Volver ao contido

Notas de prensa

O conselleiro de Facenda e Administración Pública reitera o compromiso do Goberno galego coas pemes, autónomos e o tecido industrial

O conselleiro de Facenda e Administración Pública reitera o compromiso do Goberno galego coas pemes, autónomos e o tecido industrial

  • Miguel Corgos avanza máis apoios parar facilitar a implantación de novos proxectos en Galicia
  • O responsable da Facenda autonómica puxo en valor a Lei de Simplificación Administrativa como vehículo para facilitar os investimentos   
  • A reunión do Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)  contou, ademais, co relatorio do presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO) 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022.- O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reiterou hoxe, martes, o compromiso do Goberno galego coas PEMES, autónomos e o tecido industrial de Galicia, avanzando que os orzamentos do vindeiro ano van reforzar os apoios para facilitar a implantación de novos proxectos na comunidade galega.

Miguel Corgos puxo en valor a Lei de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica como vehículo para facilitar os investimentos, ao suprimir obstáculos e achegar facilidades. Na súa intervención na apertura da xuntanza do Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) fixo balance do primeiro ano de aplicación desta normativa na Administración autonómica, incidindo na rebaixa de 17 días no prazo de emisión de informes para a resolución de trámites empresariais. 

Na xornada estiveron tamén o presidente da CEG, Juan Vieites e o presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), José Carlos García de Quevedo, que pronunciou un relatorio.

Financiamento e axilidade de pago
O responsable da Facenda galega analizou a estratexia de apoio empresarial da Xunta, ademais da simplificación de procesos, abordou o financiamento, reforzado no Plan de choque do Goberno galego para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra en Ucraína, coa nova liña de avais do Igape e con préstamos directos para a industria manufactureira, que sofre o maior impacto deste conflito.

Lembrou tamén Miguel Corgos a importancia na axilidade de pago para a viabilidade das empresas. Galicia está cada ano entre as comunidades cos tempos de pago máis baixos no conxunto das administracións autonómicas, sempre por debaixo dos prazos que marca a lei estatal.

Colaboración
O Conselleiro de Facenda e Administración Pública apelou á colaboración entre a administración e os axentes económicos e sociais para superar os efectos da pandemia e da actual crise de prezos.

Corgos puxo énfase na necesidade de traballar de xeito coordinado e conxunto para reconstruír a economía galega, e basear o seu avance na dixitalización, a sostenibilidade e o talento, apoiada nos Fondos Next Generation, para os que pediu un reparto descentralizado, transparente e áxil como única forma de tirarlles partido e facer realidade proxectos transformadores en Galicia.

Rematou afirmando que a planificación é a base de todos este esforzo do Goberno galego e lembrou os sucesivos plans estratéxicos, que demostraron ser instrumentos moi útiles para a xestión. Para Miguel Corgos, a aprobación consensuada do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 proporciona a folla de ruta que a nosa comunidade precisa para ter garantías de crecemento e de creación de emprego para a vindeira década.