Actualidade

[Nova2012]JAVIER GUERRA REITERA O COMPROMISO CO TECIDO INDUSTRIAL E EMPRESARIAL GALEGO CUNS ORZAMENTOS QUE APOSTAN POLA MELLORA COMPETITIVA, A INTERNACIONALIZACIÓN E A INNOVACIÓN

JAVIER GUERRA REITERA O COMPROMISO CO TECIDO INDUSTRIAL E EMPRESARIAL GALEGO CUNS ORZAMENTOS QUE APOSTAN POLA MELLORA COMPETITIVA, A INTERNACIONALIZACIÓN E A INNOVACIÓN

Santiago, 28 de outubro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, compareceu hoxe no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento de cara a 2012 e salientou que se trata dunhas contas "serias, rigorosas e responsables", orientadas á consecución dun obxectivo principal: "continuar na senda de crecemento económico cunha adecuada política industrial e económica que nos permita impulsar o investimento na nosa comunidade". Destacou así que os presupostos, "coa austeridade e a eficacia como eidos fundamentais, están dirixidos a accións concretas de mellora da competitividade, impulso da internacionalización e fomento da innovación como clave para a xeración de riqueza e emprego de calidade".

 

O conselleiro de Economía e Industria sinalou que os presupostos da Consellería están deseñados "segundo unha estratexia de impulso do crecemento, na que se presta especial atención ás necesidades máis inmediatas das empresas, industrias e emprendedores, pero sendo capaces de fixar límites de gasto que nos permitan afianzar e garantir a continuidade dos proxectos a medio e longo prazo". Resaltou o conselleiro a importancia de "ser capaces de artellar unha Galicia forte e dinámica desde o punto de vista empresarial e industrial".

Javier Guerra asegurou que entre os principais obxectivos da Consellería están as accións de mellora da competitividade empresarial e o impulso ao espírito emprendedor, salientando que ata o mes de agosto se crearon en Galicia preto de 3.000 novas empresas.

Entre as claves do Goberno galego segue a estar a internacionalización como "unha das opcións de futuro máis importantes para a nosa comunidade", sinalou Guerra, que fixo referencia a que as accións da Xunta de Galicia nesta materia se ven reflectidas nas cifras de exportación galegas que creceron ata o mes de agosto, con respecto ao pasado ano, un 21,3%, punto e medio por riba do conxunto español.

Neste senso, os orzamentos do Igape están orientados a acadar a maior rendibilidade e eficacia, polo que reducen o capítulo de gastos correntes e todos os que non supoñan un investimento e, polo tanto, un retorno produtivo, nun 25%. Esta redución vese compensada por un incremento nas partidas de inversión de preto dun 20%, pasando dos 50 millóns de euros aos 60 millóns. A PEXGA (a rede de Plataformas Galegas no Exterior) consolídase coa fin de conseguir 700 novas empresas exportadoras e incrementar en 3.400 millóns as exportacións galegas ata o ano 2014.

Ademais, resaltou o conselleiro a especial aposta da Xunta polas provincias de Lugo e Ourense, nas que se incrementan as achegas a través dos Plans Impulsa Lugo e Ourense, aumentando o esforzo nas mesmas por preto dun 70%.

A I+D+i como estratexia de crecemento

O conselleiro salientou no Parlamento que a innovación "ten que ser unha das grandes prioridades políticas". Neste ámbito, a Consellería porá en marcha no 2012 a Axencia Galega de Innovación coa fin de mellorar e impulsar a estratexia en materia de innovación e apoio á investigación galega.

Nos orzamentos de 2012, a Consellería mantén a aposta pola innovación cunha subida do 8,5% respecto do 2011, priorizando o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C). En especial, fixo fincapé Javier Guerra no incremento do 26% dos fondos investidos na retención e captación de talento investigador de nivel internacional, capaz de liderar proxectos de alto impacto, e na posta en marcha do programa Interconecta –en colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial- que posibilita a mobilización de preto de 60 millóns de euros para a realización de proxectos que involucren tanto a iniciativa privada como os centros de coñecemento.
Cómpre destacar ademais a constitución dun Fondo de Capital Risco tecnolóxico dotado de 20 millóns de euros, coa fin de impulsar as novas empresas baseadas no coñecemento.

Industria e sectores estratéxicos

Dentro do marco de eficiencia e rigorosidade no que se inscriben os orzamentos da Consellería, Javier Guerra avanzou que o seu departamento mantén o compromiso económico co impulso e modernización da industria, co incremento do presuposto en máis dun 80% coa fin de darlle un pulo definitivo as infraestruturas dos polígonos industriais de titularidade municipal, e a continuación do Plan Galego de Seguridade Industrial. Tamén destacou o apoio á modernización das industrias enerxéticas e máis o impulso en materia de enerxías renovables e o sector da minería. Por suposto, os orzamentos xiran ao redor de sectores estratéxicos como a automoción, o naval e a súa industria auxiliar.

A dispoñibilidade orzamentaria permitirá tamén cumprir cos compromisos adquiridos co Plan Ágora Agora re-Comercia destinado a apoiar, sobre todo, ao comercio de proximidade coa modernización, mellora e dinamización da estrutura e a actividade comercial galega. Desde este ámbito mantense o impulso e o fomento do asociacionismo como fórmula de mellora da competitividade e entre outros puntos destacados está o apoio aos mercados municipais e aos centros comerciais abertos, ademais do mantemento das axudas á procura de novos mercados mediante o FOEXGA.

 

Deste xeito, os orzamentos da Consellería de Economía e Industria incrementan o seu compromiso coas pequenas e medianas empresas, a industria, o comercio de proximidade, a investigación e o impulso á innovación e internacionalización na procura de fomentar o camiño da prosperidade na política económico-industrial e acadar a máxima competitividade das empresas para a xeración de emprego e riqueza na comunidade.


Temas relacionados