Actualidade

[Nova2013]CONDE ANUNCIA A MOBILIZACIÓN DE 60 MILLÓNS EN AVAIS PARA A REACTIVACIÓN DO SECTOR NAVAL GALEGO

CONDE ANUNCIA A MOBILIZACIÓN DE 60 MILLÓNS EN AVAIS PARA A REACTIVACIÓN DO SECTOR NAVAL GALEGO

Santiago, 11 de xaneiro de 2013.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou hoxe, na súa comparecencia parlamentaria, que os orzamentos do seu departamento para o ano 2013 inclúen a mobilización de 60 millóns de euros en avais para os estaleiros galegos, así como unha partida adicional de 8 millóns de euros para operacións financeiras e outros investimentos. Deste xeito, e segundo subliñou Conde, "darase un impulso fundamental ao sector", aspirando a que neste exercicio o naval retome a senda do crecemento.

A esta inversión, lembrou Conde, cabe sumarlle "a concreción de importantes vínculos comerciais que xa se saldaron cun acordo estratéxico con PEMEX", que ten permitido a contratación de dous floteis a un estaleiro da ría de Vigo e a outro da ría de Ferrol. Ademais, proseguiu, "confiamos en ter a posibilidade de concretar novas contratacións coa petroleira mexicana, así como de alcanzar acordos similares con outras grandes compañías, concretamente en Brasil".

Sinalou o conselleiro de Economía e Industria que con estes orzamentos "daremos un xiro á nosa economía, orientando a Galicia na dirección do crecemento", e remarcou a importancia de xerar confianza para atraer investimentos. 

Tal e como salientou Conde, trátanse duns orzamentos baseados no "realismo, o rigor e a prudencia" e destacou que preto do 20% de todo o orzamento da Consellería de Economía e Industria está destinado a implementar medidas que apoien o reequilibrio territorial de Galicia, instrumentadas a través dos plans Impulsa. 

O conselleiro apuntou que "durante os próximos anos debemos concentrar os nosos esforzos para alcanzar en 2015 o tan ansiado crecemento económico e a creación de postos de traballo". "Para iso", subliñou, "o Fondo de Crecemento que ten deseñado o Goberno dispoñerá de 386 millóns, dos que preto do 20% serán xestionados pola Consellería de Economía e Industria".

Conde sinalou como liñas estratéxicas o apoio ao emprendemento, a internacionalización e a innovación, buscando un equilibrio entre as medidas máis urxentes, de curto prazo, e a planificación a medio e a longo prazo nuns presupostos "nos que se priorizan as actuacións con maior efecto multiplicador, incrementando a inversión produtiva de fondos propios nun 11% e recortando o gasto non produtivo nun 13%". 

O apoio aos principais sectores produtivos da economía galega vese reforzado nestes orzamentos, e para ilo, o Goberno galego potencia os instrumentos de financiamento dotando dun maior peso aos préstamos e avais. "Establecemos préstamos directos por importe de 50 millóns de euros, que permitirán mobilizar uns investimentos de 125 millóns; e creamos un novo programa de avais que mobilizará 100 millóns de euros no conxunto dos sectores produtivos", explicou Conde.

A internacionalización é un dos piares fundamentais da política económica da Xunta, e, tal e como sinalou Conde, "avanzar na proxección exterior das empresas galegas segue a ser un dos nosos obxectivos estratéxicos, e en consecuencia increméntanse os orzamentos nun 10% no presuposto de internacionalización ata superar os 20 millóns de euros neste ámbito".

Paquete integral para potenciar o emprendemento
Do mesmo xeito, os orzamentos da Consellería inclúen un paquete integral de 10 millóns de euros para potenciar o emprendemento tanto desde o punto de vista do financiamento dos proxectos como da prestación dos servizos necesarios para desenvolvelos. Dentro desta estratexia terá un papel fundamental a nova Lei de emprendedores –que iniciará a súa tramitación no Parlamento en canto se reinicie o próximo período de sesións- e as medidas fiscais que xa se aplicarán en canto os orzamentos da Xunta sexan aprobados.

Conde destacou o impulso que se pretende dar á innovación, canalizado a través da Axencia Galega da Innovación. "O orzamento da Axencia para o ano 2013 supera os 51 millóns de euros", apuntou o conselleiro, dotación á que cabe sumar os 20 millóns dos fondos E2I recentemente aprobados, e que dan como resultado "un orzamento real de máis de 71 millóns". Cifras que desde unha perspectiva global complementan o esforzo investidor dos distintos departamentos da Xunta nesta materia, que incrementan os seus presupostos en case un 10% ata chegar aos 183 millóns de euros. 

Aposta polo aforro e eficiencia enerxética
No tocante á enerxía, destinaranse preto de 16 millóns de euros á posta en marcha de medidas de aforro e eficiencia enerxética, apoiando ás familias e aos concellos, e por primeira vez de xeito específico á industria, co obxectivo de mellorar a súa competitividade. 

Ademais, os presupostos contemplan partidas  por 10,7 millóns de euros para continuar coa modernización das infraestruturas enerxéticas, unha aposta que ten permitido que Galicia mellore a media estatal na calidade do subministro eléctrico. Estes fondos complementaranse con incorporacións de Fondos Feder por importe de 7,3 millóns de euros.


Temas relacionados