Actualidade

[Nova2015]CONDE PRESENTA UNS ORZAMENTOS CENTRADOS EN "CONSOLIDAR O CRECEMENTO" CONSTRUÍNDO UNHA GALICIA "MÁIS COMPETITIVA, EXPORTADORA E SOSTIBLE"

CONDE PRESENTA UNS ORZAMENTOS CENTRADOS EN "CONSOLIDAR O CRECEMENTO" CONSTRUÍNDO UNHA GALICIA "MÁIS COMPETITIVA, EXPORTADORA E SOSTIBLE"

Santiago, 30 de outubro de 2014.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe no Parlamento que os orzamentos para o 2015 do departamento que dirixe están centrados en "consolidar o crecemento" co obxectivo de construír unha "Galicia máis competitiva, exportadora e sostible". "Trátase dunhas contas baseadas na responsabilidade, o rigor e a seriedade, e deseñadas baixo a referencia do mercado global do que formamos parte, pero cunha aposta concreta: estimular o tecido produtivo galego para crecer e crear emprego sostible", incidiu.

Por todo iso, explicou Conde, o traballo da Consellería no vindeiro exercicio centrarase en fortalecer a competitividade do sector industrial, potenciar o crecemento diferencial a través da innovación, incrementar as exportacións e captar investimentos, e impulsar medidas de eficiencia e sostenibilidade enerxética. "Eixos de actuación pensados para facer país. Para construír Galicia desde o consenso e a colaboración de todos os axentes e sectores económicos", explicou.

Neste contexto, e para gañar competitividade, Conde destacou que no ano 2015 se mobilizarán 150 millóns de euros na "renovación industrial de Galicia cara a creación da Industria 4.0". Deste xeito, sinalou, impulsarase a Axenda da Competitividade Industrial, que se configura como unha "folla de ruta" que facilitará o doing business en Galicia, contribuirá a xerar unha industria intelixente, estimulará a mellora competitiva das pemes galegas, e potenciará o capital humano e o talento da Comunidade.

Con estes propósitos, explicou, apostarase polo impulso dos sectores estratéxicos de Galicia, como a automoción ou o naval, que conta cunha axenda que inclúe a liña de avais para mellorar a competitividade da industria auxiliar, o financiamento dos proxectos dos estaleiros a través de PYMAR, ou o programa para o impulso da competitividade e a innovación; e apoiarase a diversificación e consolidación de novos sectores, como o aeronáutico, grazas á activación do Centro de Investigación de Avións non tripulados de Rozas cun investimento conxunto de 10 millóns, e á formación de profesionais do sector en colaboración con Asime.

Así mesmo, as contas incorporan 3 millóns de euros para coordinar un esquema loxístico integral; crear un mecanismo de vixilancia de regulacións que afectan ás empresas; e impulsar o uso de procesos e tecnoloxías facilitadoras. Unha partida que se suma a outro tipo de iniciativas como os 10 millóns reservados para axudas de novos proxectos de pemes, ou o financiamento por valor de 20 millóns para fixar tecido industrial.

Todas estas iniciativas, resaltou o conselleiro, consolidarán a "dinamización das nosas empresas e a creación de emprego", achegándose aos obxectivos fixados pola Axenda para o ano 2020: aumentar o peso da industria no PIB de Galicia ata o 20%, e lograr 50.000 empregos industriais neste período.

Mantemento do esforzo investidor en innovación e internacionalización

Neste contexto de "mellora da competitividade empresarial", proseguiu Conde, xunto ás diferentes medidas de impulso á Industria 4.0, a Consellería de Economía e Industria mantén o compromiso coa innovación e a internacionalización.

"O Goberno seguirá a centrar as súas iniciativas no eido da innovación como aspecto inherente á competitividade", informou o conselleiro, quen resaltou que as contas destinan 50 millóns para investimentos produtivos en innovación. "É dicir, mantemos o 30% que incrementamos este 2014 para continuar co impulso da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3", incidiu Conde. Deste xeito, desde a Axencia Galega de Innovación seguirase a impulsar o "investimento innovador de interese empresarial".

