Consellería de Facenda
Actualidade
Luns, 25 Outubro 2010 09:49
MEDIO AMBIENTE MANTÉN UNHA CAPACIDADE INVESTIDORA DE 968 MILLÓNS DE EUROS E PRIORIZA OS INVESTIMENTOS POR HABITANTE NAS PROVINCIAS DE LUGO E OURENSE PARA GARANTIR O REEQUILIBRIO TERRITORIAL
  • Ao longo do vindeiro exercicio procederase a unha optimización da capacidade de xestión da consellería coa creación da Axencia Galega de Estradas e coa reformulación do organismo Augas de Galicia
  • Os orzamentos do vindeiro ano garanten a continuidade dos principais programas da consellería, como o Plan MOVE, o Plan de Infraestruturas Hidráulicas; o Plan de Transporte Metropolitano ou o desenvolvemento do Plan de Vivenda
  • O labor de priorización e de combinación de recursos orzamentarios e extraorzamentarios vai permitir que no ano 2011 estean en marcha dez autovías en toda Galicia

Santiago, 25 de outubro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, compareceu esta tarde na Comisión 3ª do Parlamento, para facer a presentación do orzamento que vai dirixir as actuacións do departamento que dirixe no vindeiro 2011. Destacou que se trata dun orzamento marcado por unha dobre esixencia: a que se deriva dun escenario económico de forte carácter constritivo e a que responde á decisión do Goberno galego de manter a austeridade e as políticas sociais e de benestar, como prioridades da súa acción.

MEDIO AMBIENTE MANTÉN UNHA CAPACIDADE INVESTIDORA DE 968 MILLÓNS DE EUROS E PRIORIZA OS INVESTIMENTOS POR HABITANTE NAS PROVINCIAS DE LUGO E OURENSE PARA GARANTIR O REEQUILIBRIO TERRITORIAL

Asegurou que o obxectivo da Consellería é o de facer rendibles ao máximo as dispoñibilidades orzamentarias, baixo a premisa de non deter ningunha actuación iniciada e non rescindir ningún dos contratos actualmente en vigor.

“Os orzamentos que presentamos participan das limitacións económicas que son inherentes ao conxunto das administracións públicas españolas, nun contexto de crise xeneralizada, e co agravante para Galicia de ter que devolver os anticipos realizados conforme ao sistema de financiamento autonómico e a diminución da capacidade de endebedamento e dos recursos do modelo de financiamento”, manifestou.

Neste escenario, as contas públicas pretenden dar resposta ás necesidades máis urxentes do país en materia de mobilidade, de ambiente, de ordenación territorial e de vivenda e solo empresarial. Explicou que no vindeiro ano, “imos tratar de contrapoñer estas limitacións co máximo rendemento de cada euro a prol de accións produtivas que tendan a multiplicar os efectos do investimento público”.

Sinalou que ao longo do vindeiro exercicio procederase a unha optimización da capacidade de xestión do departamento coa creación da Axencia Galega de Estradas e coa reformulación do organismo Augas de Galicia, e se procederá a adecuar un bo número de normas que van contribuír á mellora da eficacia en diferentes ámbitos, como o da Mobilidade (con iniciativas lexislativas para o transporte marítimo ou o ente público ferroviario) ou aquelas dirixidas á Vivenda (como o novo decreto para a rehabilitación no rural e nos núcleos históricos ou a nova Lei de Vivenda).

Explicou que os orzamentos do vindeiro ano garanten a continuidade dos principais programas da consellería, como o Plan MOVE, para a ordenación viaria e a mobilidade das persoas; o Plan de Infraestruturas Hidráulicas; o impulso de intermodalidade nos ámbitos metropolitanos ou o desenvolvemento do Plan de Vivenda. No 2011 tamén se darán os primeiros pasos para a posta en marcha do novo Plan de Residuos de Galicia, que se fará en decembro de 2010, e no que se investirán 3,5 millóns de euros en 2011, así como na aplicación das Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral.

Capacidade investidora

Agustín Hernández cifrou en 968,2 millóns de euros a capacidade investidora da consellería e dos entes adscritos á mesma (Augas de Galicia, Instituto Galego de Vivenda e Solo, Xestures, Sogama e APLU) xunto coa anualidade correspondente a obras encomendadas á Sociedade Pública de Investimentos (120,6 millóns de euros, un 31% máis que no 2010) e a anualidade de execución de obra extra-orzamentaria, que ascende a 128 millóns de euros, un 62% máis que no presente ano.

EXECUCIÓN EXTRAORZAMENTARIA    2010    2011    Diferenza
Autovía Costa de Morte    34,3    17,9    -16,4
Autovía A52- Celanova    14,5    75,7    + 61,2
Autovía do Morrazo    0,0    34,4    + 34,4
TOTAIS    48,8    128,0    + 79,2

Asegurou que estes orzamentos permitirán á CMATI manter un elevado grao de execución de obra pública. Así, destacou que o labor de priorización e de combinación de recursos orzamentarios e extraorzamentarios vai permitir que no ano 2011 estean en marcha dez autovías en toda Galicia

  • Curro-Vilagarcía de Arousa
  • Autovía da Costa da Morte
  • Autovía do Morrazo
  • Autovía do Baixo Miño
  • A Ramallosa-A Estrada
  • Terceira Rolda da Coruña
  • Nadela-Sarria
  • Brión-Noia
  • A-52-Celanova
  • Acceso á PLISAN en Salvaterra

Son en total preto de 170 novos quilómetros cun orzamento conxunto para as dez obras de 793,2 millóns de euros. Ademais, equivale ao 94,2% dos quilómetros previstos para este tipo de vías no Plan MOVE ata o 2015 (180,2 km.)

Sinalou que no conxunto dos orzamentos deste departamento se produce unha asignación de investimentos que inciden no necesario reequilibrio territorial entre as áreas interior e litoral da comunidade, en liña cunha das preocupacións expresadas tanto polo Goberno como polo Parlamento.

Neste senso, a territorialización do investimento conxunto da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aproxima o investimento realizado nas provincias de A Coruña e Pontevedra, con 266,7 euros por habitante na Coruña e 285,1 euros por habitante en Pontevedra. E incide de forma moi especial nas provincias interiores, destinando 346,5 euros por habitante a Lugo e 428,3 euros por habitante e Ourense.

TOTAL ORZAMENTO GRUPO MATI

  2010    2011    DIFERENZA
IMPORTE    PORCENTAXE
TOTAL ORZAMENTO    1.384.304.388 1.089.959.477 -294.344.911   -21,3%
GASTOS DE CAPITAL    1.237.600.725 968.241.364 -269.359.361 -21,8%

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Pode suscribirse ás novidades desta web Pode subscribirse ás novidades desta web cun lector de feeds
© Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Facenda
Aviso legal | Antendémolo/a