Actualidade

[Nova2012]MEDIO RURAL DESTINA DOUS DE CADA TRES EUROS DOS SEUS ORZAMENTOS PARA 2012 A INVESTIMENTOS PRODUTIVOS

MEDIO RURAL DESTINA DOUS DE CADA TRES EUROS DOS SEUS ORZAMENTOS PARA 2012 A INVESTIMENTOS PRODUTIVOS

Santiago, 8 de novembro de 2011-. O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, presentou hoxe no Parlamento os presupostos do seu departamento para 2012, que ascenden a 524,62 millóns de euros, practicamente a mesma cantidade que no 2011 (525,04 millóns).

Do total dos orzamentos de Medio Rural para 2012, o correspondente aos capítulos VI e VII de gastos de capital (isto é, a investimentos produtivos) supón a maior parte, concretamente o 67,6%, con 345,9 millóns de euros, 1,5 millóns máis que no 2011.

Juárez explicou na Cámara galega que o presuposto contén unha clara aposta por continuar apoiando os investimentos en explotacións agrarias tendentes a mellorar as súas estruturas, xa que logo, a mellorar a súa competitividade.

Para o exercicio de 2012 as partidas que financian os plans de mellora e a incorporación de mozos se incrementan un 38,6%, pasando de 22 millóns en 2011 a 30,5 millóns en 2012. A Xunta de Galicia está facendo un gran esforzo neste capítulo, consciente da importancia de apoiar ás explotacións nos seus plans de investimento. No que vai de lexislatura pagáronse axudas para plans de mellora e incorporación de mozos por máis de 105 millóns de euros ata o día de hoxe.

Aumento da base territorial das explotacións

No presuposto de 2012 concederase tamén prioridade á liña de aumentar a base territorial das explotacións, con investimentos que a favorecen, dedicada á produción de pastos e forraxes. Neste senso, cobra especial importancia a posta en produción de superficies incultas ou infrautilizadas.

A loita contra o abandono das parcelas agrarias, xa sexan de vocación agrícola ou forestal, é unha constante no presuposto, e así o programa dedicado á mobilidade de terras agrarias improdutivas se incrementa nun 136%, pasando de 2,1 a 5,1 millóns de euros.

Fixar poboación no rural

O presuposto aposta tamén por apoiar as liñas de axudas a investimentos para axudar á fixación da poboación no medio rural, que se incrementan un 36%, pasando de 29,2 a 39,6 millóns de euros. Nestas liñas vanse priorizar os investimentos en servizos á poboación no rural, tales como garderías, centros de día, miniresidencias, vivendas tuteladas, etc.

Outra das liñas de acción para o 2012 será o apoio aos investimentos en I+D+i, en especial nas industrias agrarias e forestais, para a investigación e desenvolvemento de novos produtos e procesos. A dotación deste programa aumenta case un 10%, ao pasar de 11,9 a 13,1 millóns de euros.

Incremento en prevención e extinción de lumes forestais

En materia forestal, os programas de prevención e de extinción de incendios manteñen os orzamentos cun incremento do 1,11%, pasando de 146,5 a 148,1 millóns de euros. No que atinxe en particular á prevención dos lumes, o orzamento de 2012 engloba dous apartados: Por un lado, as actuacións a desenvolver directamente pola Consellería e, por outra banda, as partidas (que se incrementan) para realizar este tipo de accións en colaboración cos concellos, aumentando así a capacidade das actuacións de xestión da biomasa forestal. Considérase, neste sentido, que os municipios son os que precisan unha maior axuda para levar a cabo a prevención nos seus territorios, tendo en conta o actual contexto orzamentario restritivo, que lles está a resultar máis gravoso que a outras administracións.

Así, o presuposto global para prevención de incendios forestais increméntase case un 1,7%, ao pasar de 11,9 millóns en 2011 a 12,1 millóns no 2012.

Neste apartado de mellora de xestión da biomasa forestal, e por tanto tamén de prevención activa dos lumes, a principal novidade é o fomento ao lanzamento das primeiras sociedades de fomento forestal (Sofor), como fórmula para ir resolvendo a problemática do fraccionamento da propiedade dos montes, e o apoio ás comunidades de montes na ordenación do gando que pasta en semi-liberdade.

Planificación de espazos naturais

Por último, explicou o conselleiro na súa comparecencia, en materia de conservación da natureza se concede prioridade ao remate dos procesos de planificación dos espazos que están iniciados, tales coma o Plan Director da Rede Natura 2000 ou o Plan Reitor de Uso e Xestión (Prux) do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como ao proceso de ampliación da Rede Natura 2000 que está a piques de comezar.

Dentro do presuposto total da Consellería do Medio Rural para 2012, o 32,34% corresponde a gastos correntes. Desta porcentaxe o 85% destínase a gastos de persoal. Isto supón un 1,12% menos de gasto corrente respecto do ano anterior.


Temas relacionados