Consellería de Facenda
Actualidade
Sábado, 23 Outubro 2010 13:25
OS INVESTIMENTOS DA XUNTA PARA 2011 APOSTAN POLO REEQULIBRIO TERRITORIAL PRIORIZANDO O GASTO POR HABITANTE EN LUGO E OURENSE

O Goberno galego aforrará en dous anos case 6 millóns de euros en altos cargos e persoal de gabinete

  • O investimento por habitante nas provincias interiores superará os 1.000 euros, case o dobre que nas da Coruña e Pontevedra
  • As contas autonómicas para 2011 son as máis sociais da historia da autonomía, cun peso do 75%
  • A incorporación do Plan Estratéxico á orzamentación permite blindar o Estado do Benestar e priorizar a Economía do Coñecemento
  • O Goberno busca unha administración do Século XXI, máis útil e eficiente, cunha Axencia Tributaria propia e unha optimización da Función Pública
  • A conselleira de Facenda defende unha estratexia combinada de rebaixas selectivas de impostos e esforzo na loita contra a fraude.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2010.- O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2011 aposta polo reequilibrio territorial priorizando o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense fronte as de Pontevedra e A Coruña, pois os recursos que destina por habitante nas provincias interiores case duplica ás atlánticas.

OS INVESTIMENTOS DA XUNTA PARA 2011 APOSTAN POLO REEQULIBRIO TERRITORIAL PRIORIZANDO O GASTO POR HABITANTE EN LUGO E OURENSE

Así, a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante será o vindeiro ano de 1.051 euros na provincia de Ourense e de 1.033 na de Lugo, case o dobre que o que se destinará ás de Pontevedra (646 euros por habitante) e da Coruña (596 euros).

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, explicou hoxe as contas públicas para o vindeiro exercicio en comisión parlamentaria e puxo en valor a estratexia de equilibrar o territorio priorizando ás provincias máis desfavorecidas, buscando a cohesión territorial co obxectivo de que a Galicia cidade única, á que se aspira co Plan Estratéxico 2010-2014-Horizonte 2020, permita que un cidadán galego teña as mesmas posibilidades independentemente de onde resida.

Fernández Currás lembrou que en 2011 Galicia contará cos mesmos recursos que en 2006 e salientou que o único aforro que formulou este Goberno desde que tomou posesión foi en si mesmo, algo que fixo que en dous anos reduciu en case 6 millóns de euros o gasto en altos cargos e persoal de gabinete.

A titular de Facenda explicou que o vindeiro ano haberá 1.177 millóns de euros menos que este exercicio, cunha caída do 10,8%, subliñou que o Executivo galego logrou manter a solidariedade e blindar o Estado do Benestar, cunhas contas realistas e útiles para pór os cimentos da recuperación da confianza, que prevén un crecemento do PIB do 1%.

Así, os orzamentos para 2011 serán os máis sociais da historia da autonomía, cun peso do 75%, ademais de priorizar o Eixe de Economía do Coñecemento do Plan Estratéxico, o único que sube e que terá un incremento do 4% para sentar as bases dun modelo económico máis competitivo.

Axencia Tributaria propia

Entre as novidades para o vindeiro ano, Fernández Currás citou á busca dunha administración autonómica do Século XXI, máis útil e eficiente, cunha Axencia Tributaria propia e unha optimización da Función Pública.

A conselleira defendeu a estratexia do Goberno galega de rebaixas selectivas de impostos, combinada cun esforzo en materia de loita contra a fraude. “Cremos que temos marxe, aínda, para mellorar a xestión das obrigas fiscais existentes; antes de esixir novos sacrificios ao contribuíntes debemos mellorar a xestión dos xa existentes”, reiterou.

Respecto á política de persoal, referiuse ás restricións económicas para a xestión deste ámbito, pero apostou por ofrecer solucións eficaces de xestión que permitirán seguir afondando na racionalización deste gasto, que supón o 40% do orzamento do vindeiro ano.

En canto ao Plan Estratéxico, en 2011 concentrará o 70% dos seus recursos no Eixe de Cohesión Social, Benestar e Calidade de Vida, que terá 6.673 millóns de euros. Para o de Dinamización Económica, Crecemento e Emprego haberá 1.624 millóns de euros; o de Economía do Coñecemento terá unha dotación de 357 millóns de euros; o de Sostibilidade Medioambiental e Equilibrio Territorial de 543; mentres que para o de Administración Austera, Eficiente e Cercana ao Cidadán resérvanse 353 millóns de euros.

Debido ás restricións orzamentarias, a Xunta optou por fórmulas de financiamento específico para limitar a caída de investimentos o ano que ven ao 14%, cunha priorización daqueles que poidan ter unha rendibilidade social e económica maior no momento de maior restricións orzamentarias para a Administración autonómica.

As contas autonómicas tamén reflicten un ano máis o seu compromiso coa dependencia, xa que os recursos que se destinarán a este ámbito social subirán un 3%. Este esforzo faise extensible ás universidade e aos concellos. Así, as universidades galegas recibirán en 2011 un total de 391 millóns de euros, segundo a proposta do novo modelo na mesa de negociación, un 10,8% máis que o que lle correspondería co actual sistema de financiamento.

En canto aos concellos, a Xunta garántelles 113 millóns de euros para que non lles baixen as entregas a conta respecto a este exercicio. Desta maneira, as universidades levarán recibidos 66 millóns de euros máis de financiamento no que vai de lexislatura e as corporacións locais 30 millóns de euros máis.

  

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a