Xunta e universitarios séniors colaboran para formar a persoas maiores no uso da banca dixital
- O proxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, proporciona capacitación sobre os usos máis frecuentes da banca electrónica sobre todo nos ámbitos rurais
- As sesións formativas desenvolveranse tanto de xeito presencial como online a través da colaboración de distintos centros, entre os que se atopa a rede CeMIT
- Máis de 4.500 persoas poderán recibir formación grazas a esta iniciativa, que comezará en setembro
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024.- A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), renovan a súa colaboración para o desenvolvemento de actividades de capacitación dixital dirixidas a persoas maiores sobre algúns dos usos máis habituais e prácticos da Banca online. Esta actividade, que inclúe formación sobre o uso dos caixeiros automáticos ou a realización de pagos co móbil, enmárcase no proxecto de "Aliados Dixitais" do Plan DigiTalent 2030.
A iniciativa arrincou hoxe cunha sesión informativas online, dirixida aos dinamizadores das aulas da Rede CeMIT. A actividade formativa dirixida a persoas maiores comezará o 12 de setembro.
O obxectivo é o de reducir a fenda dixital e promover a autonomía persoal e de envellecemento activo entre as persoas maiores, así como asegurar que todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia, teñan acceso ás ferramentas e coñecementos necesarios para participar plenamente na sociedade dixital.
Dentro desta programación está prevista a realización de 5 actividades formativas online de 60 minutos de duración, así como sesións presenciais a través de rutas por zonas rurais das catro provincias galegas.
Ditas actividades serán emitidas en directo a través de Internet, co obxectivo de achegarse de forma específica e a través da tecnoloxía aos maiores das contornas rurais. Na iniciativa participan as entidades sociais e colaboradoras de FEGAUS, así como os Centros de capacitación dixital da cidadanía da rede CeMIT, as asociacións que integran a federación e outras asociacións de maiores de Galicia.
Os seminarios complementaranse con actividades adicionais e a accesibles, como a creación dun Podcast, arquivo de audio sobre os temas principais tratados nas sesións de inspiración, pequenos vídeos e experiencias de xogos para fomentar o desenvolvemento cognitivo das persoas participantes. Os contidos formativos preséntanse de xeito ameno e sinxelo e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido.
ACTIVIDADE | LOCALIDADE | DATA | HORARIO |
Compras online no teu día a día: supermercados e hostalería a un click | CEMIT Arzúa | xoves, 12 de setembro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
Interactúa co teu banco mediante a Intelixencia Artificial | CEMIT A Estrada | martes, 24 de setembro de 2024 | 17:00 a 18:00 |
Coñece os teus dereitos como usuario na era da banca dixital | CEMIT Leiro | venres, 4 de outubro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
Renting de coches e outros servizos que tamén che ofrece a túa banca online | CEMIT A Estrada | xoves, 10 de outubro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
Como contratar seguros e pedir préstamos a través do teu teléfono | CEMIT Vigo | luns, 14 de outubro de 2024 | 12:00 a 13:00 |