Actualidade

[Nova2014]A APOSTA DA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN POLA POLÍTICA SOCIAL PERMITE QUE O 83,1% DOS USUARIOS TEÑAN O COMEDOR GRATIS OU PAGANDO TAN SÓ 1 EURO NUN ESCENARIO DE CRISE ECONÓMICA

A APOSTA DA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN POLA POLÍTICA SOCIAL PERMITE QUE O 83,1% DOS USUARIOS TEÑAN O COMEDOR GRATIS OU PAGANDO TAN SÓ 1 EURO NUN ESCENARIO DE CRISE ECONÓMICA

Santiago, 4 de novembro de 2013.- A aposta pola política social da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nos orzamentos de 2014 permitirán que o 83,1% dos usuarios teñan o comedor escolar gratis ou pagando tan só 1 euro, grazas a unhas contas que consignan no 2014 un 3,3% na partida destinada a este servizo complementario, ao abeiro das que este curso 2013/14 hai xa 9.000 prazas máis para comensais das que había no último curso do Bipartito. Así o explicou esta mañá o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, durante a súa comparecencia no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos do seu departamento para o ano 2014, onde fixo fincapé ademais en que se trata do quinto ano consecutivo no que medra a contía destinada a sufragar os comedores escolares "no medio da crise económica máis feroz".
Segundo explicou Xesús Vázquez, o 77,6% dos usuarios de comedor non pagan nada, porcentaxe que se eleva ao 80,9% na provincia de Ourense, ao 78,8% na de Lugo, ao 78,1% na de Pontevedra, e que é do 74,8% na da Coruña. A nivel Galicia, o 5,5% dos comensais só pagan 1 euro por menú, mentres que un 3,3% pagan 2,5 euros e un 11,7% pagan 4,5 euros. "E todo isto -salientou- asumindo este ano 910 prazas de comedores antes xestionadas polas ANPAS", grazas ao novo sistema, "máis xusto, onde quen máis ten paga máis".
Deste xeito o conselleiro garantiu a prestación dos servizos complementarios, conseguindo ademais un gasto máis eficiente no caso do transporte escolar "para que máis de 90.000 escolares cheguen ao centro cada día".


Docentes, funcionamento dos centros e libros
Tal e como xa anunciara, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia confirmou que non haberá diminución de efectivos en persoal docente, e explicou que a baixada das contías do capítulo I responde á utilización de ferramentas de xestión como foi o incremento do horario lectivo dos mestres de 21 a 25 horas, unha decisión que acaba de ser avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Así mesmo Vázquez Abad explicou que as partidas destinadas a gastos de funcionamento dos centros educativos públicos se manterán no 2014 nos mesmos termos, mentres que diminúe en 1,2 millóns de euros a partida destinada aos concertos educativos, dando cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "en termos iguais ao realizado por outros gobernos autonómicos, que tamén optaron por desconcertar as primeiras unidades de entrada do ensino infantil de xeito progresivo".
Tamén os recursos para o programa de bibliotecas escolares se manteñen en 2014 iguais aos de este ano, "cumprindo o Plan para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe (LÍA), que tantos bos resultados está dando", indicou.
No que atinxe aos libros de texto, o conselleiro explicou que se vai modernizar o programa de compra de libros de texto, sendo a principal novidade a creación dun novo proxecto de gasto cunha dotación de 1,5 millóns de euros para a adquisición de libros electrónicos en centros Abalar. "Estamos a traballar para actualizar o enfoque desta medida, co obxecto de adaptar a orde de axudas para a adquisición de libros de texto, xa que seguimos convencidos da necesidade de concentrar o apoio ás familias mais desfavorecidas".


