Actualidade

[Nova2012]ROBERTO VARELA PRESENTA UN ORZAMENTO PARA 2012 “RESPONSABLE, REALISTA, AUSTERO E XERADOR DE SINERXÍAS, QUE PERMITIRÁ O DESENVOLVEMENTO DA CULTURA E DO TURISMO DE GALICIA”

ROBERTO VARELA PRESENTA UN ORZAMENTO PARA 2012 "RESPONSABLE, REALISTA, AUSTERO E XERADOR DE SINERXÍAS, QUE PERMITIRÁ O DESENVOLVEMENTO DA CULTURA E DO TURISMO DE GALICIA"

Santiago, 4 de novembro de 2011.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos para o vindeiro ano 2012, asegurando que buscan "adecuarse á difícil realidade que estamos a vivir, priorizando actuacións e determinando os recursos precisos para a posta en marcha dun plan de acción responsable, realista, austero e xerador de sinerxías que permita o correcto desenvolvemento da cultura e do turismo na nosa comunidade".

Durante a súa comparecencia, explicou que os orzamentos da Consellería articúlanse arredor de tres liñas estratéxicas básicas como son "a preservación e posta en valor social da pluralidade cultural galega; o impulso dunha nova política para o desenvolvemento e a difusión das nosas manifestacións artísticas e culturais, baseada na racionalización do gasto e no diálogo cos diferentes sectores da cultura e o turismo; e a promoción exterior da cultura galega, co fin de incrementar a competitividade das nosas industrias culturais, a profesionalización e a creación de emprego no sector". O conselleiro subliñou que estes orzamentos "están pensados para o beneficio dos nosos creadores, dos nosos profesionais e dos nosos cidadáns".

Roberto Varela apuntou que o orzamento consolidado para o exercicio 2012 que se dedicará a Cultura e Turismo acadará os 153,6 millóns de euros. Máis polo miúdo, o conselleiro detallou que do total de 153,6 millóns de euros, 130 corresponden á Consellería de Cultura e Turismo e 15,1, á Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). No tocante ás entidades dependentes da consellería, á Fundación Cidade da Cultura de Galicia correspóndenlle 22,8 millóns; á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, 16,8 millóns; a Turgalicia, un total de 19,7; a Fundación Illa de San Simón contará cun total de 345.000 euros en 2012, e o Instituto de Estudos Turísticos, 597.000 euros. A todo isto súmanse os mandatos de actuación en materia de Cultura e Turismo a executar a través da Sociedade Pública de Investimentos, que terán un importe total de 5,7 millóns de euros en 2012.

Programas de promoción e difusión cultural

O conselleiro declarou que estes programas  de promoción e difusión artellaranse arredor dos sectores do Libro, Bibliotecas e Arquivos, elevados pola súa importancia ao nivel de Dirección Xeral o pasado 23 de decembro de 2011. No eido das Bibliotecas públicas, integradas na Rede de bibliotecas, os obxectivos dos orzamentos serán "acadar a súa mellora, o seu impulso e a súa promoción". Roberto Varela apuntou as actuacións que se levarán a cabo neste campo, entre as que destaca a actualización das coleccións das bibliotecas galegas que sumará un importe total de 1,5 millóns de euros. Esta dotación executarase a través de diversas actuacións como o desenvolvemento do ‘Programa de mellora das coleccións bibliográficas das Bibliotecas Públicas municipais' ou a actualización das coleccións das Bibliotecas Nodais, nas que parte dos fondos mercados deberán ser en galego para incrementar a inversión no noso sector do libro. Ademais afondarase no desenvolvemento progresivo da Biblioteca de Galicia a través da adquisición de fondos e porase en marcha a Biblioteca Central de Préstamo que ofrecerá ás bibliotecas públicas diversos servizos de préstamo.

Entre outras iniciativas relacionadas coas Bibliotecas públicas, potenciarase a formación inicial e permanente do persoal. Ademais, as Bibliotecas Nodais e a Biblioteca de Galicia veranse renovadas coa implantación das novas tecnoloxías da información e da comunicación a través do establecemento dun servizo de apoio, o mantemento e desenvolvemento do software bibliotecario MEIGA ou a implantación da web 2.0. Potenciarase o Centro de Atención ao Usuario e implantarse un sistema de devolución 24 horas, así como organizaranse actividades de animación á lectura en toda a rede entre as que destacan o ‘Programa Letras Vivas 2012', que verá incrementado o seu orzamento nun 100% nas Bibliotecas municipais e manterá o inverstimento nas Nodais.

Tocante á Biblioteca de Galicia, o conselleiro anunciou "múltiples servizos" que afondarán no desenvolvemento do Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia, na dotación dunha imaxe corporativa e dun portal web oficial, no mantemento dos programas de xestión, a preservación e conservación dos seus fondos bibliográficos ou a posta en funcionamento de novos e importantes servizos. Roberto Varela incidiu na importancia da Biblioteca dixital como "outro medio de acceso universal e gratuíto ao patrimonio bibliográfico galego" e informou da dixitalización de novos soportes así como o desenvolvemento de novos interfaces por materias e por temas.

