Skip to Content

Decreto 156/2002, de 18 de abril, polo que se establecen os prezos públicos dos conservatorios de música, centros autorizados de música, conservatorios de danza, centros autorizados de danza, escolas oficiais de idiomas e Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. (DOG nº 85, de 3 de maio de 2002)

O artigo 3 da Lei 8/1987, do 25 de novembro (DOG do 20 de xaneiro de 1988), establece que constitúe o feito impoñible das taxas académicas a prestación polos centros públicos dos servizos que figuran no artigo 6 desta lei, correspondentes ás escolas de idiomas e conservatorios de música, así como a outras modalidades e centros de estudio que no futuro poidan existir en Galicia, tales como escolas de arte dramática, danza, canto, cerámica e restauración.

Por outra parte, a Lei orgánica 1/1989, do 13 de abril (BOE do 15 de abril), que modifica os artigos 4 e 7 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro , de financiamento das comunidades autónomas (BOE do 1 de outubro), outórgalles ás referidas taxas a consideración de prezos públicos e vén determina-la competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia para establecer e regula-las taxas e prezos públicos por seren recursos propios sobre a base das competencias transferidas.

A norma que determina estes prezos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia é o Decreto 60/1994, do 25 de marzo, polo que se establecen os prezos públicos das escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, conservatorios de danza e Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais (DOG do 8 de abril).
A antigüidade desta norma, xunto coa necesidade de establece-los distintos conceptos dos prezos públicos en euros, tendo en conta a entrada en vigor da moeda única europea, fan preciso fixar de novo estes prezos mediante a publicación do correspondente decreto.

Tampouco se pode esquece-la extinción do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e de danza anteriores á LOXSE, polo que cómpre suprimi-los prezos públicos previstos na normativa anterior para estas ensinanzas, e a implantación do grao superior de música da nova ordenación do sistema educativo na Comunidade Autónoma de Galicia, para o que non estaban previstos os prezos públicos, o que fai preciso establecer unha nova norma que os determine.
Os prezos públicos regulados neste decreto serán de aplicación nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os alumnos dos centros autorizados deberán aboa-los conceptos de inscrición por primeira vez e servizos xerais, dado que estes centros están adscritos para efectos administrativos a un centro público, de acordo co establecido na disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas (DOG do 11 de outubro). Así mesmo, os alumnos que cursen estudios en conservatorios non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria deberán aboa-lo concepto de inscrición por primeira vez no grao medio polos servizos académicos prestados previstos no capítulo III da Orde do 19 de decembro de 1996  (DOG do 17 de xaneiro de 1997).

Na súa virtude, e de conformidade co previsto no artigo 12 da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 13 de decembro), por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda e do Consello Escolar de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1.

O presente decreto establece a contía dos prezos públicos correspondentes ás ensinanzas regradas de música, danza, idiomas e conservación e restauración de bens culturais na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2.

Nos conservatorios de música e nos conservatorios de danza dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os prezos públicos das ensinanzas regradas previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro), serán os seguintes:

  • Grao elemental.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Matrícula de curso completo:
      90 euros.
    • Matrícula de disciplinas soltas:
      30 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.
  • Grao medio.
    • Proba de acceso:
      30 euros.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Matrícula de curso completo:
      150 euros.
    • Matrícula de disciplinas soltas:
      45 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.
  • Grao superior.
    • Proba de acceso:
      60 euros.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Matrícula de curso completo:
      361 euros.
    • Matrícula de disciplinas soltas:
      60 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.

Os alumnos que cursen simultaneamente dúas especialidades aboarán os prezos públicos correspondentes a un curso completo mailos das materias soltas que sexan necesarias para complementa-la outra especialidade, non debendo aboa-los prezos públicos das materias comúns nesta segunda especialidade.

Cando un alumno se matricule en disciplinas soltas correspondentes a un mesmo curso do grao superior de música, o importe da matrícula non poderá excede-lo fixado para o curso completo.

Artigo 3.

Nas escolas oficiais de idiomas a contía dos prezos públicos para os conceptos e ensinanzas será a que se indica a continuación:

  • Alumnos oficiais.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Matrícula de disciplinas soltas:
      45 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.
  • Alumnos libres.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Dereitos de exame por disciplinas:
      15 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.
  • Exame de reválida ou aptitude.
    • Alumnos oficiais e libres:
      42 euros.
  • Cursos monográficos:
    por mes, 42 euros.

Artigo 4.

Na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia a contía dos prezos públicos para os conceptos e ensinanzas será a que se indica a seguir:

  • Preinscrición exame de ingreso:
    38 euros.
  • Inscrición por primeira vez:
    19 euros.
  • Servizos xerais:
    11 euros.
  • Matrícula de curso completo:
    188 euros.
  • Matrícula de disciplinas soltas:
    38 euros.
  • Prezos por validación de disciplinas:
    6 euros.

Cando un alumno se matricule en disciplinas soltas correspondentes a un mesmo curso, o importe da matrícula non poderá excede-lo fixado para o curso completo.

Artigo 5.

Os alumnos que cursen estudios en centros autorizados de música ou de danza aboarán as tarifas correspondentes ós conceptos de inscrición por primeira vez, no primeiro ano, e servizos xerais, cada curso, determinadas no artigo segundo do presente decreto.

