Consellería de Facenda
Actualidad
Miércoles, 03 de Noviembre de 2010 18:20
SANIDADE APOSTA POLA CALIDADE NA ASISTENCIA SANITARIA E A CREACIÓN DE INFRAESTRUTURAS EN 2011 CUN ORZAMENTO TOTAL EXECUTABLE DE 3.704 MILLÓNS DE EUROS

A conselleira de Sanidade explicou no Parlamento de Galicia o esforzo realizado pola  Xunta no apoio ás políticas sociais, ás que adica o 75% do total do orzamento

  • A Xunta comprométese coa Sanidade pública protexéndoa da crise económica cuns orzamentos realistas e austeros
  • A Sanidade galega consolídase como motor de dinamización económica e creación de emprego a pesar dos recortes do Goberno central, que son do 12% no Fondo de Cohesión, do 29,5% no Plan de Calidade, e superiores ao 15% no Plan Nacional de Drogas, entre outros
  • A conselleira de Sanidade destacou o esforzo que realizará o seu departamento cun incremento dos programas de protección e promoción da saúde, vacinas, prevención e control de enfermidades transmisibles, e melloras en programas de cribado como hipoacusia ou detección do cancro de mama
  • Farjas Abadía pediu aos membros do PSdG que soliciten aos seus compañeiros do Goberno de España o apoio ao catálogo priorizado de medicamentos
  • O 45% do total do presuposto destínanse aos profesionais e á estabilidade laboral, formación, e promoción laboral
  • A creación de novas infraestruturas en Atención Primaria e Especializada teñen consignada unha partida de máis de 220 millóns de euros, é dicir, 97,5 millóns máis que o pasado ano

Santiago, 3 de novembro de 2010.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, destacou esta tarde o “esforzo ímprobo” que o Goberno da Xunta de Galicia está a facer a través da Sanidade “apostando decididamente polas políticas sociais, elaborando uns orzamentos realistas e austeros”. O proxecto de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma para 2011 destinará un total executable de 3.704 millóns de euros, nun exercicio no que o Goberno adica o 75% do total dos orzamentos ao gasto social.

SANIDADE APOSTA POLA CALIDADE NA ASISTENCIA SANITARIA E A CREACIÓN DE INFRAESTRUTURAS EN 2011 CUN ORZAMENTO TOTAL EXECUTABLE DE 3.704 MILLÓNS DE EUROS

Pilar Farjas explicou que para garantir a capacidade de investimento real e contribuír á xeración de emprego en Galicia, mobilizamos financiamento extrapresupostario, co que o orzamento real total a executar pola Consellería de Sanidade será practicamente o mesmo que o do ano 2010, cunha variación dun 0,7%.

Para o Goberno da Xunta, explicou Pilar Farjas, “é o momento de apostar pola sanidade pública, de traballar pola sostenibilidade do sistema sanitario público de Galicia” e engadiu que a elaboración destes orzamentos realizouse nunha situación de diminución de transferencias sen precedentes por parte do Goberno central á Xunta de Galicia no seu conxunto, superior ao 10%. Así o expuxo a conselleira de Sanidade, que compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para explicar os orzamentos do seu departamento.

Tamén destacou Pilar Farjas no eido sanitario os recortes nas partidas do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade son tremendamente significativas, especialmente as dedicadas ao Fondo de Cohesión (-12%), ao Plan de Calidade (-29,5%), ás Estratexias de Saúde (-46%), á Innovación e Investigación (-50%), ou ás transferencias do Plan Nacional de Drogas ás Comunidades Autónomas (-15,9%). Neste senso, destacou que o departamento que dirixe fará os esforzos necesarios para garantir a prestación sanitaria, a atención aos cidadáns, e a capacidade de investimento a pesar das dificultades económicas por parte do Goberno de España.

A conselleira de Sanidade pediu aos membros do PSdG o seu apoio ás medidas de sostenibilidade e que soliciten aos seus compañeiros do Goberno de España que é necesario apoiar o catálogo priorizado de medicamentos como unha medida evidente e efectiva para garantir a sostenibilidade. Neste senso incidiu que “non hai tempo que perder” e asegurou que contarán co apoio do Goberno galego para adoptar as medidas necesarias. Neste senso, pediu aos socialistas que se “poñan do lado dos intereses dos galegos e da sanidade pública, e do realismo co que encaramos estes orzamentos”.

Máis de 80 millóns de euros para prevención e promoción da saúde

Do total dos 3.704 millóns de euros para este 2011, a Consellería de Sanidade recibe un orzamento de 82 millóns. A Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación (DXSPP) céntrase na promoción dos hábitos de vida saudables, a prevención das enfermidades e a promoción da saúde que recibirán arredor de 70 millóns de euros.

