Actualidade

[Nova2012]HERNÁNDEZ PRESENTA UNS ORZAMENTOS PARA O ANO 2012 QUE PERMITIRÁN REMATAR ACTUACIÓNS EN MÁIS DE 150 QUILÓMETROS DE ESTRADAS E CONTINUAR CO ESFORZO NO SANEAMENTO DAS RÍAS

HERNÁNDEZ PRESENTA UNS ORZAMENTOS PARA O ANO 2012 QUE PERMITIRÁN REMATAR ACTUACIÓNS EN MÁIS DE 150 QUILÓMETROS DE ESTRADAS E CONTINUAR CO ESFORZO NO SANEAMENTO DAS RÍAS

Santiago, 28 de outubro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas disporá o vindeiro ano dun investimento de 1.187 millóns de euros (dos que 1.042 millóns corresponden a investimento productivo, tendo en conta os orzamentos do propio departamento e os dos organismos que dependen del (IGVS, Xestures, Augas de Galicia, Sogama), xunto coas anualidades correspondentes ao financiamento extraorzamentario (colaboración público-privada e SPI). Esta cifra supón na práctica manter o nivel de investimento en obra pública do ano 2011.

Así o manifestou hoxe o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, na Comisión 3ª do Parlamento, onde compareceu para dar conta dos os orzamentos que xestionará o seu departamento para no ano 2012.

Nun marco caracterizado pola diminución dos recursos propios e a indefinición estatal sobre os ingresos dispoñibles, o conselleiro salientou que o orzamento da Consellería "tratará de aproveitar ao máximo o capital dispoñible para asegurar a dotación das infraestruturas e garantir a solvencia e a sostibilidade do sector público ". Explicou que os presupostos para vindeiro ano permitirán rematar actuacións en máis de 150 quilómetros de estradas, dos que 80 quilómetros corresponden a viais de novo trazado. Ademais poranse en servizo 13 novas depuradoras e iniciarase a construción de 8 novas edares, entre outras actuacións.

Hernández puxo en valor o esforzo que se continuará a facer dende a súa consellería durante o ano 2012 para diminuír o gasto corrente e de persoal (capítulos I, II e IV) en 5,3 millóns de euros (un 7,3% menos que en 2011) e priorizar os investimentos (capítulos VI e VII). Salientou que dende o ano 2009 ao 2012 a redución de gastos de persoal e correntes da Consellería máis o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e Augas de Galicia acadaron máis de 70 M/€ (máis de 11.600 millóns/ptas), cunha redución de case o 45%.

Xunto co mantemento do investimento produtivo, situou a mellora da xestión como outra das pezas clave do orzamento 2012 no que se poñen en marcha dúas novas axencias (Axencia Galega de Infraestruturas e a nova entidade pública Augas de Galicia) co obxectivo de mellorar os niveis de servizo e de eficiencia nas áreas relativas ás infraestruturas viarias e hidráulicas.

Urbanismo

A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo disporá o vindeiro ano dun orzamento de 16 millóns de euros, que posibilitará avanzar en investimentos como a construción do auditorio de Lugo, cunha anualidade de 3,7 M/€ , ou a urbanización de rúas como a de Xulian Valverde en Baiona (1,2 M/€).

Ademais, ás axudas á redacción de planeamento municipal destínanse 2,1 M/€, para continuar coas axudas plurinuais das que se están a beneficiar actualmente 236 concellos (75% do total ) cun investimento total de 48,4 M € (26 M/€ xa aboados e 22,4 M/€ comprometidos entre as anualidades 2011-2015).

En materia de subvencións para actuacións en contornos urbanos (Plan hUrbe) destínanse 6,7 M/€. Entre as actuacións principais que serán financiadas con cargo a este concepto sitúanse a urbanización das rúas Manuel Álvarez, Severino Cobas e Escultor Gregorio Fernández en Vigo, cunha anualidade de 2,6 M/€, e outras actuacións en diferentes concellos do rural.

Calidade e Avaliación Ambiental

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental xestionará case 22 millóns de euros para dar continuidade á progresiva implantación do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2020, cun investimento de 7,6 M/€ para a ampliación da rede de puntos limpos de xestión municipal, a potenciación da autocompostaxe e a mellora, en cantidade e calidade, da recollida selectiva de envases. A avaliación e control ambiental, a través da que se controla a calidade do aire e calquera tipo de contaminación, especialmente a industrial, suporá un investimento de 4,1 M/€. Tamén destinaranse 7 M/€ ao programa de investimentos ambientais nas empresas de Galicia, dirixidas fundamentalmente á redución de residuos e de emisións de gases efecto invernadoiro.

Sogama

Tras o esforzo desenvolvido na vixente lexislatura para subsanar os graves problemas que a acuciaban a Sogama dende o punto de vista ambiental e económico, os orzamentos para 2012 pretenden marcar un punto de inflexión con vistas á recuperación dos resultados positivos mediante o incremento dos ingresos por venta da enerxía, avanzando na solución das dificultades de cobramento do canon do tratamento de residuos ás entidades locais.

Mobilidade

A Dirección Xeral de Mobilidade disporá de 12,5 M/€ para desenvolver os seus programas, entre os que destaca a partida de 6,2 M/€ para o transporte metropolitano de Galicia. As axudas ao sector do transporte público, ben destinadas á reestruturación do sector do transporte de mercadorías por estrada, por un importe global de 400.000 €, ou ben á formación de transportistas, por un importe de 500.000 €, supoñen outra liña orzamentaria. Ademais, destínanse 1,56 M/€ para proseguir os traballos de construción do acceso á plataforma loxística de Salvaterra - As Neves (PLISAN), e 1 M/€ para proseguir os estudos para a implantación dos metros lixeiros nas cidades de Vigo, A Coruña e Santiago.

