Skip to Content

Notas de prensa

Miguel Corgos pon en valor as rebaixas fiscais, a simplificación administrativa e a planificación como piares de apoio aos empresarios que impulsan o desenvolvemento de Galicia

Miguel Corgos pon en valor as rebaixas fiscais, a simplificación administrativa e a planificación como piares de apoio aos empresarios que impulsan o desenvolvemento de Galicia

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública participa no Pleno da Cámara de Comercio na cidade herculina 
  • Defende o papel da Administración como aliada das familias e as empresas, para achegarlles seguridade e reactivar a economía

 

A Coruña, 12 de xuño de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor a política fiscal galega, diante dunha ampla representación do empresariado da Coruña. Miguel Corgos explicou que se trata dun modelo competitivo co que o Goberno galego leva anos demostrando que se poden baixar impostos, mellorar os servizos públicos e cumprir as regras fiscais ao mesmo tempo. 

Miguel Corgos lembrou que só na pasada lexislatura este modelo aforrou uns 1.300 M€ ao conxunto dos galegos grazas ás rebaixas no IRPF, no Imposto de Sucesións, no de Transmisións Patrimoniais, no programa impostos 0 no rural e no imposto de Patrimonio. 

Simplificación e planificación
O responsable da Facenda galega defendeu que as Administracións públicas teñen que ser aliadas das familias e as empresas. Nese sentido, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha a Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica para, dunha banda, facilitar a implantación das iniciativas empresariais e, da outra, favorecer unha nova cultura administrativa dirixida a axilizar os procedementos burocráticos e impulsar a reactivación económica. 

O conselleiro de Facenda e Administración Pública avanzou que o Goberno galego quere apoiar aos empresarios no seu papel fundamental de facer avanzar Galicia para, entre todos, converter a Comunidade nun referente de sectores industriais estratéxicos. 

Galicia ofrece garantías ás empresas que queren investir e, ademais, conta coa confianza dos mercados, ao ter un marco institucional, económico e xurídico estable que achega seguridade e credibilidade aos inversores. O conselleiro de Facenda e Administración Pública ligou esta estabilidade ao feito de ter unha planificación estratéxica sólida, que permite que a Xunta estea executando xa o seu terceiro plan estratéxico.

Transformación dixital
Miguel Corgos fixo tamén mención ao proceso de transformación dixital no que tanto as empresas como a Administración están inmersos e no que a Xunta está a ser pioneira. Como a intelixencia artificial que ten en Galicia unha estratexia propia desde hai tres anos e unha estrutura de colaboración público-privada en este ámbito pioneira en España.

Froito desta cooperación a cidade da Coruña é a sede da AESIA, a primeira axencia reguladora da IA en Europa. Miguel Corgos lembrou tamén que Galicia vai contar en breve coa primeira lei rexional de desenvolvemento e impulso da IA, que irá ao Consello da Xunta nas próximas semanas.