Santiago, 25 de outubro de 2010.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, compareceu esta tarde na Comisión 3ª do Parlamento, para facer a presentación do orzamento que vai dirixir as actuacións do departamento que dirixe no vindeiro 2011. Destacou que se trata dun orzamento marcado por unha dobre esixencia: a que se deriva dun escenario económico de forte carácter constritivo e a que responde á decisión do Goberno galego de manter a austeridade e as políticas sociais e de benestar, como prioridades da súa acción.
Asegurou que o obxectivo da Consellería é o de facer rendibles ao máximo as dispoñibilidades orzamentarias, baixo a premisa de non deter ningunha actuación iniciada e non rescindir ningún dos contratos actualmente en vigor.
“Os orzamentos que presentamos participan das limitacións económicas que son inherentes ao conxunto das administracións públicas españolas, nun contexto de crise xeneralizada, e co agravante para Galicia de ter que devolver os anticipos realizados conforme ao sistema de financiamento autonómico e a diminución da capacidade de endebedamento e dos recursos do modelo de financiamento”, manifestou.
Neste escenario, as contas públicas pretenden dar resposta ás necesidades máis urxentes do país en materia de mobilidade, de ambiente, de ordenación territorial e de vivenda e solo empresarial. Explicou que no vindeiro ano, “imos tratar de contrapoñer estas limitacións co máximo rendemento de cada euro a prol de accións produtivas que tendan a multiplicar os efectos do investimento público”.
Sinalou que ao longo do vindeiro exercicio procederase a unha optimización da capacidade de xestión do departamento coa creación da Axencia Galega de Estradas e coa reformulación do organismo Augas de Galicia, e se procederá a adecuar un bo número de normas que van contribuír á mellora da eficacia en diferentes ámbitos, como o da Mobilidade (con iniciativas lexislativas para o transporte marítimo ou o ente público ferroviario) ou aquelas dirixidas á Vivenda (como o novo decreto para a rehabilitación no rural e nos núcleos históricos ou a nova Lei de Vivenda).
Explicou que os orzamentos do vindeiro ano garanten a continuidade dos principais programas da consellería, como o Plan MOVE, para a ordenación viaria e a mobilidade das persoas; o Plan de Infraestruturas Hidráulicas; o impulso de intermodalidade nos ámbitos metropolitanos ou o desenvolvemento do Plan de Vivenda. No 2011 tamén se darán os primeiros pasos para a posta en marcha do novo Plan de Residuos de Galicia, que se fará en decembro de 2010, e no que se investirán 3,5 millóns de euros en 2011, así como na aplicación das Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral.
Capacidade investidora
Agustín Hernández cifrou en 968,2 millóns de euros a capacidade investidora da consellería e dos entes adscritos á mesma (Augas de Galicia, Instituto Galego de Vivenda e Solo, Xestures, Sogama e APLU) xunto coa anualidade correspondente a obras encomendadas á Sociedade Pública de Investimentos (120,6 millóns de euros, un 31% máis que no 2010) e a anualidade de execución de obra extra-orzamentaria, que ascende a 128 millóns de euros, un 62% máis que no presente ano.
EXECUCIÓN EXTRAORZAMENTARIA | 2010 | 2011 | Diferenza |
---|---|---|---|
Autovía Costa de Morte | 34,3 | 17,9 | -16,4 |
Autovía A52- Celanova | 14,5 | 75,7 | + 61,2 |
Autovía do Morrazo | 0,0 | 34,4 | + 34,4 |
TOTAIS | 48,8 | 128,0 | + 79,2 |
Asegurou que estes orzamentos permitirán á CMATI manter un elevado grao de execución de obra pública. Así, destacou que o labor de priorización e de combinación de recursos orzamentarios e extraorzamentarios vai permitir que no ano 2011 estean en marcha dez autovías en toda Galicia
Son en total preto de 170 novos quilómetros cun orzamento conxunto para as dez obras de 793,2 millóns de euros. Ademais, equivale ao 94,2% dos quilómetros previstos para este tipo de vías no Plan MOVE ata o 2015 (180,2 km.)
Sinalou que no conxunto dos orzamentos deste departamento se produce unha asignación de investimentos que inciden no necesario reequilibrio territorial entre as áreas interior e litoral da comunidade, en liña cunha das preocupacións expresadas tanto polo Goberno como polo Parlamento.
Neste senso, a territorialización do investimento conxunto da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, aproxima o investimento realizado nas provincias de A Coruña e Pontevedra, con 266,7 euros por habitante na Coruña e 285,1 euros por habitante en Pontevedra. E incide de forma moi especial nas provincias interiores, destinando 346,5 euros por habitante a Lugo e 428,3 euros por habitante e Ourense.
TOTAL ORZAMENTO GRUPO MATI
2010 | 2011 | DIFERENZA | ||
---|---|---|---|---|
IMPORTE | PORCENTAXE | |||
TOTAL ORZAMENTO | 1.384.304.388 | 1.089.959.477 | -294.344.911 | -21,3% |
GASTOS DE CAPITAL | 1.237.600.725 | 968.241.364 | -269.359.361 | -21,8% |
< Anterior | Siguiente > |
---|