A utilización de vacinas destaca cun aumento ata os 16,2 millóns de euros, con especial atención á incorporación das persoas maiores de 60 anos á vacinación da gripe. Tamén se investirán case 2,2 millóns de euros en distintas actuación de mellora da saúde e prevención e control de enfermidades transmisibles, entre outros aspectos á loita contra o VIH/SIDA.

Os programas de cribado reciben un orzamento de case un millóns de euros no apartado de Saúde Pública, e que supera os dous millóns sumándolle a perspectiva asistencial. Así, no ano 2011 rematarase coa implantación do Programa Galego de Detección Precoz da Hipoacusia en período neonatal, iniciarase un programa de garantía de calidade na prestación audiolóxica en nenos afectados, e publicarase a carta de servizos do Programa Galego de Detección Precoz de Enfermidades Endocrinas e Metabólicas en período neonatal.

Tamén continúa a modernización do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama coa substitución dos mamógrafos actuais por dixitais e coa creación de unidades de exploración fixa nos hospitais comarcais de Verín, Barco de Valdeorras, Burela, Barbanza e Monforte, que se sumarán ás iniciadas en Cee e Salnés. As unidades de A Coruña, Vigo e Santiago funcionarán con dobre quenda, e as de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra tamén mellorarán os seus horarios para dar servizo puntualmente a todas as mulleres.

Convén tamén lembrar a recente tramitación do proxecto de Lei de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores o pasado mes de outubro e as actuacións que están a ultimar o Plan Galego de trastornos aditivos que recibe un total de 8,5 millóns de euros.

Ademais, a Consellería de Sanidade mantén o orzamento de máis de 9 millóns de euros para a colaboración con concellos e asociacións que traballan no ámbito das adicións, a saúde mental ou as enfermidades raras. Neste senso, destacan os 4,7 millóns de euros destinados á rehabilitación de enfermos con trastorno mental persistente.

No ámbito de protección da saúde, os laboratorios de saúde pública, programas de coordinación, e seguridade alimentaria e sanidade ambiental recibirán 1,3 millóns de euros; e os sistemas de vixilancia da saúde e o equipamento informático para saúde pública contarán con 1,4 millóns de euros.

Estabilidade e mellora do emprego

Os profesionais do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade reciben a maior porcentaxe do orzamento, que acada o 45% do total, máis de 1.560 millóns de euros. Pilar Farjas destacou que “todos somos conscientes da difícil situación na que nos atopamos” e asegurou que “traballamos co obxectivo de manter os postos de traballo e pagar puntualmente aos nosos traballadores e provedores”.

Así, a principios do ano que ven rematará a incorporación das case 6.000 prazas ofertadas de profesionais da sanidade, e durante o 2011 rematará o deseño do sistema de carreira profesional, que está avanzando de maneira satisfactoria en colaboración con profesionais do sistema.

A Sanidade galega aposta pola estabilidade laboral; polo desenvolvemento, pola formación e pola  promoción dos profesionais; pola implantación de sistemas de xestión en materia de recursos humanos máis eficaces e eficientes e polo impulso da prevención de riscos laborais dentro da nosa organización, tal e como recolle o primeiro plan de ordenación de recursos humanos, instrumento básico para a planificación eficiente neste eido.

Tamén se ampliará o acceso dos profesionais aos servizos TICs, con ferramentas que permitan aumentar a eficiencia, calidade, e capacitación no seu traballo, como a que permite elaborar e publicar un catálogo común electrónico a todas as bibliotecas do sistema. Ademais, se ampliará a plataforma de teleformación para permitir un maior grado de autoxestión das unidades encargadas da formación, e se está a deseñar unha  ferramenta de xestión de proxectos de investigación para dar soporte as actividades relacionadas coa investigación.

O 2011 porase en marcha o e-expediente profesional, a plataforma informática para centralizar o Curriculum Vitae dos profesionais, de maneira que todos os procesos de selección fixa, selección temporal, ou desenvolvemento profesional, poderán realizarse de maneira centralizada, o que resultará máis cómodo, áxil, eficiente, e tamén, máis seguro para os profesionais e a administración sanitaria.

Con respecto da prevención de riscos laborais e a necesidade de consolidar as políticas de prevención realizaranse melloras mediante a implantación dunha ferramenta informática (PREVEN), a creación das categorías de Prevención de Riscos Laborais, ou a implantación de políticas preventivas dirixidas ás patoloxías que producen maior absentismo, como os trastornos musculoesqueléticos.

