Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2011.- A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, amosou hoxe a súa satisfacción pola aprobación, por parte do Parlamento autonómico, dos orzamentos da Comunidade galega para o vindeiro ano, que definiu como de solventes, prudentes e sociais, os máis sociais da historia da Autonomía.
Fernández Currás destacou a aprobación das contas en tempo e forma por terceiro ano consecutivo, pese a non haber orzamentos no Estado; e subliñou que son as que consideramos que neste momento necesita Galicia. Neste sentido, a conselleira sinalou que estes presupostos garanten a prestación dos servizos públicos básicos.
Marta Fernández explicou que, conscientes das dificultades, os Orzamentos para o 2012 cumpren os compromisos de estabilidade orzamentaria e manteñen o seu carácter social. Así, apuntou que máis de tres de cada catro euros son para gasto social.
A conselleira tamén quixo amosar o seu agradecemento aos tres grupos parlamentarios con representación na Cámara Autonómica polo seu traballo na tramitación dos presupostos, a lei máis importante do ano.