Actualidade

[Nova2012]TRABALLO E BENESTAR BLINDA EN 2012 A ATENCIÓN ÁS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN, PROMOVE O AUTOEMPREGO E CREA NOVAS PRAZAS DE 0-3 ANOS

TRABALLO E BENESTAR BLINDA EN 2012 A ATENCIÓN ÁS PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN, PROMOVE O AUTOEMPREGO E CREA NOVAS PRAZAS DE 0-3 ANOS

Santiago, 4 de novembro de 2011.- Os orzamentos da Consellería de Traballo e Benestar para 2012 permitirán cumprir catro obxectivos fundamentais: dar resposta as persoas que peor o están a pasar e que se atopan en risco de exclusión; fomentar os servizos de calidade para a atención á cidadanía; impulsar as fórmulas de autoemprego e emprendemento que amosan un mellor comportamento ante a crise; e continuar apostando polo diálogo e a concordia cos axentes sociais, as entidades, e as diferentes administracións.

"Todos estes obxectivos resúmense nun só: as persoas", destacou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria para dar conta dos presupostos –"os mellores posibles na situación actual"- do departamento autonómico para 2012.

Entre outros aspectos, salientou que estas contas permitirán crear en 2012 novas prazas sociais públicas, a pesares de ter un nivel orzamentario similar ao 2006. O esforzo de xestión e optimización de recursos permitirá tamén manter no próximo ano 11.000 prazas máis que en 2006, nas que se inclúen as 5.000 prazas xa creadas nesta lexislatura tanto en escolas infantís, instalacións para maiores e centros para persoas con discapacidade.

De feito, o mantemento destas 5.000 prazas xa creadas desde 2009 supón un incremento orzamentario anual de 45 millóns de euros a maiores, o que supón un 5 por cento do orzamento total da Consellería só en mantemento destes novos recursos.

En total, a Consellería de Traballo e Benestar contará cun presuposto global de 920 millóns de euros. Neste sentido, a titular do departamento autonómico lembrou a aposta que está a facer a Xunta de Galicia por blindar nas súas contas xerais os servizos sociais básicos: "Os orzamentos para 2012 son os máis sociais da historia da Xunta, polo que 3 de cada 4 euros, é dicir, un 76 por cento está destinado a cubrir as necesidades sociais básicas da cidadanía", subliñou.

Primeiro obxectivo: inclusión social

Para dar cobertura ao primeiro obxectivo de axudar ás persoas que máis o precisan, a Consellería de Traballo e Benestar aumentará nun 1,57 por cento o orzamento global dos programas de inclusión, que será de 41 millóns de euros no ano próximo.

Neste eido, destaca o aumento da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), que se incrementará nun 4,4 por cento, ao pasar dos 22,3 millóns aos 23,3. Ademais, esta será unha partida ampliable, o que garante que se aumentará en todo o que sexa preciso para dar cobertura a todo aquel que cumpra os requisitos. "Ningunha persoa que o precise quedará desatendida por este Goberno", insistiu Mato.

Ademais, tamén aumentará a partida destinada ás Axudas de emerxencia social (AES), nun 3,45 por cento –pasa de 2,9 a 3 millóns-; así como tamén se incrementará nun 29,3 por cento o orzamento destinado ao apoio aos comedores sociais, albergues e casas de acollida, que chegará así aos 2 millóns de euros. Mantense tamén o complemento autonómico das Pensións non contributivas (PNC), cun financiamento de 9,5 millóns de euros, e que será tamén unha partida ampliable, o que garante que se dará cobertura a todo o que cumpra os requisitos.

Mato adiantou tamén que tras ser estudada na mesa do dialogo social estas e a ultimar a Lei de inclusión para converter á RISGA "nunha ferramenta real de inserción laboral que evite a cronificación da situación de exclusión social".

Segundo obxectivo: servizos de calidade

O segundo obxectivo pasa por fomentar os servizos de calidade de atención á cidadanía. As contas para 2012 "como non podía ser doutro xeito" garanten o mantemento de todas as prazas públicas de servizos sociais, entre as que se inclúen as máis de 5.000 creadas no que vai de lexislatura: máis de 2.100 en escolas infantís; preto de 2.700 en centros de atención a maiores; e máis de 500 de atención á discapacidade. Deste total, só no que vai de 2011, creáronse máis de 1.300 prazas sociais.

Polo tanto, o orzamento de 2012 inclúe o mantemento da totalidade das prazas –incluídos os 45 millóns de euros máis de mantemento das 5.000 creadas ao longo da lexislatura- e ademais permite a creación de novas prazas no próximo exercicio.

No que se refire á area específica de escolas infantís, ademais das prazas xa creadas e da creación de novas no 2012, hai que destacar que se mantén o orzamento destinado ao cheque infantil; e que se mantén a orde de axudas a escolas de iniciativa social. Na mesma liña de apoio ás familias, estará blindada tamén no próximo exercicio a partida da prestación por fillo a cargo, con 2,7 millóns de euros, e que figurará de novo como partida "ampliable".

