Actualidade

SANIDADE DESTINARÁ NO VINDEIRO ANO UN TOTAL DE 3.614 MILLÓNS DE EUROS A MELLORAR A SAÚDE DA CIDADANÍA GALEGA

SANIDADE DESTINARÁ NO VINDEIRO ANO UN TOTAL DE 3.614 MILLÓNS DE EUROS A MELLORAR A SAÚDE DA CIDADANÍA GALEGA

Santiago 12 de decembro de 2016.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu hoxe diante da Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para informar do presuposto da sanidade galega para o vindeiro ano, que acada a cifra de 3.614 millóns de euros e supón preto do 42% do total da Xunta. Trátase do primeiro orzamento enmarcado na nova estratexia Sergas 2020.

Segundo o conselleiro, catro son os eixos marcados neste presuposto: unha atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores; uns profesionais comprometidos e coidados pola organización; una xestión eficiente que contribúa á sostibilidade do sistema sanitario; e, ademais, adecuar as infraestruturas, os equipamentos sanitarios e os sistemas de información ás necesidades de pacientes e cidadanía.

Estes catro eixos basculan en torno ao obxectivo principal que é mellorar a saúde dos galegos. No caso caso da Sanidade, os orzamentos ascenden por terceiro ano consecutivo. Así, no 2015 subiron 11,6 millóns; en 2016 en máis de 103 millóns e este ano soben en 101 millóns.

Saúde Pública e RRHH

En materia de saúde pública, destinaranse 12 millóns de euros a programas de vacinación (300.000 máis que o pasado ano) e outros 3,1 a programas de cribado (800.000 máis). Ao respecto Almuiña, remarcou que o Programa de prevención de cancro de colon estenderase no 2017 a toda Galicia. Tamén se impulsará un Plan galego de resistencias antimicrobianas. Destacou o conselleiro, tamén, a aposta que se fai pola prevención das drogodependencias e do VIH, mantendo a colaboración coas asociacións e ONGs.

En materia de recursos humanos, o titular de Sanidade asegurou que a estabilidade no emprego constitúe unha das liñas básicas neste eido, indicando que as medidas adoptadas os últimos anos permitiron acadar un 80% de persoal estable na plantilla media do Sergas. O orzamento destina 1.623 millóns aos recursos humanos; preto do 45% do presuposto está dedicado aos profesionais; e a masa salarial crece unha media do 3%. Hai 43,6 millóns de euros para financiar os específicos adicionais de todos os profesionais. Ademais, destínanse 7,4 millóns para reforzar a contratación de persoal.

Almuiña destacou, tamén, que hai dúas semanas o Sergas presentou ás forzas sindicais en Mesa Sectorial o borrador do Plan de Estabilidade, no que se plasmará o compromiso de reducir a temporalidade neste organismo.

Outras iniciativas en materia de recursos humanos sinaladas polo conselleiro son o desenvolvemento do novo pacto de selección de persoal estatutario temporal e o decreto de creación da categoría estatutaria de enfermeiro especialista, así como o traballo levado a cabo para proceder a publicar, neste mes, o novo Plan de formación continuada para o vindeiro ano. Trabállase tamén na publicación do decreto de contratación de persoal investigador e na renovación do Plan de ordenación de recursos humanos.

Atención á cronicidade e saúde mental

En materia de asistencia sanitaria, continuarase desenvolvendo a Estratexia galega de atención integral á cronicidade e seguirase coa ordenación do Plan Marco de atención socio sanitaria para a integración efectiva dos servizos sociais e sanitario-asistenciais. Tamén remarcou o conselleiro o traballo que se está a realizar para conseguir a plena integración da saúde mental na asistencia sanitaria. Así, no orzamento dedícanse a programas de saúde mental, drogodependencias e programas sociosanitarios un total de 10,5 millóns de euros. A maiores, o orzamento dedicado a dispositivos concertados de saúde mental é de 5,3 millóns.

Ademais, continuarase a traballar no desenvolvemento da Lei de Garantías. Igualmente, tras ter acadados os mellores resultados en lista de espera o pasado mes de xullo, o sistema público de saúde debe seguir a traballar na mellora dos tempos de espera en base a criterios de priorización e gravidade. No campo dos coidados paliativos, continuarase favorecendo a permanencia do paciente no seu domicilio e establecendo os procesos asistenciais que aseguren unha rápida resposta ante calquera necesidade que se formule.

No apartado de farmacia, Almuiña dixo que é importante establecer e divulgar criterios de boas prácticas de prescrición e bo uso dos medicamentos cara a pacientes e profesionais, con principios de seguridade, efectividade e custe. É preciso continuar a traballar no bo uso dos recursos farmacoterapéuticos aos que, a pesar de todas as medidas tomadas nos últimos anos, dedicaranse 1.026 millóns de euros, 696 en atención primaria e 329 nos hospitais, remarcou.

Infraestruturas

No apartado de infraestruturas, na EOXI da Coruña continuaranse realizando novas actuacións para desenvolver o plan director do Complexo Hospitalario Universitario da cidade herculina; e en Ferrol, levarase a cabo a redacción do Plan Director e inicio das obras o antes posible.

Na EOXI de Santiago apóstase pola construción dunha nova Facultade de Medicina e o paso da asistencia sanitaria que agora acolle o Hospital Gil Casares, coa ampliación do Hospital Clínico, aproveitando para a modernización dalgunhas áreas.

Na EOXI de Lugo, Cervo e Monforte seguirase coa ampliación do Hospital da Costa, por 6,6 millóns; e na EOXI de Ourense, Verín e Valdeorras seguirase desenvolvendo o Plan Director do CHUO, en total, 6,1 millóns.

Na EOXI de Vigo seguirase mellorando tanto o Hospital Álvaro Cunqueiro, con instalacións novas -como unha segunda sala de electrofisioloxía ou un quirófano híbrido- como o Hospital Meixoeiro.

E en Pontevedra e O Salnés, ademais de continuar e rematar a ampliación do Hospital do Salnés, vaise desenvolver o Plan Funcional e o Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal do novo Gran Montecelo.

En canto ás instalacións de Atención Primaria, intervirase nunha decena de novos centros de saúde e ampliacións doutros xa existentes. En conxunto, 6,36 millóns de euros en infraestruturas e equipamentos en atención primaria.

Outras áreas e agradecemento aos profesionais

No apartado de renovación tecnolóxica, existe un expediente de alta tecnoloxía por un importe de 9,3 millóns de euros. Tamén destacou o conselleiro as actuacións en materia de tecnoloxías da información, cunha dotación de 30,7 millóns de euros.

Na área de xestión do coñecemento, Almuiña falou sobre a recentemente creada Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), que contará cun orzamento de 3,5 millóns. Tamén destacou o labor da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que conta cun presuposto de 24,1 millóns para garantir o abastecemento de sangue e coordinar a doazón, os transplantes de órganos e o implante de células e tecidos; e o traballo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cunha dotación de 48,1 millóns de euros.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro agradeceu a todos os traballadores do Sergas e da Consellería de Sanidade o seu labor, enerxía e esforzo no día a día.


Temas relacionados