Volver ao contido

Novidades

A ATRIGA e o Instituto de Estudos do Territorio poñen en marcha o ‘visor de bens inmobles’ para facilitar a valoración web de parcelas catastrais

A ATRIGA e o Instituto de Estudos do Territorio poñen en marcha o ‘visor de bens inmobles' para facilitar a valoración web de parcelas catastrais

  • Este visor público está dispoñible desde hoxe na web de ambos os dous organismos 
  • Permite representar xeograficamente unha ou varias referencias catastrais sobre múltiples capas de información territorial útiles para realizar unha correcta valoración
  • O ano pasado realizáronse máis de 288.000 valoracións de bens por internet

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021.- A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) e o Instituto de Estudos do Territorio (IET) veñen de poñer en marcha o visor de bens inmobles co fin de facilitar á poboación a valoración web de parcelas catastrais. 

Este visor público está dispoñible desde hoxe na páxina web de ambos os dous organismos e poderá ser empregado de xeito gratuíto por calquera cidadán que o precise, toda vez que o ano pasado se realizaron un total de 288.811 valoracións de bens por internet.

A Axencia Tributaria de Galicia pon á disposición de todos os cidadáns os medios para que estes poidan exercer o seu dereito a ser informados dos valores dos bens inmobles que vaian ser obxecto de adquisición ou transmisión conforme á Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

A finalidade deste visor é poder consultar e obter toda a información relacionada cos valores dos bens inmobles. Neste sentido, permite representar xeograficamente unha ou varias referencias catastrais sobre múltiples capas de información territorial útiles para realizar unha correcta valoración. Esta información inclúe desde a ubicación (lugar ou parroquia); a ordenación urbanística; ferramentas de medida; superposición coa cartografía catastral ou mesmo fotos aéreas.

Aquelas persoas interesadas en consultar o novo visor público de bens inmobles da Axencia Tributaria de Galicia e do Instituto de Estudos do Territorio, poden acceder a través do seguinte enlace: http://mapas.xunta.gal/visores/atriga/?locale=gl.