Actualidade

A XUNTA PORÁ EN MARCHA UN PLAN ESTRATÉXICO PARA AS FILLAS E FILLOS DAS ASASINADAS POR VIOLENCIA DE XÉNERO

A XUNTA PORÁ EN MARCHA UN PLAN ESTRATÉXICO PARA AS FILLAS E FILLOS DAS ASASINADAS POR VIOLENCIA DE XÉNERO
  • Implantarase un plan de acompañamento e asesoramento á vítima, que coordine a todos os axentes implicados
  • O vindeiro exercicio está previsto completar os edificios xudiciais de Pontevedra e Tui e notables avances na Cidade da Xustiza de Vigo
  • Os orzamentos destinados tanto en emerxencias como ás axudas aos concellos galegos increméntanse en aras de seguir prestando servizos públicos de calidade

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2018.-  O vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos do seu departamento para o vindeiro exercicio 2019, no que se consolida e refrenda o compromiso do Goberno galego coas vítimas de Violencia de Xénero, contando ademais coa incorporación as achegas no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que ascenden a  8 millóns de euros.

No caso da Igualdade, o vicepresidente destacou o incremento no seu orzamento en preto dun 8%, e indicou que se porá en marcha un plan estratéxico para os orfos e orfas das vítimas da violencia de xénero, intensificando a asistencia e protección aos menores de 25 anos cunha indemnización económica de axuda directa e un servizo de apoio, acompañamento, asesoramento e xestión os trámites que precisen.  Implantarase tamén un Plan de acompañamento e asesoramento da Vítima mediante a posta en marcha dun protocolo único de cooperación entre os seus axentes para dar mellor asistencia á vítima, establecerase unha quenda de garda psicolóxica e permanente, tanto para as vítimas como para os seus fillos e fillas menores en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia.

O goberno galego porá tamén en marcha un Plan de incentivos a empresas para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero. Volven a subir, outro ano máis, a dotación das axudas periódicas para as vítimas de violencia de xénero, concretamente  un 33%, o que significa un millón de euros mais para poder axudar ás vítimas, e mantéñense as outras dúas liñas de axudas, as de pago único e indemnizacións. Seguirase traballando coas entidades entidades locais, con 232.000 euros destinados ao mantemento dos centros de acollida e 800.000 euros máis para reforzar e iniciar novas liñas de colaboración.

No referente á conciliación, o orzamento sube nun 34,8 % o que significa 418.000 euros máis destinados ás familias e ao apoio aos programas de conciliación organizados polas entidades locais. Ao mesmo tempo, reforzase tamén a liña de apoio aos Centros de Información á Muller, que ascende a 3,4 millóns de euros. No que respecta á colaboración cos movementos asociativos, destínanse 180.000 euros ao fomento do asociacionismo feminino, mantense o apoio ao Consello Galego das Mulleres e incrementase o importe para a colaboración co movemento asociativo LGTBI.

Infraestruturas xudiciais
No referente ás infraestruturas xudiciais, para o ano que vén acadarase  o investimento máis alto na Administración de Xustiza cun total de 158,7 millóns de euros. Entre os grandes proxectos postos en marcha, o vindeiro ano estarán xa rematados e operativos o novo edificio xudicial da Parda, en Pontevedra, no que se se investirán 2,8 millóns de euros para finalizar a obra que, en global, acadou 21,2 millóns de euros; e o novo edificio xudicial de Tui cun investimento total que acadou os 2 millóns de euros.

No ano 2019, a Cidade da Xustiza de Vigo contará coa maior inversión do exercicio, con 18 millóns de euros consignados, e tal e como indicou o vicepresidente o custe total da obra acada os 31 millóns de euros, facilitando que sexa unha realidade no ano 2020 con 35 unidades xudiciais e amplos espazos para futuras necesidades.

Ademais, neste eido os edificios xudiciais contarán con novas actuacións de eficiencia enerxética e levaranse a cabo diversas obras menores, cun orzamento global de 1,8 millóns de euros. A renovación do mobiliario terá unha consignación orzamentaria para este ano de case 2 millóns de euros dun total de 5 millóns de euros, no marco do  período 2019-2021.

Melloras nas emerxencias, cooperación ao desenvolvemento e  axudas aos concellos
No relativo ás emerxencias, o Goberno galego pretende levar a cabo a cobertura de zonas de sombra coa proposta de incrementar e mellorar en 8 servizos de emerxencias, sempre coa  colaboración da FEGAMP e, sobre todo das Deputacións, titulares da competencia.

Ademais, grazas ao incremento no orzamento que supón case un 18% con respecto ao ano 2018, a Xunta seguirá dando un apoio fundamental aos servizos de emerxencias, tanto en financiamento como en formación e equipamento. Concretamente incrementarase a partida destinada aos consorcios provinciais de bombeiros ata chegar a 10,2 millóns de  euros, e reforzarase o grupo de apoio loxístico da Axega con 220.000 euros. No que atinxe á dotación de equipamento, a Vicepresidencia destinará máis de 2,9 millóns de euros.

A Dirección Xeral de Exteriores aumenta o seu orzamento nun 8,6%, e destaca sobre todo o incremento do programa da cooperación ao desenvolvemento, que continúa a senda da recuperación incrementándose nun 11,6%, ata acadar os 5,6 millóns de euros.

O Goberno galego incrementará as partidas de investimento destinadas a apoiar as entidades locais, como as axudas aos concellos galegos para creación e mellora da súas infraestruturas e equipamentos cun incremento na súa dotación nun 30%, as axudas específicas para organizacións veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidade de usuarios de augas sobe un 50%  para dar así resposta ao importante número de solicitudes presentadas. Ademais mantense o nivel de investimento do Fondo de Compensación Ambiental.

Outros investimentos
No vindeiro trimestre finalizará as obras do exterior do complexo administrativo de San Caetano, cun investimento total é de 6,5 millóns de euros. E dará comezo unha nova obra no complexo, que levaba sen reformarse desde os anos 80, que terá como finalidade mellorar a  distribución interior cun orzamento de 1,09 millóns de euros. Tamén rematarán os traballos no edificio administrativo da rúa Benito Corbal de Pontevedra, finalizando tamén no primeiro trimestre do novo ano tras un investimento duns 5 millóns de euros.