Actualidade

[Nova2012]O ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DO MAR SUBE UN 1,7% ATA OS 178,6 MILLÓNS DE EUROS PARA O ANO 2012

O ORZAMENTO DA CONSELLERÍA DO MAR SUBE UN 1,7% ATA OS 178,6 MILLÓNS DE EUROS PARA O ANO 2012

Santiago, 8 de novembro de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, avanzou hoxe que a súa Consellería contará con 178,6 millóns de euros para o ano 2012, un 1,7 % mais que o pasado exercizo. Deles, 102 millóns, serán executados en forma de investimentos ou axudas para as empresas e profesionais do eido marítimo - pesqueiro, o que se traduce en que se destinan a tal fin 8 de cada 10 euros do orzamento. A esta cifra debe engadirse os 40 millóns que serán investidos pola Consellería nas infraestruturas e servizos destinados ao sector.

Rosa Quintana compareceu hoxe no Parlamento para presentar o orzamento do seu departamento para o ano próximo onde destacou unha redución no capítulo de gastos correntes nun 1,5% "Queremos máis traballo interno e menos gasto como tamén máis aplicacións de fondos ao sector", subliñou.

A Consellería do Mar mantén unha importante aposta pola acuicultura e a mitilicultura, un eido no que se invisten 29,3 millóns de euros, duplicando así a partida do ano anterior. "Este esforzo permite acompasar a faceta investidora á decidida planificación normativa e administrativa que se está a levar a cabo e que cadra coa liña proposta por Europa neste eido", dixo. Tamén apuntou á importancia de relanzar e potenciar a acuicultura, como fonte xeradora de emprego e riqueza.

Quintana indicou tamén que se está a traballar na consecución dun sector pesqueiro competitivo para o que a Xunta achegará un 22% máis de cara a súa modernización, a través de axudas en investimentos a bordo "para facer os barcos galegos máis eficientes en termos non só de consumo enerxético, senón tamén na selectividade e no aforro doutros gastos".

A conselleira salientou o seu compromiso para erradicar o furtivismo, cun incremento dun 15% dos fondos destinados ao funcionamento dos helicópteros e dos buques empregados na loita contra esta actividade ilegal. Ademais considerou xustificada a incorporación de 22 veterinarios "polas implicacións comerciais e sanitarias do furtivismo, como puidemos ver no caso da vieira tóxica", o que supón 857.000 euros máis de gasto en persoal.

Investigación e formación

A titular de Mar considera a investigación e a formación continua claves nun momento de crise e incrementa o seu presuposto nun 13% e 12%. Ademais, destinará un 18% máis no centro de formación "A Aixola", en Marín, que aposta por unha formación encamiñada ao apoio da diversificación económica nas zonas costeiras, "qué é a máis demandada e aplaudida".

De entre os máis de 1,6 millóns de euros destinados á investigación, Quintana quixo destacar a novidade de inclusión dos estudos socieconómicos, "polo que queremos apuntar a importancia de destinar 74.000 euros ao desenvolvemento da elaboración das táboas input-output da pesca galega".

Ampliación das zonas produtivas

A Xunta reforzará o seu apoio ao sector pesqueiro cun aumento dos fondos destinados a proxectos colectivos para ampliar as áreas produtivas: o orzamento recolle con este fin 4,5 millóns de euros. "Estes proxectos son propostos e executados polas propias entidades e repercuten directamente nos traballadores do mar", dixo a conselleira. A maiores, en breve comezará a funcionar a formula de reinstalación do marisco procedente das zonas C, que suporá 1,5 millóns de euros ao tempo que permitirá unha rebaixa do 88% no gasto anual de 11,5 millóns de euros que supoñían para a Administración o mantemento do estado destas zonas.

 

A conselleira definiu o presuposto da Consellería como comprometido co sector e "que plasma a coordinación entre as accións da Consellería e que da cohesión aos diferentes eidos do sector marítimo-pesqueiro. "Estamos nun contexto económico difícil, pero as cifras de 2010 chaman ao optimismo", dixo. Neste sentido, cabe salientar un aumento do valor en primeira venda dos produtos do mar frescos galegos nun 8% e no prezo medio dun 13% así como unha suba nas exportacións da conserva nun 6% e na industria do conxelado nun 10%. Isto pon de manifesto, segundo a conselleira, a mellora conseguida co apoio á política de mercados ou de transformación, que continuará no próximo exercizo.


Temas relacionados