Actualidade

[Nova2012]FERNÁNDEZ CURRÁS LAMENTA QUE O ANTERIOR GOBERNO SE ENDEBEDASE NA ÉPOCA DE BONANZA E CONSOLIDASE GASTO ESTRUTURAL

FERNÁNDEZ CURRÁS LAMENTA QUE O ANTERIOR GOBERNO SE ENDEBEDASE NA ÉPOCA DE BONANZA E CONSOLIDASE GASTO ESTRUTURAL

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2011.- A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, lamentou hoxe que o anterior Goberno autonómico se endebedase na época de bonanza e consolidase gasto estrutural en lugar de empregar os ingresos extraordinarios, que creceron máis dun 7% de media anual na pasada lexislatura,  para amortizar débeda.

No transcurso do debate de totalidade do proxecto de Orzamentos, en sesión plenaria, Marta Fernández Currás reiterou que agora lle toca ao actual Executivo autonómico pagar os excesos da etapa anterior, nun momento no que os ingresos caen nunha media anual do 5,4%.

A titular de Facenda apuntou que, de aplicarse a regra fiscal que limita o gasto non financeiro na pasada lexislatura, o volume de endebedamento público sería de 2.000 millóns de euros menos, o que suporía 3,7 puntos menos na ratio débeda/PIB, co que Galicia sería a cuarta comunidade con menor ratio, moi por debaixo da media actual das autonomías.

Fernández Currás puxo en valor as políticas de control do gasto público nos dous primeiros anos de lexislatura e resaltou que, grazas a esta xestión, Galicia é a comunidade española na que menos diminúen os investimentos reais para 2012, un 2,9%, fronte a unha caída do 11,5% de media nas autonomías que teñen presentadas as contas para o vindeiro exercicio.

A titular de Facenda tamén rexeitou unha suba impositiva e formulou como alternativa mellorar a eficiencia dos impostos. Ante a complicada situación financeira, considerou necesario manter un sistema fiscal estable, neutral e eficiente.

 

Fernández Currás asumiu que o paro está medrando tanto en Galicia como en España, pero salientou que o diferencial en taxa de desemprego séguese mantendo, e mesmo aumentou no terceiro trimestre do ano, e lembrou que se España tivese o índice galego habería un millón menos de parados.


Temas relacionados