O Consello Reitor
Presentación
O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Tributaria de Galicia ao cal corresponde establecer as directrices de actuación de acordo coas emanadas da consellería competente en materia de facenda.
O Consello Reitor está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e seis vogais. Os membros do Consello Reitor son nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda.
Son membros do Consello Reitor:
- A persoa titular da Presidencia da Axencia Tributaria de Galicia, que preside o Consello Reitor.
- A persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, a quen corresponde a vicepresidencia do Consello Reitor.
- A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de patrimonio.
- A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de orzamentos.
- A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia.
- A persoa titular do órgano de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de función pública.
- A persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.
- A persoa titular da Dirección Xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.
Os membros do Consello Reitor poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen designe a persoa titular da consellería competente en materia de facenda.
Exercerá a función de secretario, con voz pero sen voto, a persoa que designe o Consello Reitor de entre o persoal da Axencia Tributaria de Galicia.
O Consello Reitor reunirase, en sesión ordinaria, polo menos unha vez ao trimestre e, en sesión extraordinaria, sempre que a convoque a persoa titular da Presidencia, por iniciativa propia ou por pedimento da persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia ou da metade máis un dos seus membros.
A convocatoria, con expresión da orde do día, será notificada polo secretario, por orde da Presidencia, cunha antelación mínima de setenta e dúas horas de antelación á data de celebración da sesión, e incorporará a orde do día dos asuntos que se van tratar. En casos de urxencia poderá convocarse a sesión cunha antelación non inferior a vinte e catro horas e non será preceptiva a orde do día.
Para a válida constitución do Consello Reitor, ademais do presidente e do secretario ou de quen os substitúa, deberán estar presentes, na primeira convocatoria, a metade dos seus membros e, na segunda convocatoria, a terceira parte deles.
Os acordos do Consello Reitor adoptaranse por maioría dos seus membros presentes ou representados e, en caso de empate, a persoa titular da Presidencia terá o voto de calidade.
Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustaranse ao disposto no Regulamento de réxime interno; na Lei reguladora da organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Poderán asistir, con voz pero sen voto, ás sesións do Consello Reitor todas aquelas persoas que sexan convocadas pola persoa titular da Presidencia en calidade de persoas expertas en relación coas materias incluídas na orde do día, para as cales o seu criterio e asesoramento sexa relevante.
A pertenza ao Consello Reitor non xera dereitos laborais nin económicos.