Consellería de Facenda
Actualidad
Martes, 02 de Noviembre de 2010 14:29
ROBERTO VARELA PRESENTA UNS ORZAMENTOS PARA O 2011 BASEADOS NA “OPTIMIZACIÓN DOS RECURSOS EXISTENTES E BAIXO AS PREMISAS DE AUSTERIDADE E PRIORIZACIÓN DAS ACTUACIÓNS”
  • O conselleiro de Cultura e Turismo asegurou no Parlamento que os orzamentos para o vindeiro 2011 “garanten os ámbitos fundamentais para o correcto desenvolvemento da nosa cultura e do noso turismo e, en definitiva, para a dinamización da economía e o beneficio dos nosos creadores, profesionais e cidadáns”.
  • Varela explicou que na procura da eficiencia na xestión “abordarase unha modificación da estrutura da Consellería co obxecto de clarificar as competencias e funcións de cada entidade, evitando duplicidades e solapamentos nas funcións asignadas”.

Santiago, 2 de novembro de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe no Parlamento os orzamentos para o vindeiro ano 2011, asegurando que estas contas “garanten os ámbitos fundamentais para o correcto desenvolvemento da nosa cultura e do noso turismo e, en definitiva, para a dinamización da economía e o beneficio dos nosos creadores, profesionais e cidadáns”. Ante o panorama de recortes orzamentarios, o conselleiro explicou que a o proxecto presentado hoxe na cámara galega é “un exercicio de responsabilidade e optimización dos recursos existentes, baixo as premisas da austeridade e a priorización de actuacións”.

ROBERTO VARELA PRESENTA UNS ORZAMENTOS PARA O 2011 BASEADOS NA “OPTIMIZACIÓN DOS RECURSOS EXISTENTES E BAIXO AS PREMISAS DE AUSTERIDADE E PRIORIZACIÓN DAS ACTUACIÓNS”

O conselleiro de Cultura e Turismo manifestou que “estamos vivindo un momento complicado, que esixe responsabilidade, realismo, decisións que garantan a sustentabilidade do sistema e que esixe, máis que nunca, eficiencia na xestión”. Nesta liña, o conselleiro asegurou que as medidas presentadas hoxe están baseadas “no rigor e na solvencia”, e para elo, propuxo para o próximo exercicio unha modificación da estrutura da Consellería de Cultura e Turismo e dos seus organismos dependentes, “co obxecto de clarificar as competencias e funcións de cada entidade, evitando duplicidades e solapamentos nas funcións asignadas”.

Entre as principais modificacións está a de elevar o sector do libro ao nivel de Dirección Xeral, potenciar as funcións da AGADIC asociando as industrias culturais coa promoción cultural,  fomentar a cidade da Cultura máis alá dos seus límites xeográficos, e consolidar e unificar as distintas accións de promoción turística nun solo departamento. Deste xeito, segundo Varela, conseguirase “clarificar ao administrado cal é o interlocutor, o portelo único ao que debe dirixirse, e ademais continuar o incremento a eficiencia  na xestión, máis necesaria que nunca neste intre”.

No comezo da súa intervención, o conselleiro presentou as catro liñas estratéxicas nas que a pesar do recorte están baseados estes presupostos: “a defensa da idea dunha Galicia aberta ao mundo,  reforzando o concepto da cultura que vive e se produce aquí e agora; o esforzo prioritario a prol da creación de emprego e da xeración de ingresos nos ámbitos das industrias culturais e do turismo; a racionalización do gasto, a transparencia, a austeridade e a defensa da pluralidade cultural galega; e a defensa da nosa lingua, vehículo principal de expresión e comunicación do noso talento e da nosa identidade cultural”.

Análise orzamentaria

Roberto Varela explicou que o orzamento consolidado para o exercicio 2011 que se dedicará a Cultura e Turismo acadará os 175,9 millóns de euros, e nunha básica distribución funcional destes orzamentos de cada 100 euros, 61 se destinarán a gastos en materia de Cultura e 39 euros se destinarán a programas de Turismo. No detalle individual, o orzamento da Consellería acada un total de 133,2 millóns de euros, no que o programa para Coordinación e promoción do Turismo percibirá o maior peso da Consellería, acadando 52,6 millóns de euros (o que representa o 40% do total), mentres que os programas de Creación, promoción e difusión cultural e infraestruturas culturais beneficiarase de máis de 37,6 millóns de euros (o que supón o 28,15% dos orzamentos).

