Consellería de Facenda
Actualidade
Martes, 19 Outubro 2010 18:03
FEIJÓO AVANZA QUE A XUNTA CREARÁ NO 2011 UNHA AXENCIA TRIBUTARIA GALEGA PARA PERSEGUIR A FRAUDE FISCAL, FARÁ CINCO REBAIXAS SELECTIVAS DE IMPOSTOS E NON SUBIRÁ NINGÚN

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mediodía, na rolda de prensa do Consello da Xunta no que se aprobou o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2011, que a Xunta creará no 2011 unha Axencia Tributaria Galega para perseguir a fraude fiscal, fará cinco rebaixas selectivas de impostos e non subirá ningún.

Feijóo avanza que a Xunta creará no 2011 unha Axencia Tributaria Galega para perseguir a fraude fiscal, fará cinco rebaixas selectivas de impostos e non subirá ningún

Deste xeito, e logo de subliñar que os presupostos de 2011 están inspirados “no rigor e no interese xeral”, salientou que “estas contas garanten a estabilidade, a solvencia, o investimento e as prestacións do benestar e permitirán que a economía galega creza un 1% no 2011”. “A modo de resumo, estamos a falar, en definitiva, de menos gastos –menos gasto público- pero máis crecemento económico; máis austeridade; máis eficiencia; menos impostos e menos fraude; máis autogoberno, e as prestacións públicas quedan garantidas durante a crise económica, que era un dos nosos compromisos”.

Nun primeiro termo, o presidente do Goberno galego explicou que son catro as garantías que dan cobertura a estes orzamentos. Primeiro, a estabilidade da facenda pública autonómica. Segundo, a solvencia da Comunidade. Terceiro, o máximo investimento posible. E, en cuarto lugar, a sostenibilidade e a garantía das prestacións públicas esenciais, é dicir, a sostenibilidade e a garantía do benestar.

Realismo e interese xeral, os dous piares que sustentan as contas

Para cumprir con estas catro garantías e para avanzar na recuperación da confianza, salientou que estas contas se sustentan, así, en dous piares: o realismo e o interese xeral.

“Desde o realismo axustámonos ás circunstancias do momento, do país, e por iso, as previsións irreais e os artificios contables son contraproducentes en todos os momentos económicos, pero moito máis cando estamos en crise económica. E xunto co realismo, o interese xeral. Estes presupostos están feitos para os cidadáns. Non están feitos para pactar entre partidos, nin para saír o paso. Están feitos para ser útiles e están feitos desde a perspectiva dunhas contas públicas responsables”.

Neste apego máximo á realidade, Feijóo aseverou que no que se refire ao crecemento da economía, logo de pechar o ano 2009 cunha baixada do 3% do PIB, Galicia pechará este ano 2010 cun equilibrio “e creceremos –reiterou- un 1% no ano 2011, por riba da media de España”.

Pese a que o gasto total da Xunta (excluída a participación das entidades locais nos tributos do Estado) caerá un 10,8%, ata os 9.708 millóns de euros, incidiu en que o Goberno galego blinda a política social de xeito que 3 de cada 4 euros estarán destinados a blindar as prestacións do Estado do benestar. “Nunca na historia dunha comunidade autónoma uns orzamentos públicos dedican o 75% á sanidade, á educación e aos servizos sociais”.

“E amortiguamos en 20 puntos a caída do investimento, que no suposto de que non cambiaramos a tendencia dos ingresos do Estado, os investimentos en Galicia caerían un 36% e coas fórmulas de financiamento con pago aprazado o investimento caerá o 14% no total dos capítulos correspondentes a investimentos na comunidade autónoma”.

Como consecuencia, o presidente da Xunta afirmou que “os orzamentos do 2011 garanten a estabilidade; Galicia volverá a cumprir a lei de estabilidade presupostaria. Garanten a solvencia, Galicia seguirá pagando e atendendo as súas facturas. Facemos o máximo investimento posible con esta redución de gasto e garantimos a sostenibilidade das prestacións públicas, é dicir, a sostenibilidade do benestar”.

Medidas económicas concretas recollidas nos Orzamentos
Así mesmo, o presidente do Executivo autonómico afirmou que hoxe, non só se aprobaron unhas contas realistas baseadas no interese xeral, na solvencia, na estabilidade e na garantía das prestacións, “senón que aprobamos medidas económicas para poñer a funcionar a partir do próximo 1 de xaneiro”, aseverou, explicando que se trata do adelgazamento da Administración autonómica; da reforma da Función Pública; da rebaixa selectiva de impostos; e da creación da Axencia Tributaria galega.

Respecto ao adelgazamento da Administración pública, o mandatario galego remarcou que a Xunta vai dar un paso “importante para a supresión efectiva dos 46 entes e a reformulación de 2 deles incluídos na primeira fase do Plan de Racionalización”. “Neste momento temos suprimido 7”, engadiu, destacando que algúns deles “están nos últimos trámites parlamentarios” e que coa Lei de orzamentos se continuará “co proceso de autorizar ao Consello da Xunta a disolución de 36 organismos máis”.

Respecto á reforma da Función Pública, Feijóo sinalou que a Lei de orzamentos aprobada hoxe habilita á Xunta “a requirir aos funcionarios directivos a total dispoñibilidade horaria en función dos servizos públicos da comunidade autónoma”. E ademais, sinalou, “dun modo acordado”. “A Xunta de Galicia poderá cubrir as vacantes ou as necesidades de carga de traballo con funcionarios públicos en lugar de facelo con contratacións adicionais”, esgrimiu lembrando que a reforma conta co visto e prace do CSIF e da UGT, a quen agradeceu “a súa responsabilidade e a súa defensa do interese xeral nun momento de extraordinaria dificultade”.

