Consellería de Facenda
Actualidad
Martes, 02 de Noviembre de 2010 14:38
A CONSELLERÍA DO MAR PRESENTA UNS ORZAMENTOS AXUSTADOS E ADAPTADOS Á REALIDADE NA PROCURA DA EFICACIA E DA EFICIENCIA
  • A súa configuración realízase de xeito que permitan continuar coas liñas fundamentais de traballo recollidas no anterior orzamento e atendender ás principais demandas do sector
  • A busca da eficacia e a eficiencia reflíctese no descarte de programas e liñas de traballo que acadaban baixas cifras de execución e en destinar fondos  de partidas sen execución nin demanda a aquelas que teñen maior solicitude
  • Estes orzamentos buscan continuar nas liñas de mellorar a seguridade do sector, reforzalo, garantir a competitividade nos mercados e reordenar aqueles aspectos que axuden a seguir definindo as liñas de futuro

Santiago, 2 de novembro de 2010.-  Os orzamentos da Consellería do Mar para o 2011 buscan acadar a eficacia e a eficiencia cun axuste que permite continuar coas liñas fundamentais de traballo recollidas no anterior orzamento e atender ás principais demandas do sector. Foi o que expresou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, esta tarde no Parlamento,  onde sinalou que as liñas de actuación deste orzamento realizáronse para facer fronte a un ano “extraordinariamente difícil” no que se deben axustar os orzamentos chegando ata acadar a cifra dos 175,5 millóns de euros para 2011. A conselleira incidiu que as principais accións están baseadas “no interese xeral” e nelas, segundo incidiu, “non queremos afrouxar o paso salvo no prescindible”.

 A CONSELLERÍA DO MAR PRESENTA UNS ORZAMENTOS AXUSTADOS E ADAPTADOS Á REALIDADE NA PROCURA DA EFICACIA E DA EFICIENCIA

A busca da eficacia e a eficiencia nestes orzamentos reflíctese no descarte de programas e liñas de traballo que acadaban baixas cifras de execución debido á escasa demanda que o sector facía das accións a elas acollidas, caso do seguro do mal tempo. Tamén se reflicte, segundo sinalou Rosa Quintana, no destino de fondos  de partidas sen execución nin demanda a aquelas que teñen maior solicitude. Deste xeito, segundo salientou, “    adecuámonos ao que o sector solicita e demanda e damos a posibilidade de exhaustivizar a execución orzamentaria, especialmente no caso dos fondos europeos”. A conselleira tamén sinalou a importancia de optimizar o funcionamento da administración, o que se plasma na redución de máis dun 5% de persoal e gasto corrente do seu departamento.

Ao mesmo tempo, estes orzamentos buscan, segundo recalcou Rosa Quintana, ser “acordes ás liñas de futuro” que a Consellería desenvolve en todos os eidos da súa xestión. Por iso  “non abandonamos os nosos compromisos para o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego e damos continuidade ás liñas mestras iniciadas no orzamento do presente ano e plasmadas noutros elementos coma a Lei de Pesca”, argumentou. Esta continuidade realízase atendendo ao sector e ao equilibrio dos eidos social, económico e ambiental.

Seguridade marítima

A seguridade marítima continúa sendo un dos principais compromisos do departamento que dirixe Rosa Quintana. Isto reflíctese nos seus apoios aos avances do seguro marítimo-pesqueiro. Neste sentido, a conselleira falou dos reaxustes realizados “cara a liñas máis acordes coa legalidade e coa corrección do gasto”, deixando sen efecto o do seguro colectivo de accidentes para achegar un apoio do 25% no pago das pólizas anuais do seguro obrigatorio de responsabilidade civil e ante terceiros. Segundo lembrou, a diferencia do anterior, este novo seguro, garante unha cobertura plena e afianza en Galicia “a verdadeira cultura do seguro no mundo do mar” .

Neste apartado e, a pesares dun axuste de algo máis dun 20%, a Consellería continúa apostando de xeito irrenunciable pola operatividade das 24 horas dos 365 días das aeronaves e buques de vixilancia e salvamento, xa que son “unha peza fundamental na salvagarda das vidas dos nosos mariñeiros e na acción de loita contra o furtivismo”, indicou Rosa Quintana.

Competitividade

A aposta por competir nos mercados é unha liña que a Consellería do Mar busca afianzar. Neste ámbito os orzamentos experimentaron un axuste mínimo e inferior á baixada xeral, o que leva a adecuar os orzamentos á demanda e solicitude real. Isto tradúcese nun axuste dun 11,7% á partida destinada ás achegas a empresas para a mellora das estruturas de comercialización e transformación. Por outra banda, mantéñense as partidas dedicadas a fomentar a identificación e diferenciación dos produtos galegos nos mercados co obxectivo de competir nun “mundo globalizado e de difícil competencia”. Nesta liña, e tras axustar os seu custes á realidade a través dunha mellora na contratación, a Consellería continúa coas campañas de promoción do consumo de productos do mar.

No que respecta á comercialización, dáse continuidade ás partidas destinadas á investigación de mercados e increméntanse nun 100% das partidas destinadas á realización de proxectos piloto, que son promovidos polo sector.

Acuicultura e marisqueo

Outra liña de acción destes orzamentos é a da reordenación das fórmulas de explotación do noso mar para garantir a viabilidade económica futura do sector. Por iso medran as posibilidades de axuda ao esforzo investidor e promotor privado no eido da acuicultura, unha vez que tome forma o cambio de réxime de acceso e o novo catálogo de emprazamento e unha vez se consolide a posibilidade de levar adiante proxectos de produción piscícola na nosa comunidade.

O apoio á redinamización do marisqueo como fonte de emprego e produción é un compromiso que o departamento de Mar mantén firmemente e para o que non realizou axustes. Deste xeito continuarán as axudas económicas postas en marcha neste ano para a busca e potenciación da recuperación de zonas improdutivas.

Portos

No ámbito portuario unha das liñas de acción prioritarias é a de “adecuar os esforzos en infraestruturas” reprogramando as grandes partidas de investimentos e centrando as accións cara as pequenas infraestruturas e equipamentos “de custe asumible pero de grande rendibilidade e valor no uso diario”, apuntou a conselleira. De aí que nos portos se lle dea continuidade ao Plan de Investimentos Menores, que tanto demanda o sector e que a Consellería segue apoiando incrementando a súa contía case nun 18%. Ademais Portos de Galicia continuará coas actuacións de redución das taxas portuarias aos distintos usuarios dos peiraos.

Formación

Neste eido, os orzamentos experimentaron un mínimo axuste sostido polo gasto corrente. Pese a esta contención do gasto a Consellería realiza esforzos para dar continuidade á súa estrutura formativa, medrando o seu orzamento nun 2,5% e sen reducir as axudas aos estudos de formación profesional náutico–pesqueira. Este apartado tamén se axustou de xeito que permite a continuidade da formación non regrada, especialmente á básica para o embarque. No que atinxe a investigación, a Consellería mantén o seu compromiso de apoio á I+D+i, continuando coa partida dedicada ao Centro Tecnolóxico do Mar.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Puede suscribirse a las novedades de esta web Puede suscribirse a las novedades de esta web con un lector de feeds
© Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Facenda
Aviso legal | Le atendemos