Consellería de Facenda
Actualidade
Luns, 22 Novembro 2010 17:21
A XUNTA PORÁ EN MARCHA UN PLAN ESPECIAL QUE PERMITIRÁ ANTICIPAR 150 MILLÓNS DE EUROS DE RECADACIÓN NOS DOUS VINDEIROS ANOS SEN SUBIR IMPOSTOS
  • O obxectivo é reducir os tempos de tramitación dos expedientes mellorando a eficacia na xestión de ITP-AXD e Sucesións e Doazóns
  • A conselleira de Facenda defende uns orzamentos para 2011 que encaran as dificultades, responden aos problemas e sentan as bases da recuperación económica
  • As contas seguen a senda das de 2010 nun proxecto comprometido coa solvencia da Facenda e coa sostibilidade financeira dos servizos públicos e do Estado do Benestar
  • Supoñen un esforzo histórico para combinar a contención do déficit e  o axeitado financiamento dos servizos públicos, sen penalizar a recuperación económica
  • Galicia seguirá sendo a comunidade que paga con máis celeridade as súas facturas
  • A Xunta reduce por segundo ano consecutivo o gasto corrente e acumula unha baixada desde 2009 do 10,2%
  • Galicia leva tres trimestres consecutivos crecendo e pechará o ano en positivo
  • Aposta por mellorar o cumprimento das obrigas fiscais para non ter que incrementar a carga fiscal

Santiago, 22 de novembro de 2010.- A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, anunciou hoxe a posta en marcha dun Plan Especial para anticipar 150 millóns de euros de recadación, 70 o ano que ven e 80 en 2012, sen subir impostos, grazas a unha redución dos tempos de tramitación dos expedientes dos Impostos sobre Transmisión Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD) e sobre Sucesións e Doazóns (ISD).

A XUNTA PORÁ EN MARCHA UN PLAN ESPECIAL QUE PERMITIRÁ ANTICIPAR 150 MILLÓNS DE EUROS DE RECADACIÓN NOS DOUS VINDEIROS ANOS SEN SUBIR IMPOSTOS

Na súa intervención no Parlamento durante o pleno, Fernández Currás explicou que esta medida aportará eficacia á xestión tributaria, pois reducirá os actuais tempos de comprobación da liquidación destes impostos, de entre dous e tres anos, a tan só un, co cal axilizarase a tramitación e beneficiarase ao contribuínte. Este Plan Especial de actuacións de comprobación de tributos desenvolverase polos departamentos da Consellería de Facenda e as Oficinas Liquidadoras de Distrito Hipotecario.

A titular de Facenda, que defendeu en pleno os orzamentos para 2011, salientou que estas contas son as que necesita Galicia porque optimizan recursos, non aumentan a presión fiscal, manteñen a estabilidade e aportan solvencia. “Son uns orzamentos que encaran as dificultades, das resposta aos problemas e encamiñan a recuperación”, asegurou.

Así, explicou que as contas autonómicas para 2011 seguen a senda marcada no orzamento de 2010, “un proxecto firmemente comprometido coa solvencia da Facenda pública e coa sostibilidade financeira dos servizos públicos fundamentais do Estado do Benestar”. Recalcou que desde o primeiro momento este Goberno fixou o seu compromiso coa estabilidade orzamentaria e a solvencia das finanzas públicas como estratexia de crecemento.

Tamén subliñou que o vindeiro orzamento supón “un esforzo histórico” de todas as consellerías para conter o déficit público e engadiu que esta contención debe preservar o debido equilibrio co axeitado financiamento dos servizos públicos esenciais e, desde logo, sen penalizar a recuperación económica e a competitividade da economía galega no longo prazo. Os orzamentos destinan tres de cada catro euros a garantir e reforzar os servizos públicos básicos, un compromiso histórico, cun incremento de peso dun 5% respecto ao ano anterior.

A conselleira explicou que “este esforzo sen precedentes” se manifesta na redución dun 3,8% do gasto corrente, algo que se fai por segundo ano consecutivo e logo de ter levado a cabo unha diminución xa moi importante, pois a rebaixa acumulada desde 2009 chega ao 10,2%. “Gastamos menos na Administración e máis na prestación de servizos aos cidadáns”, resaltou. Ademais, Galicia seguirá sendo en 2011 a comunidade que paga con máis celeridade as súas facturas.

Estratexia de control do gasto

Por outra banda, apostou polo control do gasto, cunha análise de todas as políticas de acordo cos obxectivos fixado no Plan Estratéxico 2010-2014, “toda unha garantía para ofrecer un gasto máis sensato e unha aplicación máis eficiente dos recursos públicos”, lembrou.

Desta maneira, sinalou que por primeira vez Galicia atende a unha xerarquización baseada nunha estratexia económica a medio e longo prazo, capaz de afrontar os cambios estruturais que farán de Galicia unha sociedade moderna que poida converxer plenamente coa Unión Europea no horizonte 2020.

Neste sentido, referiuse a que a cohesión social, o benestar e a calidade de vida, que aglutina case o 70% dos recursos do Plan Estratéxico, constitúa a prioridade deste Goberno, xunto coa Economía do Coñecemento, o único eixe que gaña peso en 2011, un 3%, para sentar as bases dun novo modelo económico más competitivo.

Crecemento da economía

Respecto á evolución da economía galega, Marta Fernández Currás salientou que Galicia leva tres trimestres continuados crecendo e terminará o ano cunha taxa interanual positiva, fronte a un PIB estimado polo Goberno central para España do -0,3%. “Tal e como o previmos nos orzamentos de 2010”, indicou, ademais de afirmar que o Xacobeo confirmou as boas expectativas respecto a súa contribución á actividade económica.

A previsión para 2011 é que a Comunidade galega siga mantendo un diferencial positivo de crecemento, cun PIB do 1%, tres décimas máis que a posición de consenso dos organismos internacionais e nacionais para España.

Conxelación de impostos

A titular de Facenda reiterou o éxito da rebaixa selectiva aplicada sobre o Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), que conseguiu recuperar este tributo e incrementar a súa recadación.

“Practicamos políticas de estímulo fiscal que aportan beneficios netos á facenda pública, equidade ao sistema fiscal e beneficios indubidables á economía”, apuntou. Ademais, reiterou que o Goberno galego aposta por mellorar o cumprimento das obrigas fiscais para non ter que incrementar a carga fiscal.

Loita contra a fraude fiscal

Igualmente reafirmou o “extraordinario esforzo” en materia de loita contra a fraude fiscal que está a facer a Administración autonómica, “ata case dobrar os ingresos dos exercicios anteriores”, pois en 2009 ingresáronse por esta vía 19 millóns de euros, fronte aos 10 en 2008, e para este exercicio a previsión é poder chegar aos 25 millóns de euros.

Marta Fernández Currás tamén inscribiu a posta en marcha da Axencia Tributaria Galega no obxectivo de mellorar o cumprimento voluntario das obrigas tributarias. “Apostamos pola modernización da Administración tributaria mediante a optimización dos recursos dispoñibles reducindo aos contribuíntes os custe de cumprimento”, manifestou.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a