Volver ao contido

Notas de prensa

Miguel Corgos destaca a aposta da Xunta polas novas tecnoloxías e por situar a Galicia na vangarda europea neste ámbito

Miguel Corgos destaca a aposta da Xunta polas novas tecnoloxías e por situar a Galicia na vangarda europea neste ámbito

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública inaugurou esta mañá o II Congreso Internacional de Blockchain de Galicia

A Coruña, 13 de setembro de 2024-. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a aposta do Goberno galego polas novas tecnoloxías e por situar a Galicia na vangarda europea neste ámbito. Así, recordou que a Comunidade é pioneira na aprobación dunha lei específica para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial, que establece o marco xurídico que facilita o uso desta tecnoloxía na Administración pública de forma segura, fiable e centrada nas persoas.

Durante a inauguración do II Congreso Internacional de Blockchain de Galicia, Miguel Corgos agradeceu aos 800 asistentes e aos preto de 40 expertos das empresas máis importantes de blockchain en Europa e Latinoamérica por reunirse en Galicia, e amosar todo o que esta tecnoloxía pode facer para mellorar as nosas vidas e as oportunidades laborais que abre.

Nesta liña, o conselleiro de Facenda e Administración Pública salientou que o blockchain representa un salto na seguridade e viabilidade de calquera transacción, o que servirá para chegar a acordos entre un gran número de actores a través de internet. "E isto será posible porque o blockchain garante que os procesos sexan inalterables, inmutables e públicos", dixo, incidindo en que esta maior seguridade facilitará as transaccións, a transparencia e as operacións con todo tipo de activos a través das telecomunicación, non só dixitais, senón tamén os físicos. 

Así mesmo, lembrou que o seu impacto nos diferentes sectores económicos estase acrecentando de maneira exponencial, facéndose máis evidente conforme se estende o seu uso. 

Miguel Corgos concluíu convencido de que o éxito desta segunda convocatoria permitirá impulsar este simposio como o foro tecnolóxico do norte de España.