Actualidade

SANIDADE APOSTA POLA ESTABILIDADE LABORAL DOS SEUS PROFESIONAIS, A MODERNIZACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS E A ATENCIÓN Á CRONICIDADE

SANIDADE APOSTA POLA ESTABILIDADE LABORAL DOS SEUS PROFESIONAIS, A MODERNIZACIÓN DAS INFRAESTRUTURAS E A ATENCIÓN Á CRONICIDADE

 

Santiago 27 de outubro de 2017.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, informou esta tarde á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia sobre o presuposto da súa Consellería para o ano 2018. En concreto, os orzamentos da sanidade galega serán de 3.861 millóns de euros, case 100 millóns máis que en 2017, que foron 3.766 millóns de euros. Este é o cuarto ano consecutivo no que aumenta á partida orzamentaria da Xunta destinada a Sanidade, que no próximo exercicio superará a cifra de 2009.

Recursos Humanos

En materia de recursos humanos, Vázquez Almuiña asegurou que, co horizonte do 2020, preto de 5.000 persoas poderán acceder a unha praza estable, a través de novas ofertas. Para 2018 vanse crear 365 novas prazas no Sergas, das que máis de 100 serán de médicos, co que se achegará ao obxectivo de reducir a interinidade ata o 5% e impulsar a estabilidade laboral.

Ademais, Almuiña confirmou que a súa Consellería está en disposición de cumprir o compromiso de duplicar a oferta de 2016 cunha nova OPE de 1.616 prazas que se publicará no vindeiro mes de novembro.

O conselleiro destacou que na estratexia da súa Consellería sempre estivo o obxectivo de avanzar na estabilidade dos profesionais do Sergas.  Para o ano 2018, recursos humanos contará con 1.702,5 millóns de euros, dos que 1.645 millóns (96,6%) corresponden ao Sergas e o resto á Consellería e os entes adscritos.

Asistencia sanitaria e saúde pública

Sobre asistencia sanitaria, Almuiña remarcou que as persoas máis vulnerables verán reforzados os recursos a súa disposición. Con este obxectivo vanse incrementar os orzamentos destinados a saúde mental, tanto para aos pacientes como as asociacións de enfermos, familiares, ONGs e concellos. Nese senso, vanse dedicar a dispositivos concertados para persoas con problemas de saúde mental un total de 5,6 millóns de euros (un 5% máis respecto ao orzamento do ano 2017). Tamén se destinarán 7,5 millóns de euros a colaboración con asociacións de ONGs e asociacións, (un 10% máis) e 3.979.800 euros a colaboración con concellos (21% máis). Ademais completarase a rede de atención á psiquiatría infanto-xuvenil en todos os hospitais do Sergas coa incorporación do Complexo Hospitalario de Ferrol e a nova unidade de hospitalización no Hospital Álvaro Cunqueiro. Tamén se desenvolverá o Plan galego de prevención do suicidio e se vai avanzar no Plan de saúde mental.

No referente a saúde infantil, Jesús Vázquez Almuiña destacou que se porá en marcha a Unidade de oncoloxía pediátrica de Galicia, para a atención integral dos procesos oncolóxicos pediátricos e acadar unha atención homoxénea aos nenos con cancro.

O titular de Sanidade asegurou que un dos retos para o nosos sistema de saúde é a cronicidade, polo que hai que avanzar na súa abordaxe con novas formas de traballo e con novos instrumentos como a plataforma Telea, que facilita o seguimento das persoas con enfermidades crónicas. Dende a Consellería vaise avanzar na extensión do Telea  ao 50% dos centros de atención primaria a finais de 2018 para incrementar a porcentaxe da cidadanía galega que teña acceso a esta plataforma.

En canto á área de Saúde pública, Sanidade aposta por reforzar a actuación preventiva e de promoción da saúde. Entre estas accións destacan os programas de vacinación e os de detección precoz de enfermidades. A incorporación de melloras no calendario de vacinación infantil e a implantación do calendario de vacinación de adultos vense reflectidas nestes orzamentos, cun investimento de máis de 13 millóns de euros, aumentando en máis dun millón de euros os 12 millóns de 2017.

O vindeiro 2018 será o primeiro ano no que funcione en toda Galicia o programa de detección precoz do cancro de colon e recto. Xunto a el, seguiran funcionando outros programas xa consolidados como o do cancro de mama, hipoacusia e enfermidades endocrinas e metabólicas en período neonatal.

