![](/documents/3515040/9243497/161130+fegamp+07c.jpg/f9b20aa7-c107-4df5-842c-e46def76c392?t=1480583883550)
Santiago, 30 de novembro de 2016.- A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á directiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) que nos Orzamentos para 2017 o Fondo de Cooperación Local (FCL) terá unha dotación presupostaria de 119,8 millóns de euros.
O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; mantiveron un encontro cunha representación da FEGAMP, encabezada polo seu presidente, Alfredo García.
Os representantes da Xunta explicaron que a partida orzamentaria para o Fondo de Cooperación Local nas contas de 2017 situarase en 119,8 millóns, e que se incrementará no 2017 respecto ao actual exercicio en 3,6 millóns. A eles hai que sumar outras liñas de axudas e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.
No encontro de hoxe tamén estiveron presentes por parte da entidade municipalista o vicepresidente primeiro, Alfonso Villares e o vicepresidente segundo, Evencio Ferrero. Por parte da Xunta participaron na reunión a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; e o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos.
Fondo especial para o fomento das fusións
Ademais, durante a reunión, o vicepresidente e o titular de Facenda tamén lles explicaron aos representantes da FEGAMP que nos Orzamentos do vindeiro ano se mantén o fondo especial para o fomento das fusións voluntarias entre os concellos galegos, dotado con máis de 2 millóns de euros.
Dito fondo, creado no exercicio de 2016, enmárcase na aposta da Xunta por beneficiar aos concellos que aposten por sumar esforzos e fusionarse, e vai na liña doutras medidas postas en marcha polo Goberno galego para fomentar a cooperación entre municipios.
![](/documents/10433/4370365/161130+fegamp+05c.jpg/a2d80cea-5f75-4620-970b-288ff0f64bc5?t=1480579261970)
![](/documents/10433/4370365/161130+fegamp+06c.jpg/b3f3c879-8192-4207-85da-e969ab6e3877?t=1480579280070)