DESTACA O COMPROMISO DA XUNTA COA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA, CUXAS PARTIDAS SUBEN UN 7% NO ORZAMENTO DE 2011

“Máis da metade do orzamento desta Consellería para o ano 2011 vai destinado ao desenvolvemento da xustiza en Galicia”, subliñou Rueda, que recordou que, pese ás dificultades económicas e as baixadas de ingresos nas arcas autonómicas, a Xunta redobra por segundo ano consecutivo o seu esforzo a prol dun eido tan importante como a Administración de Xustiza.

Así, o titular de Presidencia explicou que se está a levar a cabo un apoio sen precedentes en tres eixos estratéxicos, como son as infraestruturas xudiciais, os recursos humanos e as novas tecnoloxías. De feito, si se suman as partidas orzamentarias da Dirección Xeral de Xustiza, as procedentes da Sociedade Pública de Investimentos para o Plan de Infraestruturas Xudiciais e as que a Secretaría Xeral de Modernización vai destinar para impulsar as novas tecnoloxías, a dotación global da Xunta para a xustiza superará en 2011 os 160 millóns de euros.

No caso concreto do Plan de Infraestruturas, Rueda explicou que xa é unha realidade e que a licitación alcanza case os 10 millóns de euros nun só ano, estando pendente de licitación ademais -ata que o Concello solvente as eivas nas expropiacións- o novo edificio xudicial de Ourense, por un importe de 18,4 millóns de euros. Para 2011 este esforzo multiplícase, xa que se recolle a través da Sociedade Pública de Investimentos unha partida histórica de 52 millóns de euros para iniciar as obras de nova planta.

Novos órganos xudiciais

Así mesmo, os orzamentos para o vindeiro ano reflicten un incremento dos recursos destinados ao persoal de xustiza, que medran un 12 por cento. Esta subida permitirá a posta en marcha de 13 novos órganos xudiciais que comezarán a funcionar a finais deste mesmo ano e que suporán a integración de 75 empregados públicos máis. “A diferenza doutras Comunidades Autónomas, o Goberno galego aposta por non adiar a apertura de novos xulgados”, destacou o conselleiro.

Outro dos eixos pasa polo impulso das novas tecnoloxías e por iso as contas da Xunta para o ano que vén recollen unha partida de 2,7 millóns de euros, na Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, para o Plan Senda 2014, que busca unha Administración de Xustiza máis áxil e segura, máis coordinada entre as súas instancias e con novas oportunidades de formación para o persoal.

Austeridade e responsabilidade

Alfonso Rueda fixo fincapé no carácter austero e responsable dos orzamentos que presentou hoxe na Cámara e explicou que, precisamente, a principal esixencia de axuste e sacrificio vai dirixida á propia maquinaria burocrática. Así, referiuse á consolidación da nova estrutura periférica, con só cinco delegados territoriais en lugar de 52 altos cargos, unha medida que superou en case un 40 por cento o aforro previsto.

Así mesmo, citou os aforros acadados nas delegacións no exterior e co plan de reestruturación do parque móbil e anunciou que no ano 2011 se avanzará en novas liñas de aforro. Nese sentido, citou en primeiro lugar a dixitalización do Diario Oficial de Galicia, xa emprendida este ano e que permitirá un aforro dun millón de euros.

En segundo lugar, exploraranse as posibilidades para habilitar medidas de aforro e eficiencia enerxética nos complexos administrativos e por iso, ademais de aplicar un protocolo de actuacións para concienciar ao persoal e reducir os consumos, levarase a cabo unha exhaustiva auditoría enerxética. Ademais, o vindeiro ano materializarase o proceso de racionalización dos servizos telefónicos de información, que quedarán centralizados no número 012, permitindo así un aforro anual de 1,5 millóns.

Tamén se avanzará na execución e seguimento do Plan de avaliación de organismos dependentes, que situou a Galicia á cabeza das Comunidades Autónomas ao adoptar un proceso integral de adelgazamento da Administración paralela. O orzamento da Xunta para 2011 reflicte xa a extinción dun total de 40 fundacións e dúas sociedades no marco deste plan, que nos seus tres primeiros meses de execución ofreceu un aforro de 8,2 millóns de euros.

O titular de Presidencia destacou en definitiva que os orzamentos presentados hoxe son responsables, responden ao obxectivo global da Xunta coas políticas sociais e cos servizos públicos e non esquecen que as políticas deben servir ás persoas. Así, indicou que os orzamentos son a resposta pública ao esforzo que todos os galegos están a facer na loita contra a crise e deixan claro as prioridades da Consellería: manter o ritmo de investimento  en servizos básicos como xustiza e emerxencias, ser receptivos ás necesidades dos concellos e impulsar as estratexias de cooperación en todos os ámbitos.

Emerxencias e Interior

Nesa liña, seguirase a apostar pola fórmula consorcial a nivel provincial no servizo contraincendios e de salvamento. No marco tamén da cooperación cos concellos, ao longo do vindeiro ano porase en funcionamento o parque do Carballiño-Ribeiro en Ourense e cinco novos parques na provincia de Lugo (Barreiros, Chantada, Sarria, Viveiro e Vilalba). No ámbito das emerxencias, tamén se construirá un novo Centro de Atención ás Emerxencias na Estrada, cun investimento de 9,5 millóns, e se reforzan os recursos transferidos á Academia Galega de Seguridade Pública.

Dentro da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, no ano 2011 se traballará nunha nova Lei de Espectáculos Públicos, co obxectivo de contar cunha visión actualizada e global que regule este ámbito na Comunidade galega. E nese marco de importantes reformas lexislativas, plantexarase a modificación da actual Lei de Xogo, que palíe o baleiro legal existente no caso do xogo on line, cuxa falta de regulación por parte do Estado impide a recadación de millóns de euros para as arcas galegas.

Administración local

No ámbito da Administración Local, o conselleiro de Presidencia destacou o esforzo que fixo o Goberno galego neste ano 2010 ao activar un Fondo Extraordinario de Apoio que garante que ningún concello percibirá das entregas a conta do Fondo de Cooperación Local unha cantidade inferior á percibida no ano anterior. Do mesmo xeito, para o vindeiro ano a Xunta mantén o seu compromiso de garantir que as achegas a conta do FCL non baixen e se manteñan en 112,9 millóns de euros, paro o cal habilitará unha nova partida adicional de case 11 millóns de euros.

Ademais, introduciranse mecanismos que contribúan a homoxeneizar e flexibilizar a tramitación do conxunto de axudas e subvencións que reciben a Xunta xestiona en favor dos concellos, unha reivindicación unánime do municipalismo galego. Nesa liña, en 2011 elaborarase un decreto regulador das subvencións dirixidas aos entes locais.

Outro dos eixes da Consellería pasa polas Relacións Exteriores, que seguirán centradas fundamentalmente na Unión Europea e sobre todo na cooperación transfronteiriza con Portugal. Así, seguirase revitalizando a Fundación Galicia Europa e potenciando a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza.

O conselleiro tamén destacou a importancia da formación que leva a cabo a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e o dinamismo sen precedentes da actividade parlamentaria, que segue a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias. De feito, no que vai de lexislatura presentáronse máis de 43.500 iniciativas, cando en toda a anterior houbo en torno a 20.000.

Finalmente, o titular de Presidencia non quixo pechar a súa comparecencia sen citar outros proxectos estratéxicos do seu departamento para 2011, como son o Plan Ferrol; os Plans Impulsa Lugo e Ourense; a macrorrexión entre Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal; e a Área Metropolitana de Vigo.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a