Infraestruturas e equipamentos

No referente ás infraestruturas, o titular de Sanidade subliñou que se van dedicar preto de 88 millóns de euros a transformar e modernizar o mapa sanitario galego con novas infraestruturas nas cidades de Ferrol, Pontevedra e Lugo, coa ampliación do CHUS e a dotación para a nova facultade de Medicina, coa mellora de servizos nos hospitais comarcais e co avance nunha renovada rede de centros de atención primaria.

Preto de 10 millóns de euros irán destinados á construción e equipamento en atención primaria. Desta partida, 8.543.664 euros son para os novos centros en construción ou que se van construir (Ares, Narón, Pac de Laracha, Milladoiro, Melide, A Estrada, o centro integral de saúde de Lugo, O Saviñao, Gondomar, Salceda de Caselas, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar, Pazos de Borbén e ampliación do da Illa), os proxectos de Santa Lucía  e os plans funcionais e de espazos de Cangas e Moaña, de Bouzas e de Lalín.

En canto aos hospitais, no Gran Montecelo en Pontevedra vaise comezar coa expropiación e o comezo da fase I. No Hospital de Ferrol, tras o inicio da fase 0 en 2017, vaise continuar coas obras do laboratorio de anatomía patolóxica e a mellora e traslado da cociña e da  lavandería ao Naval. En 2018 licitaranse a fase preparatoria de ampliación e as obras de urxencias, hospitalización, unidades de críticos e radioloxía correspondentes á fase I.

O Hospital Clínico de Santiago vai contar con orzamentos para a construción da nova facultade de Medicina e o comezo da fase I do hospital.

No Hospital da Coruña rematarase a actual fase do Plan director coa ampliación das urxencias do Materno Infantil entre outras actuacións e vaise adquirir novo equipamento electromédico.

Para os hospitais de Vigo está prevista a renovación de equipamento do Cunqueiro, ademais da unidade de mama e radioterapia e medicina nuclear do Meixoeiro entre outros investimentos.

No Hospital de Ourense vanse poñer en funcionamento as instalacións do novo edificio de instalación, da nova cociña e comezarase con inicio da seguinte fase do Plan director.

O Hospital do Salnés, que terá en funcionamento o hospital de día antes de que finalice o ano, contará cunha unidade de esterilización no 2018.  No Hospital do Barbanza vanse executar obras de ampliación das urxencias.

No Hospital da Mariña continuaranse coas obras xa iniciadas de ampliación e equipamento, mentres en paralelo vanse ir elaborando os proxectos da seguinte fase doi plan director. No Hospital de Monforte levaranse a cabo melloras nas áreas de hospitalización e consultas externas para humanizar os espazos, mellorar a confortabilidade e a posibilidade de dispoñer de habitacións individuais.

Para o Hospital do Barco de Valdeorras está previsto realizar melloras nos tratamentos onco-hematolóxicos no hospital de día, na cirurxía maior ambulatoria e adquirir equipamento médico entre outras actuacións. No Hospital de Verín os traballos irán destinados a mellorar a accesibilidade e a novas instalación.

Estratexia do Sergas 2020

Na súa presentación, Almuiña subliñou que o obxectivo principal en torno ao que se articulan estes orzamentos é o da mellora da asistencia sanitaria para toda a cidadanía e o coidado e atención as personas más vulnerables. Para isto, estes presupostos  tiveron en conta os catro eixos da Estratexia do Sergas 2020, a folla de ruta da Consellería para continuar coa modernización do sistema sanitario e a súa adaptación ás necesidades actuais de futuras. Estes eixos son a atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores; uns profesionais comprometidos e coidados pola organización; a xestión eficiente dos recursos que faga posible á sostibilidade do sistema sanitario; e a adecuación das infraestruturas, os equipamentos sanitarios e os sistemas de información ás necesidades de pacientes e cidadanía.

Compromiso común

Almuiña finalizou a súa comparecencia lembrando que a Consellería de Sanidade ten o firme compromiso de mellorar a saúde dos galegos. Pero que é necesaria a colaboración de todos para poder dar resposta a toda e cada unha da necesidades dos pacientes, os seus familiares, as asociacións e toda a sociedade. Para o conselleiro "a Sanidade é de todos e por iso ten que ser un compromiso de todos".


Temas relacionados