Actualidade

[Nova2012]O SERGAS DESTINARÁ 237,5 MILLÓNS DE EUROS A INVESTIMENTOS O PRÓXIMO ANO

O SERGAS DESTINARÁ 237,5 MILLÓNS DE EUROS A INVESTIMENTOS O PRÓXIMO ANO

Santiago, 31 de outubro de 2011.- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, avanzou hoxe que o Servizo Galego de Saúde destinará 237,5 millóns de euros a investimentos, entre infraestruturas, innovación e programas de saúde pública. Deles, máis de 130 dedicaranse a infraestruturas sanitarias, a través de fondos orzamentarios, do investimento extraorzamentario e mediante a captación de fondos europeos.

Farjas compareceu hoxe para presentar o orzamento que xestionará o seu departamento en 2012 na Comisión 3ª do Parlamento, onde destacou que os Orzamentos Xerais da Xunta destinan o 75,5% ao eido social; e á sanidade 3.530 millóns de euros, é dicir, 4 de cada 10 euros do presuposto, practicamente igual que o ano pasado. A esta cifra deben engadirse os investimentos extra orzamentarios de 90 millóns para o novo hospital de Vigo e a captación de fondos europeos para o investimento innovador (63 millóns adicionais), é dicir, 153 millóns máis para a sanidade pública de Galicia. Todo elo permitirá dispor de 3.683 millóns de euros para o sistema sanitario galego.

A conselleira sinalou que a rede de centros do sistema sanitario público galego precisa importantes actuacións tanto no ámbito hospitalario como nos centros de saúde e na tecnoloxía. Neste sentido, observou que os mecanismos tradicionais de financiamento son insuficientes para abordar as necesidades de gasto social e investimento en Galicia, polo que é preciso recorrer a novas fórmulas de financiamento e xestión que permitan dispoñer das infraestruturas no menor tempo posible e asumir o investimento e desvinculalo do ciclo económico.

Sobre este ámbito, declarou que no próximo ano continuarase coa construción do novo hospital de Vigo; seguirase coa tramitación necesaria para licitar o novo hospital de Pontevedra -para o que se dispón no orzamento de preto de 180.000 euros-; e desenvolverase a fase II do CHUAC, para o que hai máis de 12 millóns de euros no orzamento. No CHUS mellorarase a área de críticos -para o que existe un orzamento de case 1,4 millóns- e remataranse a renovación das fachadas de Conxo, as cubertas do psiquiátrico e a obra da resonancia magnética, cun investimento de case 800.000 euros.

No Hospital da Costa (Burela) investiranse case 300.000 euros para iniciar as obras de mellora e ampliación do centro; e nos hospitais de Ferrol destinaranse en torno a 70.000 euros a realizar a reprogramación do plan funcional. Así mesmo, no Hospital do Salnés investiranse 350.000 euros dos orzamentos para licitar o proxecto de execución da obra de ampliación cando se dispoña dos terreos necesarios. A fase I da ampliación suporá un custe estimado de 5,5 millóns de euros, para continuar coa fase II de remodelación das areas ampliadas por outros 4,5 millóns.

A conselleira indicou tamén que se está a traballar para dispor dun equipamento tecnolóxico moderno, axeitado ás necesidades asistenciais, e para asegurar o seu mantemento e a súa renovación: o orzamento recolle con este fin máis de 3 millóns de euros. Ademais, para renovar a alta tecnoloxía, tecnoloxía de imaxe, radioterapia e intervencionismo utilizarase o socio tecnolóxico como fórmula de xestión, o que suporá un investimento extra orzamentario de máis de 15 millóns.

Farjas destacou así mesmo o compromiso da Xunta coa Atención Primaria, un eido no que se invisten máis do 37% dos orzamentos e no que se teñen posto en funcionamento 23 centros de saúde novos ou reformados, aos que se suman 6 centros pendentes de recepción e posta en funcionamento ou en construción, para o que se dispón dun investimento de máis de 7,8 millóns de euros. "Ademais, temos a firme vontade de licitar os 18 novos centros de saúde no contexto de ausencia duns orzamentos nacionais do Estado que ofrezan o marco de estabilidade económica necesario", asegurou.

A titular de Sanidade explicou que para realizar estes investimentos, manter a carteira de servizos e garantir a sostenibilidade do sistema sanitario é imprescindible realizar unha xestión rigorosa e eficiente, pola que, dixo, o Executivo autonómico apostou dende o primeiro momento. Así, destacou iniciativas como o programa de mellores prácticas de prescrición e dispensación de medicamentos –grazas ao que o uso de xenéricos en Galicia pasou do 10% ao 33%- e o Catálogo priorizado de medicamentos. A conselleira, coincidindo co último día deste mes, anunciou que a estimación de aforro durante outubro foi de 8 millóns de euros, o que supón que entre xaneiro e outubro fose de máis de 84 millóns, reducíndose o gasto farmacéutico un 10,5%.