Neste sentido, explicou Conde, apostarase pola "retención e captación de talento innovador cunha nova liña que permitirá aos nosos mellores investigadores desenvolver a súa carreira en Galicia", ao tempo que se destinan 6 millóns a novas Unidades Mixtas de Investigación que se sumen ás 8 apoiadas en 2014 e que xa están a mobilizar 30 millóns.

Os orzamentos impulsan, ademais, á innovación nas pequenas e medianas empresas, o que non só permitirá poñer en marcha a terceira convocatoria do Conecta Pemes, senón que activará un novo programa de apoio ás pemes galegas que mobilizará 15 millóns de euros para a industrialización e comercialización de innovacións "feitas en Galicia".

No tocante á internacionalización do tecido empresarial, sinalou Conde, mantense tamén "o compromiso de 20 millóns anuais". Deste xeito, comezará a desenvolverse a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega poñendo "especial atención á diversificación de produtos e mercados".

"A maiores, potenciaremos a imaxe de Galicia como lugar de investimento, realizando un esforzo na captación de capital estranxeiro con finalidade produtiva", apuntou o conselleiro. Para isto, destínanse preto de 2 millóns á localización e atracción de investidores no exterior, ao tempo que se fortalecerá a marca Galicia Calidade á que se unirán novos sectores estratéxicos para promover o "modo galego de facer as cousas".

Emprendemento e sostenibilidade enerxética
"A Industria 4.0, a innovación e a internacionalización forman parte das necesidades da nosa economía para gañar competitividade. Pero xunto a este eixo seguiremos impulsando o apoio integral ao emprendemento", subliñou Conde. Por este motivo, destínanse 5 millóns para o fondo de capital risco Galicia Emprende, unha contía coa que se prevé dar apoio a 80 novos proxectos empresariais.

Ademais, os orzamentos contemplan unha nova convocatoria do programa Galicia Emprende, o reforzo da Unidade Galicia Emprende coa incorporación de varios axentes externos, ou o crecemento nun 30% da rede de mentores, formada na actualidade por 150.

Pola súa banda, desde o punto de vista da eficiencia, resaltou o conselleiro, as contas procuran "facer as nosas industrias e empresas máis competitivas". Por este motivo, duplícase o orzamento destinado a mellorar a eficiencia enerxética na industria ata chegar aos 4,3 millóns.

Un esforzo investidor que, segundo explicou, atinxe tamén ao eido doméstico coa posta en marcha dun Plan Renove de Vivendas pioneiro dotado con 3,7 millóns que permitirá dar un novo impulso á eficiencia enerxética e o aforro nos fogares galegos, ao tempo que "estimulamos a demanda interna en sectores básicos como a madeira, a construción metálica, a lousa, o granito e a tella".

Así mesmo, dentro da estratexia de impulso ás renovables, manterase o apoio ao sector eólico galego e á biomasa térmica, cunha nova orde de 9,3 millóns destinada á "creación dunha industria autóctona e innovadora coa que pretendemos mobilizar 450 millóns ata o 2020". Unha aposta á que se lle sumará un novo plan para impulsar a enerxía xeotérmica "co fin de fomentar a implantación comercial desta fonte".

Innovación comercial
E no tocante ao sector comercial, o titular de Economía e Industria avogou por seguir traballando na súa "consolidación e na innovación". Para isto, sinalou, as contas suman preto de 12,5 millóns "cunhas prioridades renovadas". Así, durante o 2015 lanzarase unha Rede de Mercados Excelentes á que se destinarán 20 millóns de euros ata o 2020.

Ademais, increméntanse nun 20%, ata os 2,9 millóns, os fondos para axudas directas aos comercios coa fin de fomentar o emprego dos diferentes canais de promoción e distribución, e achéganse preto de 3,5 millóns para os mercados e prazas de abastos como "motores do comercio de proximidade". Deste xeito, "avanzamos no desenvolvemento dun comercio urbano atractivo nas vilas e cidades galegas, sinalou Conde.

"En definitiva, hoxe presentamos unhas contas encamiñadas a consolidar a recuperación económica". "Galicia está preparada. E traballando xuntos por un sector industrial competitivo e innovador, por unha maior e mellor presenza das nosas empresas no exterior, e por unha Galicia sostible e eficiente, conseguiremos crecer e crear emprego", concluíu.


Temas relacionados