Cinco rebaixas selectivas de impostos

Na mesma liña, o presidente da Xunta explicou que a Lei de orzamentos recolle, ademais, a rebaixa selectiva de impostos. Por unha banda, unha rebaixa do IRPF de 300 euros por cada menor en réxime de acollemento familiar, unha dedución “nova –dixo-, para facilitar o acollemento familiar de menores nos fogares galegos”. Por outra banda, unha rebaixa do IRPF para incentivar o autoemprego. Deste xeito, avanzou o mandatario galego, “elimínase o límite de idade e sexo para beneficiarse da redución de 300 euros para novos emprendedores que busquen o autoemprego”.

Tamén haberá unha rebaixa da dedución da cota íntegra do imposto do IRPF autonómico que poderá acadar ata o 20% das cantidades investidas cun límite de 4.000 euros. Unha medida, enfatizou Feijóo, encamiñada a “incentivar a capitalización das empresas que teñen a sede e o domicilio social en Galicia” e, do mesmo xeito, “límite de 4.000 euros, ata o 20%, das cantidades investidas para as empresas en expansión do mercado alternativo bursátil”, engadiu.

Do mesmo xeito, a Lei de orzamentos recolle o “imposto 0 para todos aqueles que queiran manter as súas propiedades e buscar un agrupamento voluntario das súas propiedades na explotación forestal”. “Imposto 0 de transmisións patrimoniais, imposto 0 de actos xurídicos documentados e redución do 99% do imposto de sucesións”, incidiu Feijóo resaltando que “todos aqueles propietarios forestais que voluntariamente se agrupen para explotar de forma conxunta a riqueza forestal nas súas parcelas non pagarán impostos; nin pagarán impostos cando as vendan nin pagarán impostos cando as testen os seus herdeiros”.

Creación da Axencia Tributaria galega
“Renunciamos, e dicímolo solemnemente, a subir os impostos dos cidadáns; e por iso complementamos esta decisión difícil –sinalou cando polo menos a metade das comunidades autónomas están subindo impostos-, cunha aposta firme na loita contra a fraude fiscal”. Tentamos lograr “unha mellora efectiva da xestión tributaria no marco das nosas competencias e das nosas responsabilidades”, indicou, adiantando que a Xunta porá en marcha unha ferramenta “útil e necesaria para incrementar os éxitos na loita contra a fraude fiscal e mellorar o rendemento na xestión dos impostos que pagan os cidadáns”: a creación da Axencia Tributaria de Galicia, que complementará, dixo, a Axencia Tributaria estatal.

“Deste xeito a Xunta de Galicia cumpre coa palabra dada; a Xunta de Galicia profundiza no autogoberno constitucional responsable; e a Xunta de Galicia comprométese a non incrementar os custos polo feito de creación da Axencia Tributaria”, aseverou, explicando que se suprimirá a Dirección Xeral de Tributos, dependente da Consellería de Facenda, e que “todos os seus efectivos se volcarán na Axencia Tributaria”. Polo tanto, incidiu, “custo 0 con esta reforma contra a fraude fiscal”, que, continuou, “imos tentar lograr unha mellora efectiva da xestión tributaria nos marcos da competencia da xunta e imos dotarnos dun instrumento eficaz na loita contra a fraude”. “Ninguén vai pagar máis impostos; o que si imos tentar é que todos paguen os impostos que teñen que pagar”, concluíu.

Pola súa banda, a conselleira de Facenda subliñou que as consellerías de Sanidade, Educación e Ordenación Universitaria e Traballo e Benestar tan só sufrirán o axuste motivado da rebaixa de salarios, mentres que a media de caída do resto de consellerías estará en case o 25%.

“As prioridades dos orzamentos para o vindeiro ano serán a recuperación económica, a solvencia da Facenda autonómica e o mantemento das políticas do Estado de Benestar. Por primeira vez as contas públicas contan cun instrumento serio de planificación, que permitirá orzamentar en base a resultados e sentar as bases para un novo modelo económico de crecemento que incremente a competitividade da comunidade”.

Este Plan Estratéxico céntrase en cinco eixes de actuación: a Cohesión Social, Benestar e Calidade de Vida, que terá 6.673 millóns de euros e suporá o 70% do total; a Dinamización Económica, Crecemento e Emprego, con 1.624 millóns de euros; a Economía do Coñecemento, único que ten un crecemento en relación a este ano (do 3,8%) e que terá unha dotación de 357 millóns de euros; a Sostibilidade Medioambiental e Equilibrio Territorial, con 543 millóns de euros; e a Administración Austera, Eficiente e Cercana ao Cidadán, que contará con 353 millóns de euros.

As fórmulas de financiamento específico permitirá limitar a caída de investimentos o ano que ven ao 14%, cunha priorización daqueles que poidan ter unha rendibilidade social e económica maior no momento de maior restricións orzamentarias para a Administración autonómica.

As contas autonómicas reflicten un ano máis o seu compromiso coa dependencia, xa que os recursos que se destinarán a este ámbito social subirán un 3%. Este esforzo faise extensible ás universidade e aos concellos. Así, as universidades galegas recibirán en 2011 un total de 391 millóns de euros, segundo a proposta do novo modelo na mesa de negociación, un 10,8% máis que o que lle correspondería co actual sistema de financiamento.

En canto aos concellos, a Xunta garántelles 113 millóns de euros para que non lles baixen as entregas a conta respecto a este exercicio. Desta maneira, as universidades levarán recibidos 66 millóns de euros máis de financiamento no que vai de lexislatura e as corporacións locais 30 millóns de euros máis.

Ver o vídeo asociado a esta nova

  

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a