Actualidade

[Nova2013]A XUNTA DESTINARÁ 30 MILLÓNS DE EUROS AO PLAN DE VALORIZACIÓN DO MONTE GALEGO

A XUNTA DESTINARÁ 30 MILLÓNS DE EUROS AO PLAN DE VALORIZACIÓN DO MONTE GALEGO

Santiago, 16 de xaneiro de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar porá en marcha este ano un Plan de valorización do monte galego que suporá un investimento de máis de 30 millóns de euros e que terá como eixos fundamentais manter en bo estado produtivo o noso monte, aumentar o valor primario e engadido dos produtos forestais e aproveitar áreas para a produción doutros bens alternativos ou complementarios. Así o anunciou esta tarde a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, durante a súa comparecencia no Parlamento galego para dar conta dos orzamentos para o ano 2013 do seu departamento.

A titular de Medio Rural e Mar sinalou que con esta iniciativa procúrase estimular e fixar emprego no rural e estimou –neste sentido– en máis de 38.500 os xornais de traballo que se xerarán de forma directa grazas á posta en marcha deste plan. As actuacións a realizar localizaránse en máis de 150 zonas e nunhas 4.600 hectáreas de monte.

Rosa Quintana indicou na súa comparecencia que este plan de valorización enmárcase na acción xeral da Xunta a prol dos sectores primarios de Galicia. Neste sentido, destacou que –malia as dificultades– a nosa Comunidade está a resistir mellor o embate económico, desde o rigor das contas públicas, e que en particular a agricultura, gandería, produción forestal e pesca están a ser de novo un puntal económico e social, gañando e afianzando un terreo natural na nosa terra para os eidos marítimo-pesqueiros e agropecuarios e forestais.

Afondando neste argumento, a conselleira destacou que "sen sacar peito, vemos que hai cifras nestes sectores que marcan unha tendencia de resistencia", e que se poñen de manifesto en indicadores como a moderada suba dos prezos do leite, o repunte das vendas de gando, o incremento do prezo da madeira nalgunhas especies significativas ou a sostitilidade dos prezos medios dos peixes e mariscos no cómputo anual.

Importancia social
Nesta liña, e atendendo á importancia social, económica e ambiental dos sectores primarios, a conselleira fixou como obxectivos prioritarios do departamento que dirixe, o de aproveitar as potencialidades da pesca destinando especificamente 24,5 millóns de euros a axudas e investimentos en comercialización dos produtos do mar. Tamén lembrou o destacado papel do sector marisqueiro, cara o que dirixirá máis de 3,1 millóns de euros para recuperar zonas improdutivas nas que se poida desenvolver unha actividade laboral.

No tinxinte ao sector gandeiro, Quintana afirmou que continuará no camiño de desenvolver un traballo conxunto co sector en prol de seguir incrementando o valor do leite para garantir a súa viabilidade. Para este fin achegaranse máis de 52 millóns de euros en pagos directos e máis de 800.000 euros para mellorar a liquidez das explotacións.

Rosa Quintana reafirmou na súa comparecencia o compromiso de apoio da Xunta cos eidos produtivos primarios, co fin de gañar competitividade nos mercados e na produción, contribuír á creación de emprego, evitar –na medida do posible– o abandono do medio rural e afianzar a consideración do mar como fonte de ilusión.

Sector estratéxico
Cara o futuro, Rosa Quintana insistiu en que a premisa fundamental da acción polítíca do seu departamento –que se plasma nos orzamentos de 2013– é a consideración do sector primario como estratéxico e que o reforzo deste eido virá dado, en boa medida, pola súa reestruturación en termos positivos.

Isto farase –no eido rural– atendendo á mellora da comercialización e valorización dos nosos produtos, a diversificación das producións e a procura do equilibrio das estruturas de custes e –no eido marítimo-pesqueiro– contribuíndo a gañar terreo nos mercados, favorecendo a adecuación das cotas e capacidades de pesca, transformando o marisqueo nunha actividade acuícola e revitalizando esta actividade ao finalizar tarefas básicas de planificación.

Outro dos grandes obxectivos será afondar na necesaria adaptación ás reformas das políticas comunitarias de agricultura e pesca, que afectan de maneira directa ás estruturas produtivas primarias galegas.

Contas de 2013
No que atinxe en concreto aos orzamentos da Consellería para 2013, Rosa Quintana indicou que ascenden a 627 millóns de euros, cun axuste porcentual do 1,3% respecto á pasada anualidade e salientou que este axuste é o segundo menor da Xunta.

A titular de Medio Rural e Mar sinalou que estas contas destinan menos á administración e máis ao sector, destacando que o 74% dos fondos van destinados aos eidos produtivos, reducíndose, ao tempo, as contías para gasto corrente e de persoal nun 5%. Amosou tamén o compromiso de blindaxe de dous aspectos básicos, como son o operativo contra incendios forestais e o servizo de Gardacostas, que permanecerán en niveis orzamentarios semellantes aos anos pasados.


Temas relacionados