Actualidade

[Nova2012]FERNÁNDEZ CURRÁS SALIENTA QUE A XUNTA LEVA GARANTIDO TODA A LEXISLATURA A PRESTACIÓN PÚBLICA E DE CALIDADE DOS SERVIZOS PÚBLICOS E ASEGURA QUE TAMÉN O FARÁ EN 2012

FERNÁNDEZ CURRÁS SALIENTA QUE A XUNTA LEVA GARANTIDO TODA A LEXISLATURA A PRESTACIÓN PÚBLICA E DE CALIDADE DOS SERVIZOS PÚBLICOS E ASEGURA QUE TAMÉN O FARÁ EN 2012

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2011.- A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, subliñou hoxe que a Xunta de Galicia leva garantindo durante toda a lexislatura, nos anos máis difíciles da crise económica, a prestación pública e de calidade dos servizos públicos e afirmou que tamén o fará o vindeiro ano.

 

Fernández Currás, que explicou en comisión parlamentaria o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade galega para 2012, lembrou que as condicións teñen mudado nos últimos anos pero, aínda que a comunidade conta hoxe con financiamento autonómico equivalente ao ano 2004, os servizos que presta a Administración autonómico son moito mellores ano tras ano esta lexislatura, grazas a gañancias de eficiencia.

A titular de Facenda explicou que o incremento dos custos financeiros está asociado a un esforzo extraordinario na defensa do gasto en educación, en materia de sanidade, unha prestación pública que se mellora cada orzamento en calidade e en servizos, así como un esforzo extraordinario para manter o investimento sen perder de vista o compromiso da solvencia da Facenda autonómica.

 

Por iso, remarcou que este difícil equilibrio permite que Galicia sexa unha comunidade que leva garantido en todo este tempo, cheo de dificultades, a prestación pública e de calidade dos servizos públicos. Neste senso, salientou a capacidade do Goberno galego para aumentar o gasto social en 7,7 puntos no que vai de lexislatura cunha capacidade de gasto no nivel do ano 2006.

 

Galicia presenta unha mellor posición comparativa en endebedamento

Marta Fernández Currás indicou que o endebedamento é lóxico que aumente en todas as administracións públicas neste momento, pero asegurou que o que diferenza o incremento da Comunidade galega é que sempre se limita ao acordado no Consejo de Política Fiscal y Financiero. Salientou que precisamente é neste momento cando Galicia, por primeira vez na súa historia, ten unha ratio débeda-PIB inferior á media; ademais de ser a quinta autonomía na que menos aumentou esta ratio nos últimos anos.

 

A conselleira remarcou así a responsabilidade da Xunta, algo que considerou incuestionable, mesmo para o Goberno de España que non atopa moitos aliados na sostibilidade das finanzas públicas.

Por outra banda, reivindicou que Galicia é a comunidade máis transparente e que máis control ten das fórmulas de financiamento público-privadas. De feito, apuntou que desde a Consellería de Facenda se emite un informe preceptivo e vinculante antes da aprobación dos pregos que rexente este tipo de contratos. Tamén lembrou que, para reforzar esta posición, a Xunta pedirá ao Consello de Contas un informe técnico para poder fixar un límite ás colaboracións público-privadas.

 

Marta Fernández Currás resaltou que o Executivo galego ten sido rigoroso e responsable e garantiu que o seguirá sendo. Por iso, explicou que a Xunta presentou os seus orzamentos cando o Goberno do Estado no o fixo; presentou unha revisión das previsións de crecemento cando o Goberno de España podía facelo e recoñece que debería facelo; e aporta confianza e certeza aos proxectos económicos e de investimento do próximo ano.

 

Ademais, reiterou a aposta do Goberno autonómico polo equilibrio do territorio priorizando o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense fronte ás de Pontevedra e A Coruña, pois os recursos que destina por habitante nas provincias interiores é un terzo superior ás atlánticas.

Así, a suma dos investimentos da administración xeral e dos entes dependentes supón que o gasto por habitante será o vindeiro ano de 926 euros na provincia de Lugo e de 838 na de Ourense, mentes que á de Pontevedra se destinará 639 euros e á de A Coruña 623.

Os orzamentos para 2012 prevén que Galicia poderá medrar un 1,1% o ano que ven, unha décima por riba do estimado para España, manter un diferencial positivo de 4,5 puntos en taxa de paro respecto ao Estado e que non baixen por primeira vez na lexislatura os investimentos orzamentarios.

O Goberno galego non abandona os esforzos por controlar o gasto corrente e acumula un aforro de 753 millóns de euros no que vai de lexislatura, o equivalente ao 1,3% do PIB galego, gañando eficiencias na xestión. Igualmente, unha xestión eficiente na Función Pública permite reducir o déficit estrutural sen afectar á calidade dos servizos, cun aforro estimado para a lexislatura de 300 millóns de euros. 


Temas relacionados