Actualidade

[Nova2013]MEDIO AMBIENTE CONTARÁ EN 2013 CUNS ORZAMENTOS QUE PERMITIRÁN DISPOÑER NESTA LEXISLATURA DE 100 NOVOS KMS DE VÍAS DE ALTAS PRESTACIÓNS

MEDIO AMBIENTE CONTARÁ EN 2013 CUNS ORZAMENTOS QUE PERMITIRÁN DISPOÑER NESTA LEXISLATURA DE 100 NOVOS KMS DE VÍAS DE ALTAS PRESTACIÓNS

Santiago, 11 xaneiro de 2013.-  A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas disporá para este ano 2013 de preto de 678 millóns de euros no marco dos orzamentos da Xunta de Galicia. O conselleiro Agustín Hernández compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar o orzamento que establecerá a actividade do seu departamento no actual exercicio.

 

Hernández explicou que se trata dun documento contable a través do que se pretende dar resposta ás necesidades de Galicia, sen abandonar os obxectivos do Goberno de redución do endebedamento e do gasto improdutivo, así como de axuste ao teito de gasto aprobado polo Parlamento no pasado ano. Para o conselleiro, estes propósitos están permitindo a Galicia triplicar o esforzo investidor medio do conxunto das comunidades autónomas, liderando o gasto investidor en relación co seu PIB.

Lembrou que os orzamentos da Xunta fan compatible o mantemento do gasto social e a situación de Galicia á cabeza das comunidades nos pagamentos realizados e no gasto investidor por habitante, que supera o dobre do realizado de media das autonomías (186,5 euros/habitante en Galicia fronte aos 76,5 euros/ habitante no resto de España).

Agustín Hernández salientou que os orzamentos de 2013 continúan na liña de redución do gasto corrente, tarefa que na pasada lexislatura permitiu minimizar un 20% os gatos de persoal. Desde o ano 2009 ao 2013 a redución dos gastos de persoal e correntes da Consellería e entes adscritos á mesma leva superados os 79 millóns de euros.

O titular de Infraestruturas indicou que existe un forte peso dos gastos de capital, destinados a investimentos, nos orzamentos deste departamento para o presente ano, supoñendo un 78,3% do total dos orzamentos da consellería.
No seguinte cadro amósase o total do orzamento consolidado da Consellería de Medio Ambiente co correspondente desglose por departamentos:

TOTAL ORZAMENTO CONSOLIDADO GRUPO CMATI 2013

CONSELLERÍA (sen transferencias de capital) 87.066.780
AXI 243.999.309
APLU 3.621.197
IGVS + XESTURES 130.837.484
AUGAS DE GALICIA 106.459.122
INSTITUTO DE ESTUDO DO TERRITORIO 2.687.079
SOGAMA 103.253.303
TOTAL 677.924.274

Infraestruturas viarias
A xestión en materia de infraestruturas viarias para o ano 2013 levarase a cabo a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). No eido das infraestruturas viarias, os obxectivos centraranse na blindaxe do mantemento e conservación da rede autonómica de estradas e aseguramento do Plan de Vialidade Invernal, cun incremento de preto do 31% con respecto ao 2012. Outro piar fundamental será a educación e concienciación en materia de seguridade viaria, que aparece cunha partida específica.

Hernández explicou que no orzamento priorízanse as obras que están en marcha como a Terceira Rolda da Coruña, Vía Ártabra ou a Autovía da Costa da Morte. Concretou que se pretende acadar ao remate da lexislatura un incremento superior aos 100 kms. de novas vías de altas prestacións.Tamén se iniciarán outras infraestruturas estratéxicas como o acceso ao Porto Seco de Monforte e licitarase o proxecto de desdobramento do corredor do Morrazo.

Augas de Galicia
Os orzamentos de Augas de Galicia teñen un incremento de 1,2 millóns de euros respecto aos axustados do ano 2012, en coherencia coa blindaxe do investimento de infraestruturas hidráulicas, especialmente no eido do saneamento e depuración.

Como organismo de bacía, Augas destinará unha parte importante do investimento ao control de vertidos e calidade das augas mediante diferentes redes de medida e rematarase a redacción do Plan de Saneamento Local da ría de Arousa. Será especialmente transcendente a elaboración de mapas de risco de inundación, para os que foron licitados contratos por importe de 1,5 millóns de euros. En total, para estes servizos, Augas de Galicia suma uns recursos de máis de 10 millóns de euros.

No que se refire ao saneamento das rías galegas, constátase unha reserva de investimento de máis de 25 millóns de euros, destacando actuacións que entrarán en servizo neste ano como a EDAR do Grove e Ribadumia. Ademais iniciaranse proxectos correspondentes aos Plans de Saneamento Local da ría do Burgo.

Outro dos investimentos máis elevados para Augas de Galicia será o relativo ao avance na EDAR de Vigo, considerando unha anualidade de máis de 8,5 millóns de euros. Ademais, a Xunta colaborará co Estado na execución doutras actuacións como a depuradora de Ourense, os colectores de Ferrol ou a ETAP de Monforte.

En total, o cofinanciamento de obras a executar polo Estado suporá unha partida de 13 millóns de euros por parte da Xunta e permitirá un investimento na comunidade autónoma de 95 millóns de euros en 2013 e de 433 millóns de euros ata o 2015, o que sitúa a Galicia como referencia en canto a execución de obras hidráulicas en España.

Vivenda e solo
Agustín Hernández explicou que en materia de vivenda farase o máximo esforzo posible na rehabilitación, iniciaranse novas actuacións no eido da vivenda de promoción pública e promoveranse novas medidas para o fomento do aluguer. Hernández engadiu que se repararán vivendas de promoción pública destinadas ao realoxo de afectados por execucións hipotecarias.

Tamén se incrementarán os fondos dedicados a solo empresarial na procura de potenciar a dinamización de riqueza e emprego, pasando de 4 millóns de euros a 17 millóns.

Na liña de redución de gasto, en 2013 está previsto rematar o proceso de fusión das catro Xestures nunha sola empresa, o que suporá un aforro de 2,5 millóns de euros anuais.

Urbanismo e territorio
En relación ao urbanismo e a ordenación territorial, incrementarase o rigor para seguir incentivando a creación dos necesarios Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM).

Neste eido, inclúense as axudas á redacción de planeamento, ás que se destinan 2 millóns de euros, para continuar coas subvencións das que se están a beneficiar 241 concellos cun investimento plurianual total de 48,4 millóns.

Tamén se destinarán 9,5 millóns de euros a equipamentos urbanos: auditorio de Lugo, urbanización da rúa Xulián Valverde en Baiona, acondicionamento do contorno do templo da Veracruz.

Seguindo a liña iniciada no pasado exercicio continuarase desenvolvendo os traballos e trámites necesarios cara a redacción e aprobación dunha nova Lei do Solo, unha regulamentación que será consensuada e con vocación de futuro.

O Instituto de Estudos do Territorio continuará coa posta en marcha da nova cartografía para estudos de paisaxe, redacción do Atlas da Paisaxe de Galicia ou do Plan Territorial Integrado da Conca Hidrográfica do Eume.


Temas relacionados