Volver ao contido

Notas de prensa

O consello de redacción da revista Administración&Cidadanía aproba os contidos da próxima publicación

O consello de redacción da revista Administración&Cidadanía aproba os contidos da próxima publicación

  • O volume 18 núm. 1 da revista incluirá artigos sobre o regulamento sanitario internacional, a participación cidadá, a seguridade industrial ou a fidelidade electoral en España, entre outros temas

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- Esta mañá reuniuse, de xeito presencial na Escola Galega de Administración Pública e tamén a través de videoconferencia, o Consello de redacción da revista Administración&Cidadanía para aprobar os contidos do volume 18 número 1.

O próximo exemplar da revista incluirá os artigos Regulamento sanitario internacional: implicacións, obstáculos e desafíos pensados desde o Sur Global, redactado por María Natalia Echegoyemberry, da Universidade Nacional de Rosario (Arxentina); Idade e capacidade na participación cidadá: unha comparación das previsións nas leis das comunidades autónomas, de Enrique Hernández Diez, profesor contratado doutor de Dereito Administrativo da Universidade de Extremadura; Aplicación do principio de precaución no ámbito da seguridade industrial; de Sophie Tost Pardell, responsable de Xestión e Control do Sistema de Seguridade Industrial da Dirección Xeral de Industria da Generalitat de Cataluña; A fidelidade como elemento explicativo dos resultados electorais en España, de Luis Barreiro Castro, doutor en Socioloxía e funcionario do Corpo Superior da Administración da Xunta de Galicia; e A convivencia xeracional no Estado do benestar mediterráneo: unha reforma urbana, sanitaria e dixital, de Marisol Crego Freijido, bolseira de formación para a xestión de procesos de avaliación e calidade da EGAP.

O número completarase coas notas A protección constitucional e internacional dos dereitos fundamentais de cidadáns estranxeiros e inmigrantes entre o dereito de asilo e o dereito dos refuxiados, do profesor Massimo Pellingra da Università de Palermo; e O 150 aniversario do arrêt Blanco. Que máis podemos aprender desta sentenza fundamental para o dereito administrativo francés?, de Armand Desprairies, maître de conférences da Universidade de Reims Champagne Ardenne.  
Todos estes contidos poderán ser consultados de balde na edición electrónica da Revista Galega de Administración Pública, no enderezo https://egap.xunta.gal/revistas/AC.