Actualidade

[Nova2013]A CONSELLEIRA DE SANIDADE OFRECE UN PACTO POLA SANIDADE A TODOS OS AXENTES IMPLICADOS

A CONSELLEIRA DE SANIDADE OFRECE UN PACTO POLA SANIDADE A TODOS OS AXENTES IMPLICADOS

Santiago, 14 de xaneiro de 2013.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, ofreceu hoxe no Parlamento un pacto pola sanidade a todos os axentes implicados. Neste eido, anunciou no transcurso da súa comparecencia de orzamentos que esta será a lexislatura da adaptación do sistema sanitario á cronicidade. Segundo explicou, isto significa poñer en marcha actuacións orientadas á promoción da saúde e prevención da enfermidade, traballando sobre a poboación sa; a fomentar o autocoidado dos pacientes; e ofrecer unha atención individualizada aos pluripatolóxicos. Así, ao longo do primeiro semestre de 2013 elaborarase a Estratexia Galega de Atención á Cronicidade, contando con todos os profesionais e colectivos implicados.

"Precisamos unha Estratexia participativa baseada na innovación e na que terán un papel protagonista os profesionais de Atención Primaria e, en especial, a enfermería", afirmou Mosquera. Entre os seus eixos fundamentais están, dixo, impulsar medidas para reforzar a capacitación dos cidadáns co obxecto de promover a autonomía, o autocoidado e os estilos de vida saudables; actuar sobre factores de risco que determinan a aparición de condicións de saúde de carácter crónico (e a detección e tratamento precoz dos mesmos); garantir a equidade en saúde, a continuidade asistencial e unha atención sanitaria accesible, integrada, segura, efectiva, eficiente e sostible; e promover a innovación e a investigación en modelos organizativos que faciliten os cambios na prestación de servizos relacionados coa cronicidade.

Promoción de estilos de vida saudables
A titular de Sanidade asegurou tamén que este será o ano da promoción dos estilos de vida saudables e da prevención de enfermidades. Neste sentido, adiantou que este mesmo mes porase en marcha en Ferrol un programa piloto de detección precoz de cancro colorrectal, que se estenderá ao resto da comunidade se acada o éxito esperado.

Mosquera salientou tamén o labor da Escola Galega de Saúde para Cidadáns e destacou que, para mellorar a accesibilidade dos cidadáns aos programas de formación en saúde, en 2013 porase en marcha a e-escola, migrando da actividade presencial á actividade on-line e utilizando as redes sociais para chegar a un maior número de persoas e, especialmente, aos grupos de poboación máis novos. Ademais, desenvolveranse aplicacións para móbiles con contidos para a promoción de hábitos de vida saudables, no marco do proxecto Innova-Saúde.

Doutra banda, impulsarase un Plan de Prevención da Obesidade Infantil en Galicia, cunha abordaxe integral dende o ámbito sanitario, familiar, comunitario, laboral e educacional co obxectivo de reducir a súa prevalencia na comunidade. E no que atinxe á prevención do consumo de alcohol e as enfermidades de transmisión sexual, seguiranse realizando campañas a través das redes sociais máis utilizadas polos mozos.

"Esta reorientación das políticas de prevención adaptándose á nova realidade social, ao novo patrón epidemiolóxico e ás novas formas de comunicación constitúen unha importante novidade dentro do Plan de Trastornos Aditivos, no que continuaremos traballando no ano 2013", explicou. Así, pese ao difícil contexto económico manterase a contía de recursos propios na partida de subvencións para asociacións e ONGs que traballan no eido das drogodependencias e a prevención do VIH (750.000 euros); e ampliarase (un 1,35%) a dedicada ao convenio coa FEGAMP en materia de asistencia e prevención das drogodependencias (4.470.635 euros).

Aposta pola xestión integrada e por procesos
Segundo anunciou Rocío Mosquera, nesta lexislatura estenderase a xestión integrada a toda Galicia, o que catalizará o cambio de rumbo do sistema para centrarse definitivamente no paciente. Os avances efectuados nos últimos anos no eido da xestión integrada, da xestión por procesos e da xestión por prioridades clínicas teñen permitido reorientar a organización sanitaria cara unha senda "de modernidade e sensatez clínica; consolidadas xa estas estratexias, o seguinte paso consistirá en darlle o pulo definitivo á xestión clínica".

