Actualidade

[Nova2013]O GASTO DE PERSOAL DA PRESIDENCIA DA XUNTA REDÚCESE NUN 6,5% CON RESPECTO AOS ORZAMENTOS DO ANO PASADO

O GASTO DE PERSOAL DA PRESIDENCIA DA XUNTA REDÚCESE NUN 6,5% CON RESPECTO AOS ORZAMENTOS DO ANO PASADO

Santiago, 09 de xaneiro de 2013.- O secretario xeral da Presidencia da Xunta, Valeriano Martínez García, avanzou que a Presidencia da Xunta contará cun orzamento total de 265,4 millóns de euros (incluídos todos os capítulos de gastos) para este ano 2013, o que supón unha redución do 7,6% (21,7 millóns de euros menos) con respecto ás contas de 2012. Na súa intervención ante a Comisión de Economía do Parlamento de Galicia, Valeriano Martínez destacou especialmente que o gasto de persoal da Presidencia da Xunta redúcese nun 6,5% con respecto aos orzamentos do ano pasado. Así mesmo especificou que, no que respecta aos gastos de funcionamento, o presidente Feijóo "é un 70% máis barato que o presidente Touriño". 

Valeriano Martínez explicou que a Presidencia da Xunta "non é allea" ao contexto económico actual e, polo tanto, as contas dos órganos superiores e de dirección que integran a dita Presidencia son "realistas e coherentes" coas prioridades de gasto marcadas con carácter xeral nun contexto de restricións de recursos orzamentarios. Deste xeito, as contías establecidas enmárcanse nun contexto de austeridade e de cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria.

Segundo dixo, os orzamentos da Presidencia da Xunta para o ano en curso deben, dunha banda, priorizar o investimento produtivo para que Galicia "continúe liderando o esforzo investidor das comunidades autónomas"; e, en segundo lugar, minorar o gasto corrente. 

Valeriano Martínez explicou que, debido á creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Axencia de Turismo de Galicia, acométese unha importante recomposición do gasto por capítulos nos orzamentos da Presidencia da Xunta. Así, en total, destínanse un total de 69 millóns de euros a gasto corrente e case 196,2 millóns a gastos de capital e financeiro. 

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia contará cun orzamento total de 94,6 millóns de euros para actuacións orientadas "á xeración dunha economía do coñecemento que sirva de base para o progreso económico e social", así como á modernización da administración pública. O 79% do orzamento da Axencia (un total de 75 millóns de euros) destínanse a investimento en iniciativas de innovación tecnolóxica e de inclusión dixital da sociedade. Entre as principais iniciativas destacan a presenza das administracións públicas na rede (avanzar na acreditación dixital, rexistro único, sede electrónica,...); a modernización da administración de xustiza (á que se destinan 3,6 millóns de euros, un 59% máis que en 2012); e a culminación do Plan de Banda Larga (dotado con 22,8 millóns de euros, un 21% máis que o ano pasado).

Así mesmo continuarase co plan de modernización da administración pública, o mantemento da rede CeMIT, a aposta polo software libre, fomento do emprego das TICs nas empresas e a continuidade do proxecto Abalar, entre outros. 

Axencia de Turismo de Galicia
A Axencia de Turismo de Galicia disporá de 35,8 millóns de euros para 2013.

Os orzamentos desta entidade incorporan mais de 19 millóns de euros para a investimentos. Así, por unha banda, o seu Capítulo VI disporá dun importe de 4.577.520 €, para actuaciósn prioritarias centradas, entre outras, no embelecemento de Santa María das Ermidas no Bolo; na adecuación do entorno do BIC de San Andrés de Teixido; no plan de sinalización de Bens de Interese Cultural de Galicia; no espazo de vinoterapia de Leiro e en actuacións en Sargadelos. Por outra banda, o Capítulo VII disporá de 14.449.905 €, dos que 1.789.504 € se corresponden co financiamento das operacións de capital da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; 8.569.344 € para ese mesmo financiamento da Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A e 190.796 € ao Consorcio Instituto de Estudos Turísticos.

O resto do orzamento destínase a reforzar a colaboración con entidades públicas e privadas para accións de formación, servizos turísticos ou organización de actividades, congresos e xornadas relacionadas co turismo. Así mesmo mantéñense as liñas de promoción en consonancia cos proxectos europeos POCTEP-Eurorexión termal e da auga, Loci Icacobi2 (Camiño de Santiago como primeiro itinerario Cultural Europeo) e Eurorexión 2020 (de mellora da competitividade de sectores estratéxicos na eurorexión Galicia-Norte de Portugal).

Doutra banda, hai establecidas dotacións específicas para as universidades galegas co fin de realizar mestrados universitarios en estudos turísticos, mantense o programa municipal para a mellora de recursos turísticos e inclúense unha partida de fondos dos Plans de Zonas Rurais

Secretaría Xeral de Medios
A Secretaría Xeral de Medios xestionará un total de 103.261.070 € para este ano que se repartirán en financiar as actividades do Centro Galego de Artes da Imaxe, a cobertura informativa e apoio á comunicación social e Radiodifusión e TVG.

Como novidade este ano inclúese unha nova liña de axudas a familias para a adquisición de equipamentos de TDT satélite naquelas zonas sen cobertura terrestre en zonas rurais desfavorecidas dos concellos da montaña de Lugo, Lugo central, vales ourensáns e Terras do Sil.


Temas relacionados