Actualidade

[Nova2015]A XUNTA DESTINARÁ 113 MILLÓNS DE EUROS AO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL NOS ORZAMENTOS DE 2015

A XUNTA DESTINARÁ 113 MILLÓNS DE EUROS AO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL NOS ORZAMENTOS DE 2015

Santiago, 15 de outubro de 2014.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2015 manterase estable o Fondo de Cooperación Local (FCL), cunha dotación presupostaria de 113 millóns de euros.

O vicepresidente do Goberno galego e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a conselleira de Facenda, Elena Muñoz; e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, mantiveron un encontro cunha representación da FEGAMP, encabezada polo seu presidente, José Manuel Rey Varela.

Os representantes da Xunta explicaron que a partida orzamentaria para o Fondo de Cooperación Local nas contas de 2015 situarase en 113 millóns, a mesma cifra que no exercicio vixente. Ademais, a Xunta tamén manterá estable en 2015 a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que ascende a 11,5 millóns.

Coa asignación que se incluirá nos Orzamentos para 2015, as entidades locais de Galicia terán recibido da Xunta de Galicia un financiamento adicional de 21 millóns de euros dende o inicio da actual lexislatura.

Condonación da débeda

Na reunión tamén se tratou a fórmula de colaboración cos concellos na nova Axencia de Servizos Sociais de Galicia, unha vez que se extinga o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o que está previsto para finais do próximo exercicio. Neste sentido, a Xunta fomentará a cooperación cos municipios para a prestación de servizos sociais a través da firma de novos convenios de colaboración coa Axencia de Servizos Sociais.

Previamente a esta sinatura, establécese un sistema áxil de liquidación dos pagamentos pendentes, en virtude dos convenios de xestión asinados no seu momento co Consorcio. Así, aqueles municipios que o desexen e asinen unha nova colaboración coa Axencia poderán ver condonada nun 50% a súa débeda pendente.

Para o caso dos concellos que estivesen ao corrente dos pagos, estes terán unha dedución na contribución económica que figure no novo convenio que asinen coa axencia e polo tempo a acordar entre as partes.

No encontro de hoxe tamén estiveron presentes o vicepresidente primeiro da FEGAMP, Alfredo García; o vicepresidente segundo, Francisco García; e o vicepresidente executivo da entidade municipalista, Alfonso Villares. Ademais, por parte da Xunta participaron na reunión o director xeral de Administración Local, Alberto Pazos; e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.

 


Temas relacionados