Actualidade

MEDIO AMBIENTE SITÚA COMO 'RETOS INELUDIBLES' PARA 2017 O SANEAMENTO INTEGRAL DAS RÍAS, A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO E A IMPLANTACIÓN DA ECONOMÍA CIRCULAR

MEDIO AMBIENTE SITÚA COMO 'RETOS INELUDIBLES' PARA 2017 O SANEAMENTO INTEGRAL DAS RÍAS, A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO E A IMPLANTACIÓN DA ECONOMÍA CIRCULAR

Santiago, 9 de decembro de 2016.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, compareceu hoxe en sede parlamentaria para dar conta dos orzamentos do departamento que dirixe de cara ao ano que vén, que ascenderán a 265 millóns de euros, 6 millóns máis que en 2016.

Na súa intervención, Mato marcou seis eixos, que cualificou como "retos ineludibles": o saneamento integral das rías; a loita contra o cambio climático; a xestión dos residuos de forma moderna e eficiente; a ordenación do territorio; a posta en valor da paisaxe; e o desenvolvemento sustentable do patrimonio natural. "Este é o momento de que Galicia dea un paso adiante para conseguir converternos nun referente medioambiental e sustentable dentro da Unión Europea", subliñou a conselleira, quen fixou como un dos principais obxectivos "converxer coas rexións europeas máis avanzadas en materia de medio ambiente e situarse, nos próximos anos, á cabeza".

Xa máis polo miúdo en canto ao primeiro dos eixos, Mato explicou que no horizonte 2020 estará concluída toda a planificación do saneamento das rías e a maior parte das infraestruturas estarán executadas ou en servizo. Para iso, blíndase o orzamento de Augas de Galicia (un 0,5% máis), que volve superar os 100 millóns de euros tras consolidar o incremento do 16,7% deste ano. Case a metade desta contía, un total de 46,7 millóns de euros, destinaranse á planificación e execución de novas infraestruturas hidráulicas, un 3% máis que en 2016; e, desta partida, 33,8 millóns dedicaranse ao saneamento e depuración das rías. En calquera caso, a conselleira precisou que tamén se realizará un esforzo en materia de abastecemento, como se demostra nos 13 millóns que se destinarán ao abastecemento e saneamento no rural, o dobre que en 2016. Continuarase tamén mellorando os controis, a través do investimento de 2 millóns de euros no Programa de control de vertidos, un 18% máis.

Cambio climático e xestión de residuos

No que se refire ao segundo eixo, o cambio climático, Mato cualificouno como "un dos máis grandes retos" aos que se enfronta a sociedade, polo que apelou ao compromiso de todos. Ao respecto, concretou que as contas do próximo ano contemplan un incremento do 140% (un total de 1,6 millóns de euros) para a loitar contra este fenómeno, a través de medidas como a sensibilización, a redución de emisións e a adaptación ao fenómeno. De feito, está prevista tamén a posta en marcha da Estratexia galega de cambio climático 2050, un documento que detallará as medidas de observación, mitigación e adaptación. E, de forma complementaria, tamén se porá en marcha a Estratexia galega de sustentabilidade ambiental, a primeira destas características da historia da autonomía.

Neste escenario actual, o terceiro eixo -en tanto se refire á avanzar cara unha xestión de residuos moderna e eficiente- resulta "imprescindible". "Temos que apostar polas 4 erres: redución, reutilización, recuperación e reciclaxe. E mesmo ir un paso máis alá, e establecer o máximo compromiso coa economía circular", destacou a conselleira. Precisamente, para avanzar nesta liña, este mesmo mes de decembro aprobarase o novo Plan de xestión de residuos industriais 2016-2022, que contará con 3,6 millóns de euros no orzamento. Ao mesmo tempo, tamén se blindará o orzamento do Plan de xestión de residuos urbanos 2010-2020, con 2,8 millóns de euros. Esta aposta traducirase ademais noutras medidas novidosas, como o impulso dun gran pacto para reducir o consumo das bolsas de plástico; así como na continuación doutras actuacións exitosas, como o Programa de eliminación de puntos de vertido incontrolado (1 millón de euros).