Turismo

Os excelentes datos deste Ano Xacobeo consolidan o sector turístico como un dos elementos máis dinamizadores da actividade económica galega, polo que a Xunta de Galicia continuará apostando por manter, e se acaso, incrementar as cotas de desenvolvemento turístico. Por este motivo, a Consellería de Cultura e Turismo seguirá afondando en 2011 na execución do Plan de Acción do Turismo de Galicia, instrumento básico de planificación no eido turístico, elaborado pola Consellería en total consenso cos representantes do sector.

No marco deste Plan, a Consellería asinará convenios de colaboración con asociacións de empresarios e outras relacionados co sector turístico, concederanse axudas e bolsas en prácticas para formación e ampliación de estudos, desenvolveranse diversas campañas de promoción turística nos principais medios de comunicación,  e se traballará no Plan de sinalización turística e no Plan de mellora de oficinas de Turismo. Asemade, no vindeiro ano, convocaranse diversas Ordes de subvención, cun importe previsto de 2 millóns de euros, para a creación de aldeas de turismo rural e hoteis con oferta singular diferenciada, para a mellora dos establecementos existentes, para axudas a Axencias de Viaxe para a creación e promoción de paquetes turísticos.

Unificaranse as distintas accións de promoción nos canais turísticos e publicitarios nun solo departamento que configure e desenvolva a estratexia xeral de promoción de Galicia como destino turístico. Tamén se realizará unha integración funcional dentro das competencias en materia de turismo dentro da Administración Pública galega. Asemade, Turgalicia entre os seus cometido, terá a importante función de poñer en marcha da “marca turística de Galicia”, un cambio importante na estratexia de promoción turística da nosa Comunidade orientada a “crear marca destino”. Pola súa parte, o Instituto de Estudo Turísticos de Galicia continuará medindo, analizando e investigando o sector turístico.

Xacobeo

Nunha época de máxima austeridade e tendo en conta que o próximo Ano Santo Compostelán non se celebrará ata dentro de 11 anos, faise preciso reflexionar máis que nunca sobre cales deben ser as accións prioritarias de cara a continuar co mantemento e promoción do Camiño de Santiago e seguir mantendo vivo o espírito do fenómeno xacobeo. Varela explicou que logo do éxito deste Xacobeo 2010, a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo centrarase en 3 liñas de acción: o coidado e mantemento do Camiño de Santiago en Galicia, a promoción nacional e internacional das Rutas Xacobeas, e continuar coa promoción de proxectos culturais.

Elevar o sector do libro ao nivel de Dirección Xeral

O conselleiro declarou que pretende dar continuidade aos eixes centrais do Ano e o Libro e da Lectura de Galicia 2010, polo que a Consellería destinará 2.125.000 euros na promoción da lectura e do libro, dos que 1.225.00 euros destinaranse especificamente a potenciar a edición do libro en galego. Neste sentido, elevarase o sector do libro ao nivel de Dirección Xeral, co obxectivo de subliñar e recoñecer o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia. Asemade, incluiranse tamén as competencias en materia de xestión das Bibliotecas e Arquivos, coa Biblioteca e o Arquivo de Galicia como elementos integradores de toda a rede.

Dentro das liñas de acción que se apoiarán podemos destacar a colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia para a asistencia a Feiras nacionais e internacionais do libro, promoción da Banda Deseñada e a celebración de datas conmemorativas arredor do libro e da lectura. Para este 2011 destinaranse preto de 2,3 millóns de euros para a promoción dos creadores galegos, (aos que hai que engadir 3,8 millóns de euros incluídos na Agadic), e 3,3 millóns de euros para a mellora das bibliotecas públicas, que se investirán na formación dos persoal bibliotecario, na implantación de novas tecnoloxías e dixitalización dos fondos.

AGADIC

A Axencia Galega das Industrias Culturais terá dous obxectivos básicos: a garantía do acceso á cultura en condicións de igualdade e potenciar a competitividade dos nosos sectores estratéxicos. Para elo, o conselleiro asegurou que “estimularase a creación e o talento dos nosos artistas, mais a nosa prioridade será favorecer a distribución dos produtos que contribúan a difundir a lingua e a cultura galega e promover a comercialización destes bens dentro e fora das nosas fronteiras”. Neste senso, o sector das artes escénicas e das industrias culturais recibirá o impulso que precisa para a correcta consolidación das súas estruturas e para o establecemento de novas canles de distribución e cooperación. Este compromiso se concreta cunha dotación inicial no próximo exercicio de máis de 5,5 millóns de euros para axudas ao sector artístico e audiovisual; así como manteranse os mesmos niveis que en anos anteriores das axudas ás Artes Escénicas para Distribución.