Dentro do sector do Libro e publicacións, no vindeiro exercicio desenvolverase o programa de feiras do libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros Galegos e financiadas pola Dirección Xeral, así como participarase nas Feiras internacionais do libro máis importantes de Europa e América. No canto das conmemoracións, en 2012 desenvolveranse diversos actos de homenaxe á figura de Valentín Paz Andrade co gallo do Día das Letras Galegas e celebrarase o Ano de Celso Emilio Ferreiro en lembranza do centenario do nacemento do gran poeta de Celanova. Como apoio á edición galega, tense previsto convocar as Axudas á tradución, do galego a outras linguas e viceversa, e tamén a adquisición de novidades editoriais. Ademais organizarase o Congreso Galego da Edición previsto na Lei do libro e da lectura de Galicia.

Protección e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e cultural

Na súa comparecencia, Roberto Varela subliñou a "relevancia do patrimonio cultural galego" ao que definiu como un "legado cultural precioso, abundante e sobre todo, único". Deste xeito, os orzamentos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural dirixiranse á conservación, posta en valor e dinamización deste patrimonio, priorizando aquelas accións máis perentorias. Para elo, no exercicio 2012 destinaranse máis de 9,8 millóns de euros en investimentos no patrimonio cultural e outros 2,3 millóns en axudas para a protección e intervención no patrimonio, que se realizarán a través de investimentos de execución propia e mediante entidade beneficiarias de subvencións.

Dentro dos investimentos de execución propia destaca o Plan de infraestruturas culturais que recolle actuacións tan relevantes como a da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico que neste ano 2012 desenvolverá actuacións menores que fican por rematar no Centro de interpretación do Mundo Castrexo de San Cibrán de Lás, a redacción do Proxecto básico e de execución para a rehabilitación do Centro de interpretación do Mundo Romano no Cuartel de San Fernando en Lugo e a redacción do Proxecto de valoración e expropiación dos terreos do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.

No marco do Plan de Restauración dos Camiños de Santiago, posto en marcha en colaboración co Ministerio de Fomento (1% cultural) e que contará cunha inversión de 800.000 euros, tramitaranse os expedientes de delimitación dos Camiños Portugués. Inglés, do Norte e Primitivo, ademais de incluír 20 proxectos de restauración dos espazos públicos nos Concellos do Camiño Francés. Así mesmo, o Plan de Restauración de Castelos e Fortalezas, inclúe actuacións tan relevantes como as obras de mantemento, conservación e accesibilidade da Muralla de Lugo, así como obras de consolidación na Fortaleza de Tovar. Ao abeiro do Plan de Catedrais prestarase especial atención as cuestións de seguridade e realizaranse tarefas de restauración e rehabilitación na Catedral de Tui, na Catedral de San Xiao de Ferrol, na Catedral de Ourense e na Catedral de Santiago onde está previsto seguir a traballar na restauración do pórtico da Gloria. Así tamén investiranse arredor de 1,7 millóns de euros no Plan de Conservación de Abadías, Mosteiros e Conventos e no Plan de intervencións de Restauración do Patrimonio Eclesiástico.

CGAC

O titular de Cultura puxo de manifesto a "incuestionable mellora na calidade da programación do Centro Galego de Arte Contemporánea, que con recursos máis reducidos, é quen de manter e incluso mellorar a calidade das actividades". O CGAC contará cun orzamento inicial de máis de 3 millóns de euros para a realización de actividades entre as que destaca a gran exposición de Jeff Wall. Xunto coa programación do CGAC para o ano 2012, potenciaranse as actividades didácticas e pedagóxicas e a colaboración con diferentes institucións do ámbito cultural.

Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais centrarase de xeito prioritario no mantemento e a creación de postos de traballo no tecido produtivo das industrias culturais galegas. A AGADIC contará no ano 2012 cun orzamento de 15,1 millóns de euros, preto dun 19% máis que no 2011. No tocante ás tres redes de distribución (de teatros e auditorios, de salas e de música ao vivo) no vindeiro exercicio acadaranse os niveis orzamentarios totais de 2010, mentres que as axudas á distribución exterior aumentarán a súa contía co obxectivo de garantir unha política de apoio á saída e a comercialización fóra de Galicia das nosas empresas e produtos culturais. As axudas á produción someteranse a unha revisión para implementar unha serie de melloras que estimulen o crecemento de espectadores na exhibición dos espectáculos. No eido dos festivais porase en marcha unha nova orde de axudas que prime a presenza de artistas galegos e afondarase no obxectivo de converter ao Centro Dramático Galego e ao Centro Coreográfico Galego en centros de referencia e de apoio ao sector das artes escénicas.

Fundación Cidade da Cultura

Roberto Varela sinalou que o obxectivo prioritario para o ano 2012 da Fundación Cidade da Cultura de Galicia será a posta en funcionamento dos edificios do Museo e de Servizos Centrais e a dotación de novas vías de proxección cultural pública tanto nacional como internacional. A Fundación Cidade da Cultura contará para elo cun orzamento de 22,8 millóns de euros no exercicio de 2012. Dentro desta partida destaca tamén o avance na execución das obras de urbanización, a dotación de equipamentos e continuar co desenvolvemento dos contidos que conforman o proxecto cultural.