Sogama é un aspecto fundamental deste terceiro eixo, un modelo ao que están adheridos voluntariamente o 94% dos concellos de Galicia. A pesares de que o ano pasado acadou rexistros históricos, o compromiso do departamento é continuar mellorando estes resultados. Por iso, o próximo ano comezará a ampliación do complexo medioambiental, na que se investirán 31,5 millóns de euros, e que lle permitirá incrementar nun 81 por cento a súa capacidade. Mato recordou, ademais, que Sogama seguirá sendo a máis barata das tres plantas galegas e unha das máis baratas de España, tras volver conxelar en 2017 o seu canon por terceiro ano consecutivo

Ordenación do territorio

Desde 2009, un dos esforzos máis importantes da Consellería foi o de elaborar un "novo modelo e marco normativo para o urbanismo na comunidade". Logo da aprobación das primeiras Directrices de Ordenación do Territorio, do Plan de ordenación do litoral, e da Lei do solo e o seu regulamento, continúase avanzando co desenvolvemento do Atlas das Paisaxes, a Guía de cor e materiais e impulsando o próximo ano a nova Lei de ordenación do territorio. Este último texto normativo actualizará unha lei con máis de 20 anos de vixencia. Encargarase de regular a aprobación dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; os plans territoriais integrados; e os plans de ordenación do medio físico. A súa tramitación realizarase durante 2017.

Este compromiso co urbanismo responsable tamén se reflicte nos orzamentos de 2017, como por exemplo no incremento do 18% para as partidas destinadas ao Plan Hurbe e nos 250.000 euros destinados á elaboración do Plan básico autonómico.

A protección da paisaxe é outro reto fundamental, que constitúe o quinto eixo dos orzamentos de 2017. No seguinte exercicio, como se sinalaba anteriormente, desenvolverase o documento definitivo da Guía de cor e materiais e destinarase outra partida á elaboración do regulamento da Lei de protección da paisaxe. A todo isto, sumarase o inicio do deseño da Estratexia de infraestrutura verde de Galicia, que creará unha rede de espazos naturais e seminaturais planificados estratexicamente para ofrecer unha ampla gama de servizos ecosistémicos.

Conservación da natureza

O último dos eixos está relacionado directamente coa protección, conservación e posta en valor do patrimonio natural e os ecosistemas de Galicia. Esta aposta reflíctese no incremento nun 5,3% destinado á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que superará os 27,5 millóns de euros. Dentro desta área, reforzarase o investimento na Rede de parques naturais de Galicia –posta en marcha este ano- con 2 millóns de euros, un 33% máis.

Os retos marcados neste último eido pasan tamén por ampliar a Rede Natura 2000, un obxectivo no que se investirán 200.000 euros; e por desenvolver a Rede galega de reservas da Biosfera –creada tamén en 2016- a través do fortalecemento da súa visibilidade e a través, tamén, da súa ampliación, para o que se proporá a creación da sétima reserva da biosfera na Ribeira Sacra. Por suposto, continuarase traballando en liñas fundamentais como as axudas por danos producidas por lobo (un 6% máis, ata os 380.000 euros); a eliminación de especies exóticas invasoras (blindada con 300.000 euros); e o Plan de xestión do xabaril, que continuará executándose.

Nesta área de conservación da natureza, inscríbense os outros dous proxectos lexislativos previstos para o próximo ano: a nova Lei de patrimonio natural, cuxo anteproxecto estará listo nos primeiros cen días desta lexislatura; e a nova Lei de protección do benestar dos animais de compañía de Galicia, que se prevé levar a Parlamento no primeiro período de sesións do próximo ano.

En definitiva, rematou Mato "os orzamentos presentados hoxe están comprometidos ao máxico co medio ambiente, establecen prioridades e reforzan as actuacións imprescindibles para que Galicia siga sendo a terra verde e azul que coñecemos".


Temas relacionados