Skip to Content

Notas de prensa

Os contribuíntes galegos xa se están a beneficiar das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos

Os contribuíntes galegos xa se están a beneficiar das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos

  • A Xunta colabora con 36 funcionarios na campaña de atención aos contribuíntes para a elaboración da renda 2023

Ferrol (A Coruña), 3 de xuño de 2024.- Os contribuíntes galegos xa se benefician desde o pasado mes de abril, cando se iniciou a Campaña da Renda 2023, das medidas de alivio fiscal postas en marcha en Galicia para loitar contra a suba de prezos. 

Neste sentido, Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en equiparar fiscalmente no IRPF ás familias de dous fillos coas familias numerosas. Deste xeito, nesta declaración da renda as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, un incentivo que ata o de agora tiñan as familias numerosas (250€ as de categoría xeral e 400€ as de especial) que agora se dobra para as familias de tres fillos (500€). Esta cantidade increméntase noutros 250€ por cada fillo a maiores (a partir de tres). En total serán case 190.000 familias, entre numerosas e con dous fillos, as que resulten beneficiadas na súa declaración.

Ademais, os contribuíntes galegos estanse a beneficiar xa da deflactación dos tres primeiros tramos autonómicos do IRPF, da rebaixa do primeiro tramo e do incremento dos mínimos persoal e familiar. O obxectivo destas medidas é mitigar os efectos da inflación da renda dispoñible das familias e reforzar o impulso da reactivación económica. 

Desta forma, benefícianse todos os contribuíntes e, de maneira especial, as rendas medias e baixas. Así, grazas a todas estas medidas, sumadas as que xa estaban en vigor con anterioridade, permitirán que un contribuínte galego aforre de media, na súa declaración da renda, 476 euros en relación ao que pagaba no ano 2009.

Colaboración da Xunta
A Xunta colabora con 36 empregados públicos para reforzar o servizo de atención aos contribuíntes na Campaña da Renda 2023, aos que se suman outros seis funcionarios da Administración galega que realizan labores de coordinación. Desas 36 persoas, dúas corresponden á cidade de Vigo; dúas á de Pontevedra; seis á de Coruña, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela, respectivamente; e oito á de Ourense.

Durante a presentación da evolución da campaña da Renda 2023 polo delegado especial da Agencia Estatal de Administración Tributaria en Galicia, Miguel Cárcaba, a directora da Axencia Tributaria de Galicia, Sonia Lafont, recordou que a Xunta de Galicia ven colaborando coa Axencia estatal dende o 2008 e a Atriga dende a súa creación e que nas últimas 4 campañas as asistencias realizadas aumentaron case un 76%. Lembrou Lafont que a Atriga colabora tamén tanto na asistencia presencial como telefónica, a través do Plan Chamámoslle coa novidade, este ano, da nova prestación de asistencia especial para maiores de 65 anos, a través da videoasistencia. 

A directora da Axencia Tributaria de Galicia valorou moi positivamente a colaboración que a Comunidade realiza xunto coa AEAT. Así, na última campaña o número de asistencias prestadas incrementouse un 76%, pasando das 15.722 na campaña IRPF 2019 a 27.735 en 2022.