Blindar o Plan de Financiamento do Sistema Universitario
No referido ao Sistema universitario de Galicia Xesús Vázquez salientou que "mentres que no ano 2005 era un 3,2% o que se investía en universidades sobre o orzamento total da Xunta, no ano próximo será un 4,48%", cumprindo así o Plan de financiamento 2011-2015. Así, os orzamentos de 2014 blindan unha vez mais coa mesma contía que no 2013 as achegas ás universidades do financiamento estrutural, as subvencións por resultados docentes, as de resultado de investigación e as do financiamento da mellora da calidade do sistema universitario, "sen sufrir nin un euro de axuste". Ademais mantense o apoio aos investimentos derivados dos campus Vida, do Mar, da Auga e o novo Campus Terra conxelando unhas transferencias que xa se tiñan incrementado un 5,5 por cento nos orzamentos do ano corrente.
Ademais o conselleiro reiterou o compromiso do seu departamento cos estudantes universitarios, "ao manter as taxas máis baixas do Estado español, complementando cunha decidida aposta por un sistema de bolsas que non mingua nin un só euro as súas consignacións e que permitirá continuar a convocatoria de bolsas, incluíndo aquelas que permiten alixeirar os requisitos existentes na lexislación estatal".
Así mesmo resaltou o incremento nun 247% do investimento existente na partida da Secretaría Xeral de Universidade, en case 3,5 millóns, para o financiamento de centros de investigación, en particular dun novo centro de investigación en biomedicina e veterinaria da Fundación Rof Codina no campus universitario de Lugo.


Obras
Respecto das contías destinadas a investimentos en obras en centros de ensino, o conselleiro cifrou o descenso nun 18%, pese ao que non renunciou a "seguir abrindo novos centros alí onde a demanda o esixe - como foi este ano o caso do IES Milladoiro-, como tampouco renunciamos a ampliar aqueles nos que a escolarización o precisa".
Neste sentido indicou que a Consellería está a facer a máis rigorosa xestión dos fondos, con porcentaxes de contratación e de liquidación máis axustados á realidade da programación e da execución de cada actuación.
Entre as actuacións previstas sinalou a construción dun novo CEIP en Oleiros, a continuación das obras do CEIP de Sigüeiro, as ampliacións en Bergantiños, o inicio da construción da EEI de Betanzos, o CEIP Emilia Pardo Bazán, a continuación do CEIP Padre Feijoo en Allariz, e a ampliación do centro de "Sada e seus Contornos", "cuxo proxecto xa está rematado e a punto de licitarse". Ademais hai presuposto para reformas como a segunda fase da do CEIP Froebel, a do CEIP de Cedeira a ampliación do CEIP de Outeiro de Rei ou "se os terreos prometidos e a modificación urbanística chegan a tempo, o proxecto do CEIP Sagrado Corazón en Lugo". Así mesmo as contas da Consellería contemplan dotacións para o IES de Culleredo, o novo IES de Carral, o inicio do proxecto do IES de Soutomaior, ou a contratación das obras de reforma do CIFP das Mercedes en Lugo, entre outras.


Maior peso no total dos Orzamentos
Segundo expuxo Vázquez Abad, o orzamento asignado ao departamento de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ascende a preto de 2.148 millóns de euros "o que representa unha diminución con respecto aos do ano 2013 dun 0,9 por cento, inferior polo tanto ao 1,1 por cento de baixada que afecta á media dos orzamentos da Xunta".
Tendo en conta que o escenario económico é semellante ao do 2005, sinalou que, mentres que nese ano o peso porcentual da Consellería sobre o orzamento non financieiro da Xunta era do 21,42%, no 2014 será no 25,6%. "Se o gasto en ensino non universitario no ano 2005 representaba o 18,42 por cento, no ano 2014 será do 20,40 sobre a capacidade de gasto total da Xunta".
En comparación coas contas do 2009, as últimas do Bipartito e as máis elevadas, indicou que nese ano o peso conxunto do departamento de Cultura e Educación era do 20,91%, mentres que o vindeiro ano pasará a ser do 25,60%. "O gasto en ensino non universitario era do 17,64% sobre a capacidade de gasto e agora será do 20,40%", engadiu.