Sostibilidade e Paisaxe

A Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe porá en marcha en 2012 a Estratexia Galega da Paisaxe, que se converterá nuns dos eixos vertebradores deste centro directivo. Daranse novos pasos na elaboración da información territorial de Galicia, na Cartografía Lidar e no Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), así como no asesoramento aos concellos galegos en materia de xestión do territorio. O investimento en 2012 suporá 1,6 millóns de euros.

Infraestruturas

A xestión en materia de infraestrutura viaria para o ano 2012 levarase a cabo a través da Axencia Galega de Infraestruturas que entrará en funcionamento en xaneiro do vindeiro ano. Esta axencia asumirá a tutela funcional da SPI. A Axencia xestionará no seu primeiro ano un importe de 665,85 millóns de euros en obra pública, contando os orzamentos propios (268,91 millóns de euros) e o extraorzamentario (396,94 millóns).

A nova estrutura organizativa da axencia terá como obxectivos principais para o ano 2012 a blindaxe do mantemento e conservación da rede autonómica de estradas, asegurar o Plan de Vialidade Invernal e rematar as obras que están en marcha, tendo especial atención ás infraestruturas estratéxicas. Ademais, ao longo de 2012 remataranse actuacións en mais de 150 quilómetros de novas estradas, dos que 80 quilómetros corresponden a novos viais que se porán en servizo.

Tamén cabe resaltar para o ano 2012 o importante avance das obras da autovía da Costa da Morte, con máis de 142 M/€ que se prevén executar; o remate e posta en servizo da autovía entre a Ourense e Celanova e a continuación doutras importantes actuacións estruturantes, entre elas:

  • O corredor Ferrol-San Cibrao
  • A Terceira Rolda da Coruña
  • O corredor Sarria-Monforte (1º tramo Sarria-Noceda en servizo en 2012)
  • A Variante de Noia
  • Ou o acceso á PLISAN en Salvaterra

Augas de Galicia

Os orzamentos da nova Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia elévanse a 106,4 millóns de euros e destinaranse e ao cumprimento do programado no Plan de Infraestruturas Hidráulicas.

Para o saneamento das rías galegas resérvase un investimento de 24 M€, destacando actuacións que entrarán en servizo no mesmo ano 2012, como as EDAR do Grove e Ribadumia, e novas EDAR a iniciar como as de Tarrío (Porto do Son), Raxó (Poio – Sanxenxo) ou Gandarío (Bergondo). Ademais, iniciaranse actuacións correspondentes aos Plans de Saneamento Local da ría do Burgo e da ría de Arousa.

O orzamento total en materia de saneamento ascenderá a 40 millóns de euros. Ademais do indicado, inclúense actuacións que dan continuidade aos convenios para o saneamento do rural de Marín, Pontevedra e a execución de colectores no sistema se saneamento do Louro. Engádense ademais depuradoras como a da Baña e Negreira, instalacións tan importantes como o tanque de tormentas de Vilalba e actuacións do Plan Umia como a reforma da rede de colectores de Cuntis.

Os orzamentos contemplan tamén o previsto no Plan Auga, con 13,5 M€ destinados a infraestruturas de abastecemento. Inclúense partidas para a ETAP de Monforte de Lemos, o abastecemento de Ames – Brión, a ETAP de Caldas ou a mellora do abastecemento de Ribadeo, entre outros proxectos.

O control da calidade das augas e planificación hidrolóxica terá un investimento de 3,6 M€, co que se mantén o esforzo para estar ao día nesta materia, mentres que ao control de vertidos e planificación do saneamento das rías dedícanse 4,3 M€, co que se permite que o Plan de Control de Vertidos manteña a mesma intensidade e eficacia.

Para a explotación de EDAR por parte da Xunta de Galicia asígnanse 7,6 M€ o que sumados aos 8 M€ asignados ás concesións de obra pública para o ano 2012 permitirá explotar 26 depuradoras a finais do ano, incluíndo a posta en servizo de todo o sistema de saneamento da marxe sur da ría de Ferrol e norte da ría de Ares.

Vivenda e Solo

Para os programas que se desenvolven a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo e as Xestures destínanse 200 millóns de euros, que permitirán, entre outras cuestións, o mantemento das liñas de rehabilitación, incrementado de maneira notable os fondos destinados a actuacións directas do IGVS (pasan de 3,9 M/€ a máis de 4,7 M/€, cun incremento do 19,5 %). Tamén se incrementan os fondos autonómicos para áreas de rehabilitación (7,42 M/€), mentres se reducen os estatais.

Os fondos autonómicos destinados a axudas para adquisición de vivenda pasan de 1,49 a 3,94 M/€, e os de promoción de aloxamentos protexidos de 1,12 a 2,94 M/€. Tamén aumentan os orzamentos para actuacións directas de solo residencial por parte do IGVS (de 4,01 M/€ a 5,33 M/€).

Por último, o orzamento do IGVS xunto co das empresas públicas Xestur permitirá executar en 2012 obras de urbanización en preto de 4,5 millóns de m2 de solo empresarial.


Temas relacionados