"Seguiremos, polo tanto, coa aplicación do Catálogo –afirmou-, que permitirá compatibilizar a prescrición por principio activo, xa que o médico poderá prescribir o medicamento por principio activo e, se opta por unha marca, elixir entre as de menor prezo do Catálogo. De feito, a semana pasada o Consello da Xunta aprobou unha ampliación do Catálogo de 418 principios activos, o que suporá un aforro adicional de 40 millóns de euros anuais."

Recursos Humanos

Deste xeito, Pilar Farjas agradeceu o compromiso e o labor dos profesionais do Sergas, lembrando que a solvencia do sistema tamén require que estes teñan un contexto laboral estable, e por iso máis do 45% do orzamento destínase para financiar o capítulo 1, unha partida que supón o 18% do presuposto da Xunta.

Así, avanzou que se vai poñer en marcha o primeiro Plan de Ordenación de Recursos Humanos do Sergas para definir e implantar un sistema de desenvolvemento profesional baseado no coñecemento das necesidades reais a través do rexistro de profesionais sanitarios de Galicia, que vai permitir a planificación no sistema sanitario.

Sobre a estabilidade do emprego, sinalou que xa en 2011 tomaron posesión das súas prazas con carácter fixo 3.000 profesionais e outros 2.000 cambiaron de destino. "Estas actuacións complementaranse coa OPE que estamos lanzando nestes días e que responde ao límite da taxa de reposición marcada polo Goberno de España, coa que nunca estivemos de acordo, como demostra o feito de que esta taxa quedara excepcionada das limitacións á reposición fixada na Lei de orzamentos de Galicia de 2011", sinalou.

A responsable da carteira sanitaria do Executivo autonómico destacou tamén a complicidade amosada polos cidadáns á hora de garantir a sostenibilidade da sanidade pública. Por iso, dixo, estase a traballar unha participación efectiva, coa creación do Consello Asesor de pacientes. Ademais, anunciou que en breve se trasladará ao Parlamento un proxecto de Lei no que se fará realidade a libre elección de profesionais, tanto de médicos como de enfermería, e de centro.

Saúde pública

Así, Farjas Abadía sinalou que tanto os profesionais como a cidadanía precisan dun sistema sanitario flexible e eficiente, e dado o envellecemento poboacional e a prevalencia das enfermidades crónicas son máis esenciais que nunca a promoción da saúde e a prevención da enfermidade. "Pese ao forte descenso do financiamento do Ministerio de Sanidade dos programas de saúde pública, nós mantemos un orzamento de case 60 millóns de euros no exercicio 2012 para a promoción e protección da saúde dos galegos", subliñou.

Destes, arredor de 23 dedícanse á campaña de vacinación, á prevención e control de enfermidades transmisibles, aos programas de cribado -partida onde se aumenta en case un 50% o esforzo do Sergas-, á seguridade alimentaria ambiental, á modernización da rede de laboratorios de saúde pública de Galicia e aos sistemas de información de saúde pública.

Así, mantense unha importante aposta pola asistencia aos drogodependentes e pola prevención no eido dos trastornos aditivos e das infeccións por VIH, investindo máis de 7,3 millóns de euros. "A nosa aposta contrasta coas últimas reducións do Goberno central de máis do 10% en enfermidades emerxentes e reemerxentes, nun 5% no Plan Nacional sobre SIDA en nun 30% no Plan Nacional sobre Drogas", observou.

Ademais, afrontarase a prevención do sedentarismo a través do fomento da actividade física en distintos contornos e ampliarase a capacidade de resposta ante situacións de emerxencia de saúde pública ao mellorarse o control da seguridade alimentaria e ambiental, investindo máis de 1,8 millóns de euros no fortalecemento e modernización da Rede de Laboratorios de Saúde Pública de Galicia.

Tamén se continuará a mellora do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama, rematando a implantación de unidades fixas nos hospitais comarcais e o proceso de dixitalización da radioloxía; aumentarase en máis dun 50% a dotación orzamentaria para a posta en marcha do proxecto piloto de cribado de cancro de colon en pacientes de alto risco; continuarase cos programas de formación a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns; e seguiranse desenvolvendo os programas dirixidos especificamente á muller.

A conselleira fixo así mesmo referencia ao ámbito da atención á saúde mental: "Estamos a traballar e continuaremos a facelo no ano 2012 nos programas para o trastorno mental grave, destinados á atención integral do paciente dende as fases precoces da enfermidade", informou. Neste sentido, estase a fomentar o desenvolvemento da psiquiatría infanto-xuvenil e proximamente se porá en marcha a Unidade de infanto-xuvenil do CHUS, de referencia para toda Galicia.

