Actualidade

[Nova2012]RUEDA DESTACA QUE OS ORZAMENTOS DE 2012 BLINDAN O GASTO EN XUSTIZA E A DOTACIÓN PARA EMERXENCIAS

RUEDA DESTACA QUE OS ORZAMENTOS DE 2012 BLINDAN O GASTO EN XUSTIZA E A DOTACIÓN PARA EMERXENCIAS

Santiago, 27 de outubro de 2011.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento galego para dar conta dos Orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2012, dos que destacou que blindan o peso da xustiza nas contas e incrementan a dotación destinada á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que contará cun 16 por cento máis de orzamentos que no presente exercicio.

Acompañado polo equipo directivo da Consellería, Alfonso Rueda deu conta dos orzamentos e das liñas de actuación que os vertebran, así como as metas que perseguen. Unas contas realistas e sensatas, leais coas necesidade de protexer os servizos públicos e enmarcadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, consecuentes polo tanto co principio de austeridade e control do déficit público.

Así, destacou que a Consellería está a conseguir baixar o gasto interno da Administración, como resultado da aplicación de medidas de control e de contención do gasto corrente, entre as que citou a redución de liberados ou a racionalización do parque móbil. Fronte a iso, o capítulo IV rexistra un incremento superior ao 5 por cento, no que supón unha aposta clara polo investimento en servizos públicos.

Boa parte dese compromiso vai dirixido a estender a toda Galicia o modelo de xestión contra incendios, unha partida que medra en 1,7 millóns e que contempla a anualidade completa dos parques de bombeiros de Lugo, postos en marcha este ano. Así, o ano que vén estarán completados 32 parques de bombeiros en toda a Comunidade Autónoma.

Ademais, de inmediato comezará a construción dun centro integrado de atención ás emerxencias na Estrada, mantéñense os recursos destinados aos Grumir e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil e executarase a segunda fase do programa Reach, unha iniciativa pioneira en Europa para mellor a resposta ante as emerxencias en colectivos con discapacidades auditivas e da fala.

Gasto en Xustiza

En canto á Administración de Xustiza, o conselleiro destacou o lugar central e preponderante que ocupa entre as prioridades da Xunta, de tal xeito que en 2012 blíndase o seu peso relativo nos orzamentos, despois de que nos do actual exercicio xa se elevaran un 7 por cento as partidas consignadas para esta materia.

Deste xeito, máis da metade dos fondos da Consellería son recursos destinados directamente ao impulso da Xustiza. Se engadimos as partidas para Infraestruturas da sociedade Pública de Investimentos e as da Secretaría Xeral de Modernización para a introdución das novas tecnoloxías no ámbito xudicial, a dotación global para a Administración de Xustiza supera os 150 millóns de euros.

Neste momento, a Xunta ten en marcha actuacións para poñer en marcha catro grandes novos edificios xudiciais e así se recolle nos orzamentos. Trátase do edificio de Santiago, xa en construción; do de Ourense, pendente do inicio das obras; da Fábrica de Tabacos, desbloqueada recentemente; e do novo edificio de Pontevedra, que se adxudicará en canto o Concello remate o proceso expropiatorio e ceda os terreos necesarios. En situación similar se atopa o edificio de Vigo, que conta cunha partida nos orzamentos á espera de que o Concello ceda os terreos, cando xa se cumpriron dous anos dende que anunciou o inicio do proceso de expropiación.

Outros eixos estratéxicos

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores seguirá a ter durante o 2012 un obxectivo fundamental: lograr que Galicia siga a percibir fondos europeos no vindeiro período 2013-2020. Tamén apostará por seguir a abordar as accións previstas no II Plan Director de Cooperación e procederá a executar proxectos dinamizadores de cooperación transfronteiriza, como os relacionados coa xestión compartida de servizos, a implantación da Axenda Dixital Local e a coordinación das emerxencias na Macrorrexión entre Galicia, Castela e León e no Norte de Portugal.

O compromiso coa Administración local é outro dos eixos da consellería para o vindeiro ano, no que se traballará en dúas liñas: priorizando os recursos de financiamento local de carácter incondicionado e orientando á cobertura dos gastos correntes, e aumentando as posibilidades de xestión compartida de servizos locais.

Así, a Xunta reforzará o seu apoio aos concellos que cumpren e levarase a cabo unha política de incentivos á prestación compartida, que se verá explicitada nas diferentes ordes de convocatoria de subvencións ás entidades locais.

Finalmente, a Consellería continuará a realizar esforzos para modernizar a Administración autonómica e para intensificar as liñas de eficiencia postas en marcha en anos anteriores, coa execución da segunda fase do Plan de Racionalización da Administración paralela, con medidas de aforro enerxético e co II plan de reestruturación do parque móbil, entre outras iniciativas.


Temas relacionados