Skip to Content

Notas de prensa

TPV virtual, pago en conta e bizum son as canles máis empregadas polos cidadáns galegos para saldar as súas débedas tributarias

TPV virtual, pago en conta e bizum son as canles máis empregadas polos cidadáns galegos para saldar as súas débedas tributarias

  • A Xunta continúa habilitando novas formas de pago para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a todos os galegos e galegas
  • O pagamento mediante xiro postal veu cubrir o oco que existía no medio rural para realizar este tipo de trámites

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2024.- TPV virtual, pago e conta e bizum son as canles máis empregadas polos cidadáns galegos para saldar as súas débedas tributarias. Así se desprende dun informe presentado ao Consello de goberno polo conselleiro de Facenda e Administración Pública no que se realiza un balance dos medios de pago habilitados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) nos últimos anos e do seu uso.

O informe constata que a Xunta continúa habilitando novas formas de pago para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias a todos os galegos e galegas, un compromiso que o Goberno galego está a cumprir. Deste xeito, a través da Atriga, reforza e avanza na información e asistencia aos contribuíntes ademais acercar ao cidadán a xanela para realizar o pagamento dos seus tributos.

Transferencia bancaria e xiro postal
A transferencia bancaria é o método habilitado de xeito máis recente e permite que todos os cidadáns que non teñan unha conta aberta en entidades colaboradoras poidan realizar o pagamento das débedas coa facenda galega de xeito sinxelo. 

Pola súa banda, a utilización do xiro postal habilitouse pensando en dar servizo aos cidadáns que viven no medio rural, que tiñan máis dificultades para acceder a unha oficina bancaria.

As canles en cifras
O pagamento a través do TPV virtual a través da Oficina Virtual Tributaria (OVT) supuxo un gran avance, ao permitir o uso da tarxeta de crédito ou débito de calquera entidade bancaria e evitar desprazamentos aos usuarios. No ano 2023 realizáronse máis de 221.000 operacións cun importe por riba dos 12 M€ e neste ano, ata o 31 de agosto, van xa preto de 215.000 operacións por importe de algo máis de 11 M€.

A domiciliación bancaria é, desde a súa posta en marcha no ano 2020 unha das opcións máis usadas polos contribuíntes para o pagamento dos seus impostos autonómicos. Desde entón ata agosto desde ano 2024 ordenáronse máis de 51.000 domiciliacións por un importe próximo aos 200 M€.

En abril do ano pasado, a Atriga estableceu o uso da plataforma Bizum como canle de pago de tributos. Desde a súa implantación ata agosto desde ano, realizáronse preto de 73.000 operacións por este método, por importe de máis de 3 M€.

Outras formas de pago
Desde o ano 2022, é posible utilizar, ademais dos TPVs virtuais, os TPVs físicos nas delegacións territoriais da Atriga para o pagamento do Imposto de Sucesións e Doazóns (ISD) e do imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD), o que facilita a resolución do trámite nunha soa visita á oficina, en lugar de ter que pasar antes por unha entidade bancaria.

Tamén se poden aboar os impostos a través dos caixeiros automáticos dalgúns bancos e a Atriga traballa para estendelo a máis entidades colaboradoras.