A atención á infancia "é unha prioridade", salientou Mato, polo que a partida destinada aos menores aumentará nun 1,1 por cento, ata os 31,8 millóns de euros. Dentro desta área, farase unha especial aposta pola "pronta reintegración dos menores e polo acollemento familiar", que son os programas que rexistrarán un maior aumento.

Finalmente, a conselleira quixo facer unha especial mención á área de dependencia, á que se destinará un total de 361,7 millóns de euros en 2012, 2 millóns de euros máis que en 2011, o que supón un aumento do 3,1 por cento. Lembrou que o pasado exercicio xa se tiña incrementado noutro 3 por cento o financiamento para este fin, "un comportamento moi distinto ao do Estado". Este aumento permitirá garantir a atención e "cubrir a parte do presuposto que o Goberno central non aporta". No que vai de lexislatura, o esforzo da Xunta permitiu atender a máis de 37.000 novos dependentes.

A conselleira referiuse tamén ao Plan Concertado, que se modificará de cara a 2012, a través dunha normativa que se aprobará no primeiro trimestre do ano. Este novo modelo permitirá unha "maior axilidade", ao tempo que permitirá tamén facer anticipos de financiamento de ata un 50 por cento. Ademais, recolle unha maior coordinación coas administración locais e provinciais. De feito, xa teñen comezado conversacións coas deputacións para a mellor coordinación da prestación de servizos sociais, especialmente nos concellos máis pequenos.

Ademais, para mellorar a tramitación separarase a axuda domicilio para dependentes da de non dependentes, co obxectivo de liberar trimestralmente os pagos da corresponden a dependencia, isto é, faranse catro pagamentos anuais en lugar dun só. Aumentarase tamén ata os 30 millóns de euros para axuda no fogar para persoas dependentes. Esta modalidade de atención beneficia a máis de 6.000 persoas, o que supón un incremento de máis do 400 por cento.

Na área de Xuventude, Mato destacou tamén o aumento do financiamento en materia de voluntariado, nun 8,3 por cento. Ademais, manteranse os programas vinculados á educación non formal, e aumentarase nun 1,4 por cento as axudas a través do programa "Iniciativa Xove" para grupos informais de mozos e mozas e para asociacións.

Terceiro obxectivo: autónomos e emprendemento

"O emprego é unha das nosas prioridades", destacou Mato. Neste sentido, explicou que se priorizaron investimentos que, dentro das competencias da Xunta, dean resposta aos colectivos que máis os precisan e aqueles que teñen máis capacidade de reacción ante a crise.

Así, puxo en valor a "capacidade de revitalización do mercado laboral que teñen tres figuras: o emprendedor, o autónomo e as cooperativas". Por iso, de cara ao 2012, a Consellería investirá un millón de euros máis no apoio aos autónomos e emprendedores (de 27 a 28 millóns de euros). No que vai de lexislatura, xa se destinaron máis de 92 millóns de euros de apoio a este colectivo, e tense apoiado a preto de 14.000 autónomos.

No que se refire ás cooperativas, increméntase as axudas nun 5,5 por cento, ademais de que está xa en tramitación parlamentaria a nova Lei de cooperativas, que actualizará a normativa aos tempos actuais.

Outros aspectos destacables no eido laboral son que se preserva a formación de traballadores desempregados e tamén ocupados, con máis de 85 millóns de euros. Ademais, impulsarase por segundo ano consecutivo, a axuda económica paras as persoas admitidas en cursos de formación que teñan dificultades en poder asistir. Este ano, este programa beneficiou a máis de 1.400 persoas.

Ao mesmo tempo, tamén se reforzarán dúas fórmulas que "melloran a empregabilidade" como son: o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia ou por vías non formais de formación (onde se está facendo especial fincapé nos coidadores non profesionais de persoas dependentes); e por outro lado, tamén se está apostando pola formación certificabe, "válida en todo o Estado e centrada naqueles sectores de máis demanda". En 2011, preto de 10.000 persoas contarán cunha formación certificada; e prevese que en 2012 sexan 15.000 os beneficiarios desta formación certificable.

Presérvase, tamén, a partida de axudas ao emprego para persoas con discapacidade, na liña de seguir apoiando aos colectivos que máis o precisan. Contará un financiamento de 15 millóns de euros, que se destinará a axudas á contratación indefinida destas persoas; ao emprego con apoio; ás entidades sen ánimo de lucro; e ao mantemento dos centros especiais de emprego.

Cuarto obxectivo: diálogo

Por último, o cuarto obxectivo de cara a 2012, proseguiu Mato, é o de continuar co "diálogo social", e con consenso e concordia cos axentes sociais, coas entidades e coas diferentes administracións. Neste sentido, recordou que no seo do diálogo social xa se teñen acadado 15 acordos e 9 preacordos.

En definitiva, a conselleira apuntou que as contas para 2012 son uns orzamentos "adaptados á realidade actual" e que "incrementan as prestacións para os colectivos que peor o están a pasar".


Temas relacionados