Liñas prioritarias na área de cultura
No que atinxe ás liñas prioritarias de actuación na área de cultura, Vázquez Abad salientou o compromiso do seu departamento coa conservación do rico patrimonio galego e polo impulso das bibliotecas e do sector do libro e das publicacións.
Así mesmo, resaltou o incremento do 17,1% das transferencias de capital que a Secretaría Xeral de Cultura realiza á Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), grazas ao que se poderán manter os circuítos culturais, apoiar ás industrias culturais e favorecer a innovación e o emprendemento no eido cultural.
Neste sentido anunciou unha contía importante en subvencións a sectores productivos, á programación cultural e a produción propia no Centro Dramático Galego e no Centro Coreográfico Galego. Neste sentido cómpre lembrar que, a través da Agadic, a Consellería ten feito un notable esforzo orzamentario para garantir a convocatoria no ano 2013 de diversas axudas ao sector cultural galego, mantendo a mesma contía do 2012 para as axudas a festivais escénicos e musicais profesionais, recuperando liñas de subvención - como as axudas ao desenvolvemento ou ao talento audiovisual-, e creando outras novas, como foi o caso da destinadas a festivais de carácter afeccionado.
Para continuar con este labor as partidas para o fomento das actividades culturais incrementaranse en 2014 nun 9,5%, reforzando os recursos de Agadic destinados ao sector. "Deste xeito, favorecemos a visibilidade da nosa produción creativa e seguimos impulsando a competitividade das nosas industrias culturais, a súa profesionalización e a creación de emprego no sector", salientou o conselleiro.
Ademais, e xa fóra da Agadic, Xesús Vázquez destacou o incremento do 159% da partida destinada as achegas para construción e equipamentos nos concellos "pasando de pouco mais de medio millón a un 1,5 millóns", así como o mantemento das achegas ao Consorcio da Cidade de Santiago e mais á Real Academia Galega.
Neste sentido o conselleiro resaltou que o seu departamento continuará a impulsar unha política positiva "que contribúa a que o uso do galego chegue a interiorizarse na sociedade pola súa utilidade en todos os ámbitos", unha liña de actuación da que é parte o apoio á RAG.


Conservación do patrimonio 
En canto ás actuacións previstas en patrimonio cultural, os orzamentos de 2014 conteñen partidas destinadas á realización de máis de sesenta actuacións, entre obras de restauración, mantemento e mellora. Entre elas figura o mantemento da muralla de Lugo e actuacións de recuperación en algún dos seus cubos, a restauración da Capela de San Xoán na catedral de Ourense e da portada norte do seu cruceiro, a restauración final do teatro Coliseo Noela en Noia, a do retablo pétreo e predela de San Miguel de Osmo (Cenlle), a restauración da 2ª fase de restauración de pinturas murais na Igrexa de Nogueira de Miño, obras de restauración na Colexiata de Xunqueira de Ambía, obras urxentes no conxunto catedralicio de Tui, restauración das pinturas de San Salvador de Vilar de Donas en Palas; actuacións no castelo de Santa Cruz da Guarda, restauración de pinturas murais e calvario na Igrexa de San Antoniño de Toques e de pinturas murais en Santa Olaia de Bóveda, entre outras.
Ademais, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural increméntanse nun 29% as consignacións destinadas a difusión do patrimonio dos museos dependentes da Consellería, ademais de manterse as axudas a entidades sen fin de lucro para a protección e conservación do seu patrimonio. Nalgúns casos con pequenos axustes haberá consignacións destinadas a axudas para a protección do patrimonio dos concellos, incluíndo novas partidas para axudas mediante convenios singulares coa administración local; e partidas destinadas á promoción protección e catalogación do patrimonio cultural "con contías que superan o medio millón de euros e consignacións de case 400.000 euros para a adquisicións de bens culturais".


Servizos culturais de calidade e promoción do libro
O conselleiro quixo tamén subliñar os máis de 9,6 millóns de euros destinados ás transferencias correntes na área de cultura, entre os que destacou o mantemento do crédito dedicado ás bolsas, tanto en materia de bibliotecas, de arquivos e de patrimonio moble, cun orzamento total próximo aos 400.000 euros.
Ademais lembrou a aposta da Xunta de Galicia por favorecer o acceso do conxunto da cidadanía aos libros, tanto a través do fortalecemento Rede de Bibliotecas de Galicia, como de iniciativas destinadas a consolidar a industrial editorial e libreira galega. Neste sentido explicou que se consignan 600.000 euros para a actualización e renovación das coleccións das nosas bibliotecas, co fin de aumentar o número de documentos por habitante; e que se manterá o orzamento do 2013 para continuar co desenvolvemento do programa de dinamización lectora e cultural "Ler conta moito".
Neste mesmo eido, e en prol do libro e o sector editorial, o conselleiro anunciou a próxima elaboración - de acordo cos axentes implicados- dun Plan Director do Libro, como complemento do apoio á edición galega - a través dunha achega de máis de 400.000 euros- e do mantemento do apoio ás feiras do libro, tanto en Galicia como no estranxeiro


Temas relacionados