Artigo 6.

Os alumnos que cursen estudios en conservatorios de música ou de danza non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria aboarán a tarifa correspondente ó concepto de inscrición por primeira vez no grao medio, determinada no artigo segundo deste decreto.

Artigo 7.

Para a liquidación dos prezos seguirase o procedemento regulado no Decreto 172/1992, do 26 de xuño , polo que se ditan normas para a xestión, liquidación e recadación das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 30 de xuño).

Os alumnos poderán aboa-la totalidade dos prezos públicos no momento de formaliza-la matrícula, ou ben fracciona-lo pagamento en dous prazos: 50% no momento de formaliza-la matrícula e o resto durante o mes de xaneiro do ano seguinte. En todo caso, deberá indicarse no impreso correspondente a opción elixida.

A falta de pagamento do segundo prazo dos prezos públicos, cando se opte por fraccionar este, producirá automaticamente a anulación da matrícula en tódalas disciplinas e suporá a perda das cantidades correspondentes ó primeiro prazo dos prezos públicos. Neste suposto o alumno será notificado previamente para que, no prazo improrrogable de 15 días hábiles, realice o pagamento.

Artigo 8.

As modalidades de matrícula gratuíta ou bonificada serán as seguintes:

  1. Por matrícula de honra.
    Naquelas ensinanzas en que estea prevista a posibilidade de obter matrícula de honra, os alumnos que obteñan esta cualificación nunha ou máis disciplinas terán dereito á matrícula gratuíta no mesmo número de disciplinas do curso seguinte. A devandita gratuidade pódese aplicar unicamente a disciplinas de nova matriculación correspondentes ás mesmas ensinanzas e plan de estudios.
  2. Por beneficiario de familia numerosa.
    Os membros das familias numerosas terán dereito á obtención das bonificacións e exencións establecidas pola lexislación vixente. Deberán acredita-la súa condición mediante a exhibición do título de beneficiario no momento de formaliza-la matrícula.
  3. Funcionarios e persoal laboral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:
    1. Terán matrícula gratuíta os funcionarios e o persoal laboral desta consellería, os seus fillos, xa sexan naturais ou por adopción, así como aqueloutras persoas que teñan legalmente ó seu cargo.
    2. Para poder obte-la matrícula gratuíta o funcionario ou contratado laboral ten que atoparse en activo no momento da matriculación.
    3. Tamén terán matrícula gratuíta os orfos de funcionarios e de empregados laborais sempre que acrediten que o funcionario ou contratado laboral faleceu estando en situación de servizo activo.
    4. Os fillos, orfos, e as persoas legalmente ó cargo do funcionario ou empregado laboral, para poder acceder a esta bonificación deberán ser menores de 25 anos e non estaren emancipados.
    5. A gratuidade da matrícula aplicarase unicamente a materias de nova matriculación.
    6. Os beneficiarios desta bonificación deberán aboa-los conceptos de inscrición por primeira vez e servizos xerais.
  4. Os beneficiarios de bolsas ou axudas ó estudio de carácter xeral, obtidas ó amparo do establecido no Real decreto 2298/1983, do 28 de xullo, polo que se regula o sistema de bolsas e outras axudas ó estudio de carácter personalizado (BOE do 27 de agosto), non aboarán cantidade ningunha polos conceptos establecidos no presente decreto, incluíndo a inscrición por primeira vez e os servizos xerais.

Os alumnos que no momento de formaliza-la matrícula se acollan á exención de prezos por teren solicitado a concesión dunha bolsa de estudios e ós que posteriormente non se lles concedese esta, estarán obrigados ó aboamento dos prezos públicos. Non efectua-lo pagamento produciría automaticamente a anulación de matrícula en tódalas disciplinas.

Disposición transitoria.

Mentres non se extingan totalmente as ensinanzas do grao superior de música anteriores á Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os prezos públicos destas ensinanzas nos conservatorios de música dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria serán:

  • Alumnos oficiais do plan 1966.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Matrícula de disciplinas soltas:
      45 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.
  • Alumnos libres do plan 1966.
    • Inscrición por primeira vez:
      19 euros.
    • Servizos xerais:
      11 euros.
    • Disciplinas soltas:
      23 euros.
    • Prezos por validación de disciplinas:
      6 euros.

Os alumnos que cursen estes estudios en centros autorizados de música aboarán as tarifas correspondentes ós conceptos de inscrición por primeira vez, no primeiro ano, e servizos xerais, cada curso, determinados nesta disposición transitoria.

As bonificacións e exencións establecidas no artigo 8º deste decreto seranlle de aplicación ós alumnos que cursen as ensinanzas previstas nesta disposición transitoria.

Disposición derrogatoria.

Queda derrogado o Decreto 60/1994, do 25 de marzo, polo que se establecen os prezos públicos das escolas oficiais de idiomas, conservatorios de música, conservatorios de danza e escola de conservación e restauración de bens culturais (DOG do 8 de abril).

Disposicións derradeiras.

Primeira.

Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dita-las normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

modelo-data-publicacion

24/10/2008

modelo-tipo-disposcion

selector-acordo

modelo-tipo-contido

selector-axuda

modelo-orixe

selector-autonomica