"Imos transformar paulatinamente os antigos psiquiátricos en centros de rehabilitación psiquiátrica e unidades especiais a través de programas en colaboración cos servizos sociais –afirmou-. Dignificamos a unidade de rehabilitación do CHUS, nos próximos meses realizaremos o traslado dos pacientes de Toén e de San Rafael, e continuaremos cos programas dirixidos a evitar o estigma social."

Sobre a abordaxe das enfermidades crónicas, o Sergas está a apostar por dar un enfoque específico para cada grupo de pacientes, prestando especial atención aos pacientes pluripatolóxicos, con cancro e aos pacientes polimedicados.

A conselleira falou tamén da extensión dos procesos asistenciais integrados, dos que xa comezaron os de saúde mental, insuficiencia cardíaca, EPOC, asma, diabete, embarazo, osteoporose e oncoloxía nos cancros máis prevalentes; e no 2012 incorporaranse melloras na área de urxencias e ampliaranse os grupos de traballo multidisciplinares para o deseño de novos procesos.

No que atinxe ás vías rápidas asistenciais, neste momento hai cinco en oncoloxía (mama, pulmón, próstata, otorrino e colo-rectal) e unha en cardioloxía (insuficiencia cardíaca), con tempos medios de espera para realizar estes diagnósticos e iniciar o tratamento inferiores a 15 días. "No 2012 continuaremos coa súa implantación segundo os criterios dos profesionais, para que todos os galegos teñan o mesmo acceso a elas independentemente do seu lugar de residencia: isto si é equidade", observou.

Investigación e innovación

Doutra banda, a titular de Sanidade destacou a aposta da Xunta por que o sector sanitario actúe como motor de crecemento económico e por impulsar alianzas cos axentes implicados para potenciar un modelo de investigación orientado cara a innovación, para o que Sanidade conta cun orzamento propio de máis de 1,7 millóns de euros.

Así, cun presuposto de 100.000 euros, a Plataforma de Innovación do Sergas traballou para captar máis de 63 millóns de euros do Fondo Tecnolóxico da Unión Europea co fin de desenvolver a partir do próximo ano os proxectos H2050 e Innova Saúde para mobilizar 90 millóns de euros en innovación asistencial e deseño estrutural e funcional dos hospitais da comunidade autónoma. "A Xunta consegue así dinamizar un fondo que leva dispoñible para Galicia dende o ano 2007 e do que o anterior goberno non foi quen de utilizar nin un só euro", observou.

Tamén fixo referencia ao Clúster Saúde -ferramenta pioneira na que se integran sectores como a biomedicina, a biotecnoloxía, a tecnoloxía médica, a farmacia e os sistemas de información, ademais da propia sanidade pública de Galicia- e ao mantemento do orzamento dedicado ás tecnoloxías da información, un total de 28,4 millóns de euros.

Segundo dixo, unha vez conseguido o 100% de cobertura da historia clínica electrónica, da receita electrónica e da imaxe dixital, continuarase co desenvolvemento da telemedicina e do traballo en rede. Nos dous últimos anos incrementouse un 85% o uso dos servizos de telemedicina nos centros sanitarios, e no próximo ano estenderase esta modalidade de atención que achega os servizos aos pacientes evitando múltiples visitas.

A conselleira repasou tamén outras medidas de eficiencia orzamentaria, como a conxelación da partida dedicada a concertos con centros privados; as compras centralizadas –que permitiron aforrar no 2011 arredor de 23 millóns de euros-; o proceso de licitación da Plataforma Loxística -que suporá un aforro de arredor de 200 millóns en dez anos-; a implantación do Plan de eficiencia enerxética -que se estenderá durante o próximo ano e co que se aforrarán máis de 6 millóns de euros en 2012-; e a xestión eficiente dos residuos sanitarios.

A conselleira definiu o presuposto do seu departamento como comprometido coa sanidade pública, coa súa sostenibilidade e coa mellora da calidade e seguridade na atención aos pacientes. "Realizamos uns orzamentos realistas, acordes coa situación de crise económica actual cos que dar resposta á xestión da realidade, baseados na eficiencia da xestión e na contención do gasto, que é o que hoxe nos permite seguir avanzando na modernización do sistema sanitario e adaptalo ás necesidades actuais", asegurou.

Así, avogou por identificar aqueles ámbitos nos que se pode actuar, por identificar áreas de mellora e por tomar decisións e poñer en marcha novas iniciativas: "Porque xa coñecemos os custes de negar a crise e non adoptar as medidas necesarias para a súa superación, como está a facer o Goberno de España –sinalou-. Nós apostamos por avanzar, por tomar medidas que eviten levar ao sistema a unha débeda de máis de 15.000 millóns de euros que pon en cuestión a viabilidade do SNS. Fronte ao inmobilismo e a falta de liderazgo e incapacidade para tomar decisións, nós decidimos e xestionamos a sanidade de forma rigorosa, realista e comprometida."


Temas relacionados