Actualidade

[Nova2014]A CONSELLEIRA DE FACENDA SINALA QUE GALICIA TERÁ EN 2014 UNHAS CONTAS ELABORADAS EN ESTABILIDADE E QUE PRIORIZAN GASTO SOCIAL E ESFORZO INVESTIDOR

A CONSELLEIRA DE FACENDA SINALA QUE GALICIA TERÁ EN 2014 UNHAS CONTAS ELABORADAS EN ESTABILIDADE E QUE PRIORIZAN GASTO SOCIAL E ESFORZO INVESTIDOR
Santiago, 17 de decembro de 2013.- A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, destacou hoxe que Galicia disporá dunhas contas para o vindeiro exercicio elaboradas en estabilidade e nas que se prioriza o gasto social, e que permitirán o maior esforzo investidor do conxunto das comunidades autónomas. As de 2014 serán as contas menos restritivas dende que se iniciou a crise, cun gasto non financeiro de 8.391 millóns de euros que se sitúa en termos similares ao ano 2006.
 
Na súa intervención no Pleno de peche dos Orzamentos, Muñoz Fonteriz incidiu en que estes presupostos presentan "un feito diferencial", xa que se tramitan nun contexto económico mellor que os últimos anos. De feito, Galicia recuperará o crecemento económico en 2014 posto que as previsións da Xunta para o vindeiro exercicio establecen un incremento do PIB galego do 0,8% -máis que a media do Estado- e un descenso da taxa do paro de medio punto.
 
En todo caso, a conselleira subliñou que grazas ao esforzo dos galegos, Galicia conseguiu estar nunha mellor situación no período de contracción da economía, e agora "é necesario o crecemento económico e a creación de emprego".
 
Sobre isto, lembrou que Galicia saíu antes que España da recesión e segue converxendo co Estado, xa que en 2012 a evolución do PIB foi sete décimas mellor que a media estatal. Ademais, destacou que Galicia ten menos desemprego, menos endebedamento e menos déficit público que a media das comunidades autónomas.
 
Para iniciar a recuperación, as prioridades do Goberno galego para o vindeiro ano son blindar os servizos públicos e seguir mantendo o Estado do Benestar; achegar máis xustiza e progresividade nas medidas fiscais; implantar medidas de incentivación e reactivación económica; e seguir garantindo a solvencia e a autonomía financeira de Galicia.
 
Precisamente, a confianza dos mercados tamén se plasma na mellora do rating anunciada nos últimos días polas axencias de cualificación Standard&Poor's e Moody's. As dúas axencias confirmaron que a perspectiva da débeda de Galicia pasa de ‘Negativa' a ‘Estable', o que supón a primeira mellora do rating dende que se iniciou a crise.

Temas relacionados