Volver ao contido

Notas de prensa

3.462 parroquias beneficiaranse da rebaixa fiscal para adquirir unha vivenda habitual no rural, o 94% do territorio de Galicia

3.462 parroquias beneficiaranse da rebaixa fiscal para adquirir unha vivenda habitual no rural, o 94% do territorio de Galicia

  • A Xunta eliminará os impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade
  • O 62% das parroquias beneficiadas atópanse nas provincias de Lugo e Ourense
  • Esta rebaixa fiscal aplicarase en todas as parroquias galegas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas, co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas
  • Ademais, a bonificación fiscal complementa o programa de impostos cero no rural aprobado pola Xunta de Galicia en 2016

Un total de 3.462 parroquias poderán beneficiarse da rebaixa fiscal para adquisición de vivenda habitual dos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade no eido rural. Así, a Xunta vai eliminar os impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para estes colectivos no 91,3% das parroquias de Galicia, que representan preto do 94% da superficie da Comunidade.

Así se recolle nun informe sobre a rebaixa selectiva de impostos no ámbito rural para evitar o despoboamento presentado hoxe polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na reunión do Consello da Xunta. Esta rebaixa fiscal aplicarase en todas as parroquias galegas cualificadas como Zonas Pouco Poboadas, é dicir, aquelas nas que é máis necesario recuperar poboación co obxectivo de dinamizar as zonas menos habitadas.

En concreto, o 36,1% das parroquias beneficiadas por esta bonificación fiscal pertencen á provincia de Lugo (1.251); o 25,9% á de Ourense (895); o 23,5% á provincia de A Coruña (813) e 14,5% á de Pontevedra (503).

Metodoloxía
Para a elección das zonas pouco poboadas e das parroquias que se beneficiarán da rebaixa fiscal, tomouse como referencia unha estatística do Instituto Galego de Estatística (IGE) que clasifica as parroquias galegas segundo o seu grao de urbanización.

O grao de urbanización é unha variable xa utilizada por organismos estatísticos internacionais como Eurostat, que clasifica os territorios en tres categorías segundo o seu carácter urbano ou rural: zonas densamente poboadas (ZDP), zonas intermedias (ZIP) e zonas pouco poboadas (ZPP).

Programa ‘impostos cero'
Esta baixada fiscal complementa o programa de impostos cero no rural aprobado pola Xunta de Galicia en 2016. A medida ten como obxectivo favorecer a mobilidade de terras, propiciando a súa transmisión ao sector agrario, e facilitar que as explotacións accedan ao solo agrario con menos custe.

Grazas a este programa, máis de 8.000 contribuíntes non pagaron imposto sobre transmisións patrimoniais e imposto de actos xurídicos documentados en 2016, o primeiro ano de aplicación deste programa. En concreto, 8.078 galegos non pagaron estes impostos no momento de adquirir un ben rústico ou ampliar unha explotación agraria.