Esta permitirá que os profesionais asuman o liderado na toma de decisións e no uso efectivo e eficiente dos recursos, algo que eles mesmos levan tempo reclamando e que resulta importante tamén para o sistema, dado que segundo numerosos documentos máis do 30% do orzamento total de Sanidade depende das súas decisións clínicas.

Neste ámbito, destacou que se seguirá a traballar na incorporación das novas tecnoloxías á práctica asistencial, fomentando a telemedicina, a atención non presencial e a atención en rede. Así, apostarase por servizos de calidade e seguros, para o que é imprescindible dimensionalos e ubicalos adecuadamente atendendo a criterios técnicos, xa que, dixo, a accesibilidade non se mide só pola proximidade: as melloras nas tecnoloxías da información e nas vías de comunicación permiten acurtar distancias e fan posible outra forma de prestar asistencia e de organizar servizos.

Nesta aposta destacou o papel da historia clínica electrónica (IANUS) como ferramenta de comunicación entre niveis asistencias (atención primaria e especializada) que xa funciona en toda a comunidade e que igual que permitiu a introdución da receita electrónica, posibilitará tamén non repetir probas ou consultas que non acheguen valor ao paciente.

Innovación e eficiencia enerxética
A titular de Sanidade resaltou que en 2013 se seguirá apostando por un modelo de innovación aberta, centrado no usuario e cunha relación estreita co tecido produtivo e educativo. Impulsarase o Clúster Galego de Saúde –para que este sector continúe a ser un xerador neto de riqueza- e crearase unha axencia que aglutinará as competencias en materia de docencia, investigación, innovación e avaliación de tecnoloxías sanitarias, que facilitará a captación de financiamento externo.

A consellería de Sanidade aposta pola Plataforma de Innovación –que xa recibiu máis de 200 propostas de distintas entidades e profesionais- e os proxectos Innova-saúde e Hospital 2050, que contan cun orzamento global de case 100 millóns de euros, dos que en 2013 licitaranse concursos por un importe aproximado de 50 millóns de euros.

A conselleira explicou que se estenderán as medidas de eficiencia enerxética aos distintos centros sanitarios: o Plan Integral de Eficiencia Enerxética garantirá ao Sergas un aforro de máis de 100 millóns de euros no período 2012-2019. Na xestión dos residuos sanitarios, Galicia traballará na clasificación dos residuos sanitarios e implantará, a través dun concurso centralizado, tecnoloxía innovadora na xestión dos residuos máis perigosos, garantindo deste xeito unha xestión máis limpa e segura e un aforro de máis dun millón de euros anuais.

Medidas de xestión eficiente
Rocío Mosquera sinalou que o orzamento da Consellería, 3.419 millóns de euros, supón o 41% do orzamento total da Xunta, e afirmou que se trata dun orzamento adaptado á situación actual e cunha prioridade moi clara: garantir o mantemento da prestación dos servizos sanitarios públicos de calidade e a solvencia do sistema. Neste contexto de xestión rigorosa e eficiente, seguirase a fomentar o uso racional dos medicamentos coa implicación dos profesionais e en colaboración directa coas sociedades científicas.

Dentro deste escenario económico, o Servizo Galego de Saúde fai unha aposta clara polos investimentos produtivos, que contribúen a modernizar e mellorar as infraestruturas ao tempo que axudan a dinamizar a economía galega. Así, duplícanse as partidas do capítulo VI ata alcanzar os 118,5 millóns de euros. As principais actuacións que se van realizar son a continuación dos plans directores da Coruña e Ourense; a tramitación dos centros de saúde e das reformas do hospital do Salnés e da Costa. Ademais, asumiranse as reformas e a dotación de equipamento que sexa necesaria nos centros asistenciais do Sergas, e dedicaranse arredor de 8 millóns a dotalos de tecnoloxía moderna e resolutiva. Tamén se continuara coa construción do novo hospital de Vigo.

Profesionais
O orzamento do Sergas ascende a 3.349 millóns de euros, dos que case o 44% (1.471 millóns) están destinados aos profesionais. Neste eido, Mosquera destacou a aposta pola estabilidade laboral, pola seguridade no entorno de traballo e pola participación dos profesionais na toma de decisións, dándolles cada vez un maior protagonismo na xestión.

No ano 2013 desenvolverase o novo procedemento de selección de persoal fixo, iniciado coa publicación do decreto de OPE cunha oferta de 176 prazas de facultativos; e iniciaranse os trámites para unha nova oferta de emprego público para o resto de categorías co obxectivo de continuar coa política de estabilizar ao persoal.


Temas relacionados