Actualidade

[Nova2013]BENESTAR TRAMITARÁ ESTE ANO A EXECUCIÓN DE 2.100 NOVAS PRAZAS DE ESCOLAS INFANTÍS 0-3 ANOS

BENESTAR TRAMITARÁ ESTE ANO A EXECUCIÓN DE 2.100 NOVAS PRAZAS DE ESCOLAS INFANTÍS 0-3 ANOS

Santiago, 15 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar terá rematadas a finais deste ano máis de 700 novas prazas en escolas infantís. Esta cifra forma parte das 2.100 prazas de 0-3 anos que estarán en en execución ao longo deste exercicio. Isto é, en 2013 iniciarase a tramitación ou ben continuarase co procedemento xa iniciado de execución dun total de 2.100 prazas.

Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa comparecencia no Parlamento galego para dar conta dos orzamentos para o ano 2013 do departamento. Sobre este asunto, incidiu en que estas 2.100 prazas de 0-3 anos "están asinadas en convenios con orzamentos. Isto é dar cumprida conta dos nosos compromisos".

Este impulso ás prazas de educación infantil, sinalou Mato, enmárcanse no Plan de Dinamización Demográfica elaborado por este Goberno e ten como obxectivo sentar as bases para inverter a tendencia demográfica na nosa comunidade autónoma. Un problema, explicou a titular de Benestar, cun alcance e unhas repercusións maiores dos que a sociedade percibe. Por iso, este mesmo ano, porase en marcha unha campaña de concienciación co fin de que todos e todas adquiramos coñecemento da dimensión da importancia da nosa pirámide poboacional.    

Outra das principais apostas das contas do departamento para o ano 2013 é a inclusión. "Traballamos por e para as persoas", afirmou, ao tempo que subliñou que a prioridade son as persoas máis vulnerables e todos aqueles que se atopan en situación de desemprego.

De aí que en 2013 se incremente a partida da RISGA nun 38 por cento ata alcanzar os 32,7 millóns de euros, un aumento de 9 millóns de euros. Ademais, esta partida volverá figurar como ampliable para que "ningunha persoa que cumpra os requisitos quede desatendida".

Tamén se incrementa o presuposto para as Axudas de Emerxencia Social, que crece ata os 4,5 millóns, o que supón 50 por cento máis que en 2012.

Nesta materia, Mato indicou que "Galicia volve a situarse á cabeza das comunidades autónomas en termos de protección social co mantemento do complemento das pensións non contributivas". Ademais de Galicia, só outras catro comunidades autónomas teñen complemento ás PNC. A isto hai que sumarlle que esta comunidade autónoma achega case o dobre da media que o resto das comunidades que teñen este complemento.

En total, a Consellería de Traballo e Benestar destinará un total de 51,5 millóns de euros á inclusión social, un 26 por cento máis que o ano anterior. Mato adiantou que durante este período de sesións levarase a Lei de inclusión social de Galicia ao Parlamento para a súa aprobación.

No eido da dependencia, a titular do departamento autonómico lembrou que entre decembro do 2011 e do 2012 foi a segunda comunidade autónoma que rexistrou un maior número de altas no sistema de dependencia. A aposta de cara a 2013 será continuar apostando polos servizos profesionais. De aí que a partida do servizo de axuda no fogar para persoas con dependencia se incremente nun 24 por cento, ata os 38 millóns de euros.

Por último na área social, subliñou que se blinda a partida destinada á discapacidade, xa que se mantén a contía a investir nos convenios de mantemento das distintas entidades, que será a mesma que en 2012: 3 millóns de euros. Ademais, contémplanse 7,8 millóns de euros para os centros especiais de emprego, de xeito que está garantido o pago do 50 por cento da nómina de todos os traballadores. Esta partida figura tamén como crédito ampliable polo que "a colaboración está totalmente garantida".

Impulso ao emprendemento
Na área de traballo, Mato destacou que outro "eixo esencial" é a mellora da empregabilidade dos traballadores a través das políticas activas de emprego (PAES), unha partida, indicou, marcada e transferida na súa integridade polo Estado, que ven determinada polo axuste que fixo o pasado ano o Goberno central. 

Por partidas, a conselleira explicou que o fomento do emprendemento e a economía social serán obxectivos prioritarios na distribución de fondos deste departamento por ter demostrado ser as fórmulas que "maior resistencia" están a demostrar ante a crise.

En 2013, a partida para emprendedores e autónomos contará con 25 millóns de euros, un 1 por cento máis que no orzamento de 2012. Sobre esta partida, a conselleira precisou que "non só se mantén o apoio ao 1º traballador, senón que ao longo da lexislatura, como novidade, tamén apoiaremos a contratación do 2º e 3º traballador".

"E realizamos un esforzo moi importante para ao mantemento dos programas dedicados a xerar novos empregos no ámbito cooperativo", destacou.

Neste ano investiranse, ademais, 2,1 millóns de euros no novo programa Empreganav. Trátase dun plan específico destinado aos traballadores do sector naval, e que prevé recolocar a 450 desempregados noutros postos de traballo.

Por outra banda, sinalou que continuará a aposta pola formación de calidade e homologada, que permita obter certificados de profesionalidade de validez estatal. "Mantemos o conxunto das partidas destinadas á formación para persoas desempregadas nos mesmos termos que no ano 2012", remarcou.

Con respecto aos incentivos á contratación na empresa ordinaria, esta partida aumentará nun 8 por cento ata os 8 millóns de euros. En concreto, estes incentivos están dirixidos principalmente a mozos e mozas, maiores de 45 anos e desempregados de longa duración. Con este investimento, poderase apoiar a 1.800 traballadores para que consigan un contrato indefinido inicial ou ben a transformar os temporais en indefinidos.

En 2012 tamén se creará a Rede galega de orientadores laborais, que contará cun total de 452 profesionais en total.

Xa no que se refire á área de Xuventude, Mato anunciou un xiro nos programas destinados á mocidade de xeito que "todas as liñas de actuación estean enfocadas ao emprego". Así priorizaranse os programas orientados á educación non formal, vinculados ao emprendemento e á empregabilidade.


Temas relacionados