Varela apuntou como obxectivos específicos da programación do Gaiás para o vindeiro ano o uso do seu poder de atracción como icona arquitectónica para achegar a cultura a novos públicos e ampliar a participación da sociedade galega, fomentar o traballo dos creadores galegos, nutrirse das propostas culturais xeradas en todo o mundo e apostar pola profesionalización dos artistas.

Fundación Illa de San Simón

O titular de Cultura e Turismo avanzou que na Fundación Illa de San Simón "continuarase coa liña iniciada no primeiro ano e medio de execución do seu plan de usos", afondando no obxectivo de convertela nun foco de actividade nos eidos da investigación e da difusión cultural. Para lograr esta fin, programaranse actividades estables e contidos sólidos e permanentes. Roberto Varela destacou que os obxectivos para 2012 son centrar os esforzos no eido internacional, potenciar todo o traballo xa realizado, intensificar as relacións con Iberoamérica e establecer novos convenios.

Turismo

O conselleiro puxo de manifesto que estes orzamentos "posicionarán a marca do Turismo galego entre os seus potenciais clientes co obxectivo de manter e, se cadra ampliar, o número de turistas que se achegan a Galicia". Roberto Varela subliñou o compromiso e a preocupación do actual Goberno polo sector turístico galego e lembrou diferentes accións que xa levou a cabo como o Debate do Estudo do Turismo, a posta en marcha do Plan de Acción do Turismo de Galicia 2010-2013 ou a aprobación da nova Lei do Turismo do Galicia. O programa de coordinación e promoción do turismo para o vindeiro ano, ao que se destinarán 50 millóns de euros, desenvolverase na busca dos obxectivos finais de desestacionalización, incremento do turismo internacional, maior gasto medio, aumento da estancia, así como conseguir o reequilibrio territorial.

Os orzamentos de inversión destinados ao Turismo en 2012 son os máis elevados da historia de Galicia, en concreto 10,5 millóns, e engloban actuacións como o desenvolvemento da Campaña Institucional de Promoción da marca Galicia na que se darán a coñecer os dez produtos cabeceira da marca, actividades de divulgación e promocionais dos atractivos galegos, campañas de comunicación en medios de comunicación, convenios con distintas entidades, formación activa en materia turística para mellorar a profesionalización do sector, importantes proxectos de rehabilitación, adecuación e embelecemento de bens patrimoniais como a Fortaleza de Monterrei, o miradoiro de Sober ou a Pousada de Portomarín e o desenvolvemento de proxectos como I-Speed, relativo á aplicación das TIC ao turismo ou o Proxecto Eurorrexión termal e da auga. Desde este sector levaranse a cabo tamén importantes plans como o Plan de desenvolvemento ‘Portas de Galicia' ou o Plan de competitividade de Vigo. Ademais abordarase o Plan de Dinamización da Mariña Lucense, continuarase co Plan de sinalización turística e destinarase un importante volume de recursos a diversas ordes de subvencións.

Xacobeo

Na súa comparecencia, o conselleiro fixo fincapé en que a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo "continuará co seu importante labor de mantemento e promoción do Camiño de Santiago". Deste xeito, os 16,8 millóns de euros que conforman o seu orzamento distribuiranse en tres liñas principais de actuación como o coidado e mantemento do Camiño en Galicia a través da mellora das diferentes rutas e da rede de albergues; a promoción nacional e internacional por medio da presenza do Xacobeo nas principais feiras de turismo, congresos e da edición de novo material informativo e promocional e como non, a programación cultural que continuará coa promoción de proxectos culturais e de investigación arredor do fenómeno xacobeo.

Instituto de Estudos Turísticos

Sobre o IET, Roberto Varela subliñou que os obxectivos para 2012 pasan por desenvolver o Observatorio do Turismo de Galicia, "un proxecto destinado a medir e coñecer con carácter continuo o comportamento do sector turístico da comunidade, así como a realizar análises de mercados e produtos turísticos interesantes para Galicia". Ademais, avanzou que "se afondará na investigación e coñecemento da nosa demanda". Para iso, botarase man de operacións estatísticas como a Enquisa de Demanda Turística en Destino e a Enquisa de Excursionismo, que xa experimentaron modificacións neste ano coa fin de obter datos máis fiables.

Centro Superior de Hostalería de Galicia

Por último, o conselleiro fixo referencia ao Centro Superior de Hostalería de Galicia para destacar que "seguiremos impulsando a súa internacionalización", con proxectos entre os que subliñou o acordo coa Universidade de Brighton e a Escola de Savignac para impartir no CSHG a titulación europea Bachelor in Hospitality Management. "Trátase dun programa pioneiro en Europa, sendo o Centro Superior de Hostalería de Galicia o único centro de ensino que o imparte en España", engadiu. 


Temas relacionados