A violencia laboral será outra das liñas de actuación, xa está creado o observatorio de violencia sanitaria, no que participan diferentes institucións, como un órgano para analizar este fenómeno e buscar medidas para palialo. Durante o 2011 avanzarase na mellora dos rexistros de información dos episodios de violencia sanitaria para dispoñer dunha información veraz, e nun plan de seguridade. Implantamos dispositivos de seguridade que permiten avisar ante unha situación de violencia en atención primaria, e neste momento estamos cunha proba piloto nas urxencias hospitalarias.

No tocante á mellora da conciliación da vida laboral e familiar apostouse pola creación de garderías aos centros hospitalarios. Ademais, no Hospital Lucus Augusti crearase un centro de día para familiares válidos dos traballadores.

220 millóns de euros en infraestruturas como motor económico

A modernización da Sanidade Galega e a creación de novas infraestruturas consolídase como unha oportunidade para avanzar na dinamización económica e a creación de emprego. Pilar Farjas destacou que “a pesares da situación económica na que nos atopamos, imos conseguir un investimento real a executar de 97,5 millóns de euros máis que no ano 2010, acadando máis de 220 millóns de euros”. Isto é, a porcentaxe de orzamento real a executar en investimentos produtivos está máis de 2 puntos por encima que no 2010 (pasando do 3,4% ao 6%).

O Goberno galego construirá 22 novos centros de saúde: tres deles (Fisterra, Os Peares e Serantes) con financiamento tradicional; e outros 19 centros de saúde mediante a fórmula de pago aprazado, cun investimento total de máis de 51 millóns de euros. Ademais, destinaranse outros 2,2 millóns de euros en reformas, ampliacións e melloras dos centros de saúde existentes.

O novo hospital de Vigo recibe durante o ano 2011 é de 75 millóns de euros e están consignados outros 4 millóns de euros para a expropiación dos terreos do novo hospital de Pontevedra.

Arredor de 14 millóns de euros destinaranse durante o 2011 aos Plans Directores e outras actuacións en centros hospitalarios, como a fase II do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, cun investimento previsto de 8 millóns de euros; e o Plan Director do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide, cun investimento de 0,6 millóns de euros.

Outros 2,3 millóns de euros destinaranse a levar a cabo reformas e ampliacións no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago: como a ampliación da unidade de críticos e as reformas do servizo de urxencias; as obras necesarias para situar a unidade de psiquiatria infantoxuvenil, que será de referencia para Galicia, e todas aquelas que nos permitan adecuar as instalacións dos pacientes psiquiátricos residenciais.

Realizaranse reformas de máis de 3 millóns de euros no hospital do Salnés, no Complexo Hospitalario de Ourense e no Hospital da Costa; e 2,2 millóns de euros máis para adaptacións no Hospital Lucus Augusti.

Para as sociedades públicas e outros entes públicos da comunidade, como Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Centro de Transfusiones de Galicia (CTG), Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía (inGo), Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria e a empresa pública de servizos sanitarios Galaria,  investiremos preto de 80 millóns de euros.

A modernización da alta tecnoloxía dos nosos hospitais a través da utilización da fórmula de socio tecnolóxico, suporá unha contía de máis de 19 millóns de euros.

A aposta pola Atención Primaria neste eido é clara cunha partida orzamentaria que supera os 1.300 millóns de euros, o que supón o 37% do total.

Novas tecnoloxías é orientación á cidadanía

A Sanidade galega continúa desenvolvendo o seu traballo introducindo aquelas ferramentas que faciliten a integración asistencial ao tempo que reduzan os tempos de resposta de diagnóstico e tratamento. Así, nas tecnoloxías da información e da comunicación investiranse máis de 28 millóns de euros que permitirán rematar a implantación da historia clínica electrónica e receita electrónica, avanzar na dixitalización da imaxe e na petición electrónica nas áreas de laboratorio, radioloxía, anatomía patolóxica e probas diagnósticas.

O pasado ano creouse a Escola Galega de Saúde para Cidadáns co obxectivo de potenciar a súa participación nos sistema e incrementar a accesibilidade ao mesmo. Neste 2011, destinaranse á Escola 2,4 millóns de euros.

Outro compromiso é ampliar os servizos interactivos da administración sanitaria co cidadán, aproveitando as potencialidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías da información e da comunicación. Neste senso, porase en funcionamento o teléfono único, que centralizará nun único número de teléfono os servizos sanitarios da comunidade.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Puede suscribirse a las novedades de esta web Puede suscribirse a las novedades de esta web con un lector de feeds
© Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Facenda
Aviso legal | Le atendemos