Cos orzamentos hoxe presentados a AGADIC pretende, de cara ao ano 2011: potenciar a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas, e a Rede Galega de Música ao Vivo, nas que a inversión prevista en 2011 é de 1,5 millóns de euros; colaborar coa Asociación Galega de Editores na organización do Culturgal; impulsar ao Centro Dramático Galego e ao Centro Coreográfico Galego como centros de referencia e de apoio ao sector das artes escénicas; seguir afondando no sistema de intercambio artístico con outras rexións e países; garantir a asistencia ás Feiras Internacionais máis relevantes do sector; e blindar o apoio aos Festivais de Teatro.

CGAC

O Centro Galego de Arte Contemporánea contará cun orzamento inicial de 3 millóns de euros, que se utilizará para a realización dunha programación baseada na cooperación estratéxica con outras entidades de referencia (MACBA, Fundació Tapiès, Bozar de Bruxelas...) co obxectivo de consolidar a súa posición no marco institucional nacional e internacional; pero tamén na produción propia. Traballarase en conseguir dar maior visibilidade pública e difusión posible dos fondos da colección, tanto no propio Museo como en outros espazos expositivos de Galicia.

Protección e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e cultural

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural continuará profundizando nos programas de protección e de difusión do patrimonio galego a través de diferentes accións de conservación, posta en valor e dinamización do mesmo. Para elo, no exercicio 2011 destinaranse máis de 8 millóns de euros en investimentos no patrimonio cultural e 753.500 euros en axudas para a protección e intervención no patrimonio, que se realizarán a través de investimentos de execución propia e mediante entidade beneficiarias de subvencións.

Destinaranse 870.484 euros para os catro centros da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico; o proxecto de restauración dos espazos públicos no Camiño Francés, incluídos no Plan de Restauración dos Camiños de Santiago, posto en marcha en colaboración co Ministerio de Fomento (1% cultural) contará cunha inversión de 2,1 millóns de euros; e desenvolverase o Plan de Restauración de Castelos e Fortalezas, no que se inclúen actuacións tan relevantes como as obras de mantemento e mellora da accesibilidade da Muralla de Lugo. Tamén se realizarán tarefas de restauración e rehabilitación na Catedral de Santiago e na Catedral de Ourense, así como investiranse arredor de 1,3 millóns de euros  no Plan de Conservación de Abadías, Mosteiros e Conventos e no Plan de intervencións de Restauración do Patrimonio Eclesiástico.

Fundación Cidade da Cultura

Roberto Varela asegurou que o obxectivo prioritario para o ano 2011 da Fundación Cidade da Cultura de Galicia será a posta en funcionamento e apertura ao público dos edificios do Arquivo e a Biblioteca prevista para o vindeiro mes de xaneiro. Asemade, son obxectivos fundamentais para a Fundación no vindeiro exercicio o remate das obras e a inauguración dos edificios de Servizos Centrais e do Museo, avanzar na execución das obras dos edificios restantes e continuar coa dotación de equipamentos.

Varela recordou que o programa de visitas ás obras do complexo está tendo gran éxito e que xa se están a realizar diferentes actividades na Cidade da Cultura como a exposición Espazos Propios, de Cándida Höfer, a mostra Peter Eisenman. A Cidade, ou seminario internacional sobre o patrimonio arquivístico e dixital que terá se celebrará proximamente no Arquivo de Galicia. Segundo Roberto Varela dende Cultura e Turismo pretendemos que a Cidade da Cultura “sexa moito máis que un proxecto arquitectónico, queremos que sexa o soporte dun ambicioso proxecto cultural para todos os cidadás e visitantes de Galicia”.

 

 
Temas relacionados
  • Ir a presentación Orzamentos 2011
  • Ir a Plan Estratéxico 2010-2014
  • Ir a Orzamentos 2010
Xunta de Galicia
Puede suscribirse a las novedades de esta web Puede suscribirse a las novedades de esta web con un lector de feeds
© Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Facenda
Aviso legal | Le atendemos