Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos participa nunha visita do alumnado do CEIP Monte dos Postes ao Edificio Administrativo de San Caetano dentro da Semana do Goberno Aberto

Miguel Corgos participa nunha visita do alumnado do CEIP Monte dos Postes ao Edificio Administrativo de San Caetano dentro da Semana do Goberno Aberto

  • Os alumnos e os seus mestres puideron visitar algunhas das principais dependencias do edificio da Xunta, como a sala de Consello, e aprender sobre diversos procedementos e xestións administrativas que se desenvolven a diario
  • Os rapaces participaron tamén nunha charla co conselleiro de Facenda e Administración Pública, que contestou ás preguntas sobre a administración autonómica e o seu funcionamento
  • A Semana da Administración Aberta chega ao seu remate hoxe tras a realización de diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implicaron o conxunto das consellerías

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2024.- O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe na xornada de portas abertas para alumnado de Primaria que tivo lugar esta mañá no Edificio Administrativo de San Caetano, con motivo da celebración da Semana do Goberno Aberto.

Os protagonistas desta xornada foron os alumnos do CEIP Monte dos Postes de Santiago de Compostela e os seus mestres, que puideron visitar algunhas das principais dependencias do edificio da Xunta, entre as que destaca a sala de Consello, onde o presidente e os conselleiros se reúnen cada semana para tomar decisións de Goberno que afectan a todos os galegos, e aprender sobre diversos procedementos e xestións administrativas que se desenvolven a diario.

Os estudantes puideron tamén participar nunha charla co conselleiro de Facenda e Administración Pública sobre a estrutura e funcionamento da Comunidade Autónoma, así como sobre o xeito de organizar os orzamentos. Miguel Corgos respondeu despois as preguntas dos rapaces, que mostraron, por exemplo, o seu interese polas medidas da Xunta para incrementar o deporte federado feminino, xa que, actualmente, 1 de cada 4 licencias que hai en Galicia son femininas.

Así mesmo, o conselleiro fixo alusión aos piares fundamentais nos que debe apoiarse a educación, como a equidade, é dicir, que cada neno teña as mesas oportunidades e acceda a educación de calidade, tal e como ocorre en Galicia; e ás iniciativas postas en marcha para fomentar o uso do galego entre a xuventude, con programas como 21 Días co galego e +, Aquí tamén se fala galego, ou #digochoeu, un espazo da TVG.

Remate da Semana da Administración Aberta
A Semana da Administración Aberta chega ao seu remate hoxe tras a realización de diferentes actividades e xornadas de participación social na que se implicaron o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

Deste xeito, o programa contou con visitas, charlas, xornadas e webinarios guiados por conselleiros e outros altos cargos da Administración autonómica e abertos á participación dos galegos interesados en coñecer con máis detalle os temas abordados. 

Estas actividades constitúen unha oportunidade única para que os cidadáns coñezan mellor o funcionamento das Administracións e os valores que rexen o Goberno aberto, así como as ferramentas de participación cidadá na elaboración, planificación e execución das políticas públicas.

Esta iniciativa enmárcase na semana organizada pola Alianza do Goberno Aberto, da que España forma parte desde 2011, para dar máis participación aos cidadáns, utilizar as novas tecnoloxías para fortalecer a gobernanza e facilitar o acceso á xustiza, e construír institucións eficaces, inclusivas e transparentes.